Orixinariamente o termo avenida facía referencia ao camiño que entraba nunha cidade e que viña dun sitio. Logo perdeuse o concepto orixinal de “venida” e agora designa, segundo a RAG, unha rúa longa e larga. Así, en Santiago, a Avenida de Lugo é longa e larga e máis ou menos vén de Lugo. A Avenida de Barcelona é unha rúa algo longa e larga pero non vén de Barcelona e a Avenida de Bilbao nin é longa, nin é larga nin vén de Bilbao.
É curioso que os poderes políticos locais teñan a capacidade de poñer nomes aos lugares. Dende sempre os topónimos eran unha creación colectiva de todo o pobo e por iso os topónimos teñen unha historia e unha razón de ser. A toponimia é un ben inmaterial de calquera pobo e nese ben Galicia ten moita riqueza pola ampla e variada microtoponimia. Así a avenida de Bilbao está nun lugar designado Agra da Palleira, que ten unha pequena rúa nesa zona. A elección de Avenida de Bilbao ten orixe, case seguro, nunha visión pseudocosmopolita. Queda mellor chamar a un fillo Iosuá que Manuel. Un piso na Avenida de Bilbao seguro que vale máis que en Agra da Palleira.
Esta visión, que pretende ser moderna, non deixa de ser un xeito de negarnos a nós mesmos. Un topónimo ten séculos de historia e reflicte toda unha tradición. Por algo comezou chamarse dese xeito. Por algo continúa a chamarse así. Non sabemos por que, pero seguimos a chamalo así e respectámolo. É unha mostra de cariño aos nosos antergos. É máis tradicional que o churrasco, que realmente non é tradicional aínda que estea rico, ou o polbo á feira.
Galicia, coma país, mellorou moito no respecto aos topónimos. Agora, se alguén di Sangenjo, Niño de la Guía ou Puerta Fajera vai ir acompañado dun silencio incómodo. Todos temos claro como é a forma en galego que ven sendo a oficial. Todos sabemos por que se di Sanxenxo e non a forma deturpada. Agora temos que avanzar máis. É o momento de mirar e investigar a nosa rica toponimia. Hai moito labor. Nós, que somos dunha cidade con dous topónimos interesantísimos: Santiago e Compostela.

