InicioOPINIÓNTrump e o sesgo do resultado

OPINIÓN

Trump e o sesgo do resultado

Publicado o

Por Xosé Carlos Veiga García
Xosé Carlos Veiga García
Xosé Carlos Veiga García
Xosé Carlos Veiga García (Ferrol, 1997) é investigador predoutoral no grupo HISPONA da Universidade de Santiago de Compostela. Na súa traxectoria colaborou con institucións como o NIOD Institute for War, Holocaust and Genocide Studies e o Moscow State Institute of International Relations. Participou de proxectos como Lugares de Memoria Democrática de Galicia, a criazón do Fondo de Propaganda Política Miguel Gutiérrez ou o informe para a recuperación das estatuas do Pórtico da Gloria do Pazo de Meirás. Conta con diversas publicacións, conferencias e eventos relacionados coas identidades políticas
e nacionais en conflito, a memoria coletiva e o papel das tecnoloxías dixitais no enfrontamento intergrupal.

Na historia recente dos Estados Unidos abundan as decisións determinadas por factores alleos á análise rigorosa das variábeis en xogo. Cando Ronald Reagan sentaba no seu escritorio a resolver asuntos de calado para o país, dispuña dun calendario cos días pintados de cores segundo as recomendacións da astróloga Joan Quigley, consultada pola súa dona para eventos tan importantes como a reunión mantida en Xénova con Gorbachov en 1985. Así mesmo, as desastrosas invasións de Iraq e Afganistán foron influidas polas conviccións relixiosas do presidente George W. Bush. Segundo David Frum, que lle escrebía os discursos, as súas crenzas non lle permitían aceitar ambigüidades morais na loita contra o mal: “Hai un Deus que o sabe todo e que decreta certos comportamentos, e os líderes deben obedecer”.

Donald Trump non semella un home con profundas conviccións relixiosas nin un espiritista. Máis ben, o seu comportamento ten sido analizado por Robert Costa, un dos xornalistas que máis siguen a súa carreira, como o de alguén que acredita na súa intuición para guialo todo. A súa imaxe como extremista perigoso débese a unha estratexia para lidar coa política que algúns teñen comparado coa do shock and awe (sorpresa e horror). Esta expresión provén do mundo militar, e refírese ao emprego dunha forza desproporcionada e repentina para obrigar ao adversario a se rendir con rapidez. Despois de ameazar con impor un arancel abusivo (25%) sobre todos os bens importados de México conseguiu chegar a un acordo sobre o control de fronteiras; ter iniciado negociacións separadas con Rusia e posto sobre a mesa a retirada de toda axuda militar deu lugar a unha actitude máis aberta ás negoacións pola banda ucraína. Ameazar aos palestinos da Gaza con mercar a súa terra e facer dela un destino turístico pódese interpretar na mesma liña, aínda que os seus resultados están aínda por ver.

Entre o pau e a cenoura, Trump adoita escoller a granada de fragmentación, tira do anel e agarda que o seu adversario dea un paso atrás para evitar a catástrofe. Algúns chaman a iso desprezo pola orde internacional, mais tamén existen os que, vendo como parece acadar os seus obxectivos, considérano un xenio. Así, para Pedro Baños, referente de certos sectores da direita española en materia de xeopolítica, estamos diante dunha “estratexia perfectamente planificada”. Segundo José Antonio Fúster, portavoz da formación política Vox, “Trump ten fama de ser un bo pacificador e un bo negociador, e iso é o que necesitamos: persoas que teñan a iniciativa para acabar cunha guerra.”

Avaliar a calidade dun proceso de toma de decisións só polos seus resultados é un sesgo cognitivo que conduce a erros de xulgamento. Como explicaban Baron e Hershey, da Universidade de Pennsylvania, cando a consecuencia dunha acción é positiva tendemos a pensar que o procedemento que a levou adiante foi mellor, sen coñecer cales eran as probabilidades de éxito reais. Se antes de apoiala nos dixeran que as expectativas de que saia mal son dun 50%, consideraríamos que non é boa, e o máis seguro é que non quixésemos correr o risco. Porén, se só vísemos un bo resultado, sen coñecer ese grao de incerteza, aceitaríamola como boa.

Acreditar nunha estratexia política só polo seu aparente éxito inmediato, como acontece co método Trump, asombra as súas consecuencias negativas a longo prazo. Renunciar aos consensos internacionais e apostar pola forza e a imposición rápida pode funcionar temporalmente, mais aumenta de xeito perigoso a incerteza futura.

ÚLTIMAS

O Concello de Santiago aproba novas licenzas de obra e reactiva a solicitude para declarar a cidade como zona de mercado residencial tensionado

A Xunta de Goberno Local de Santiago de Compostela aprobou este luns diversos acordos...

Maite Flores destaca que “hai partido” entre as dúas candidaturas ao reitorado da USC

A candidata á reitoría da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Maite Flores, reivindicou...

Un estudo do IDIS apunta que un fármaco usado contra a gota podería axudar a combater a osteoporose

A revista científica Pharmaceutics publicou un traballo do grupo de Patoloxía Musculoesquelética do IDIS,...

O PSOE pregunta ao Goberno de Santiago cando licitará as cafeterías dos parques municipais tras quedar deserto o concurso o pasado verán

O Grupo Municipal Socialista de Santiago levará ao pleno deste mes unha pregunta sobre...

Toponimia cool

Orixinariamente o termo avenida facía referencia ao camiño que entraba nunha cidade e que...

Listas de espera e abandono nos servizos sociais de Santiago

Salvador Blanco Turnes Seis meses de espera para conseguir unha primeira cita cunha asistenta social...

Por que nos manifestamos o 1 de febreiro do 2026?

O 1 de febreiro do 2026, a Plataforma SOS Sanidade Pública de Galicia, chama...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here