InicioOPINIÓNA política do refresco

OPINIÓN

A política do refresco

Publicado o

Por Serxio María Rodríguez
Serxio María Rodríguez
Serxio María Rodríguez
Serxio María Rodríguez Álvarez, nado en Ourense en 1996, é un politicólogo e historiador galego con raíces no Couto Mixto, no concello de Calvos de Randín. Os seus traballos de investigación céntranse no eido da historia política e a historia do pensamento.

Dende hai un tempo para aquí vimos constatando que Galicia é unha delegación e non unha comunidade como tantas veces se refire a nós o xefe do executivo galego. Que se a comunidade galega representa…, que se a nosa comunidade pensa…, que se a comunidade que nós gobernamos…, que se Galicia é unha comunidade que…, que se choverá ou fará sol na nosa comunidade. É ben sabido que o concepto foi aceptado polos máis nacionalistas porque ninguén pode negar que unha nación é de facto unha comunidade política, máis os nacionalistas españois, iso si, quixeron noquear dalgún xeito a arelas políticas das ditosas “comunidades nacionais” evitando termos idolatrados para eles, per gratia de Franco, como o de estado, que para os “homes de Estado da Transición” tiña de ser “uno pero no trino”, e polo tanto de ningún xeito federal para as esquerdas ou Se queredes foral para as dereitas, nisto último só se cedeu no caso vasco, entre outras razóns pola teimosía do PNV en ter no peto a chave dos cartos, acertaron dende logo.

Dicía a comezo do artigo que somos unha delegación, e non é algo para botarse a chorar unha vez máis, en certa medida non é culpa nosa, aínda que tamén. Somos unha delegación porque o sistema político galego deixou nos derradeiros anos de ser un sistema político e converteuse nunha delegación das estratexias comunicativas dos señores e señoras que en Madrid pretenden a Moncloa. O presidente da Xunta que xa tomou posesión do seu cargo, logo dunha vitoria ampla co respaldo de todo o flanco social da dereita e do centro do arco electoral galego, sen mediar competencia nesa leira electoral, aínda non ocupou a presidencia do Goberno Galego, pero xa exerce como embaixador do produto que Feijóo representa para a Moncloa. Pasamos daquela política que Barreiro Rivas chamaba de “pescadería”, de agardar a quenda para apañar o peixe, a estoutra que eu chamo do refresco. A política do refresco que padecemos en Galicia, é a política da Coca-Cola e a Pepsi-Cola, da que o señor Rueda e o bloque da esquerda son os distribuidores no solar galaico, se o señor Feijóo é a Pepsi, o señor Sánchez é a Coca-Cola, teñen un regusto similar para Galicia, pero o consumidor sempre estará disposto a non desfrutar das profundas emocións que nos promete o spot publicitario de turno, nunha experiencia inigualable de sabores doces e experiencias de progreso da marca VIP, se se pode aforrar uns céntimos nun refresco máis barato. Hai que lle recoñecer ao señor Rueda mestría nisto de vender refrescos, pero moi especialmente na bancada de enfronte o alarmante non é que o señor Besteiro nos trate de explicar que a Coca Cola é máis doce, o máis alarmante é que a señora Pontón ante o lamentable espectáculo dado polo presidente do Goberno a pasada semana coas súas dúbidas sobre se seguir fabricando ou non refresco, nos diga que ela tamén bebe Coca-cola. A miña conclusión é polo tanto que a política española, máis que unha “maquinaria do fango”, o que realmente ten, é unha fabrica enorme de refrescos de dous sabores, e en Galicia os nosos distribuidores empréganse a fondo en que deixemos os zumes fermentados das nosas vides e os substituamos pola política do refresco a golpe de entreternos cos seus emocionantes spots.

Voltando do plano da metáfora, o que pretendo poñer en tea de xuízo con esta reflexión é que a política non se consume, a política non é só o que vemos e ouvimos, a política ten de ser necesariamente o que pensamos e o que fan os nosos representantes, e cada un de nós temos unha cabeciña magnífica para pensarmos por nós mesmos. É ben sabido que o azucre e o exceso de cafeína son lesivos para a serenidade, e nós galegos da Galicia do século XXI hai moito tempo que levamos bebendo da mesma beberaxe con distintos adhesivos vermellos e azuis.

Vai sendo tempo de que voltemos a colleitar as nosa vides, que saen da terra, mesmo daquelas terras que semellan máis ermas, poden derivarse os mellores caldos. Colleitemos!

ÚLTIMAS

Os piquetes impiden a saída dos servizos mínimos e Santiago queda sen autobuses a primeira hora

O transporte urbano e interurbano de Santiago quedou paralizado a primeira hora deste xoves...

Ence leva o conflito laboral a Santiago cunha nova xornada de folga e mobilizacións o martes

Os traballadores e traballadoras de Ence en Lourizán volveron sacar o conflito laboral fóra...

Os Bonos Corazón mobilizan preto de dous millóns de euros no comercio local de Santiago en 2025

O programa municipal Bonos Corazón pechou o ano cun balance que, segundo destacou a concelleira...

A Asemblea de Investigadoras convoca un debate coas catro candidatas á Reitoría da USC o 11 de decembro

A Universidade de Santiago vivirá este xoves 11 de decembro unha nova xornada de...

Para cambiar Galicia hai que ter paciencia… e o traxe de austronauta posto

En Galicia levamos anos vendo cousas que dan moita rabia: tramas urbanísticas, contratos raros,...

Despropósitos e ocorrencias!

Dende que comezou o estado das autonomías, Galiza ten transferidas as competencias en materia...

Gaza, cemiterio de xornalistas

A historia só será xenerosa coas testemuñas. En Gaza lembrarase o nome de Anas...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here