A acampada pola vivenda de Santiago de Compostela iniciou a recollida e reorganización do campamento instalado desde o 1 de outubro na Praza do Obradoiro. A retirada de tendas fíxose visible nos últimos días e este sábado quedaban algo máis dunha trintena na praza. O colectivo aínda non concretou cando rematará o desmonte.
Parte dos palés que serviran para montar o campamento forman agora unha estrutura reivindicativa no centro do Obradoiro. No medio da instalación figura un cartel co lema “Nós temos as chaves da cidade”. A mensaxe “Dereito a teito” aparece nunha pancarta e tamén nun cartel do tipo que se emprega para anunciar vivendas en alugueiro. Na parte superior colocáronse unha bandeira coa inscrición “Barrios para vivir, non para especular” e unha insignia palestina.
As primeiras tendas, arredor dunha decena, instaláronse pasada a medianoite do 30 de setembro ao 1 de outubro. O campamento foi medrando nas seguintes xornadas ata superar o centenar de tendas e incorporou carpas e outras estruturas para protexer da intemperie as persoas que participaban na protesta.
Mes e medio despois, esas instalacións comúns están case por completo desmontadas. Algunhas das lonas e outros materiais empregados para construílas seguen na praza, amoreados xunto ás tendas que permanecen no Obradoiro.
PONTEVEDRA E VIGO TAMÉN RETIRAN AS TENDAS
A de Santiago foi a primeira das tres acampadas pola vivenda que se instalaron en Galicia. En Pontevedra, o campamento abandonou a Alameda entre o xoves e o venres. Os seus integrantes anunciaron que queren trasladar aos barrios as asembleas e as actividades.
En Vigo, a retirada comeza este domingo 15 de novembro e está previsto que se prolongue polo menos ata finais da vindeira semana. As persoas que integran o campamento vigués prevén continuar como colectivo asembleario e colaborar cos grupos que xa traballan na cidade.
PROTESTA POLA ACTUACIÓN POLICIAL TRAS A FOLGA XERAL
O Obradoiro tamén acolleu este sábado unha concentración contra a actuación policial tras a manifestación do 11 de novembro, día da folga xeral. A protesta referíase ao sucedido nunha rúa próxima ao parque de Belvís, onde, tras rematar a marcha, se produciu unha intervención policial que acabou cunha moza de 19 anos hospitalizada.
Na convocatoria difundida nas redes sociais, a acampada cualificou a actuación de “acorralamiento” e sostivo que varias persoas quedaron “encerradas entre dous furgóns”. Segundo esa versión, dos vehículos baixaron axentes que as golpearon contra a parede. A convocatoria atribuíu ás persoas afectadas a afirmación de que os axentes actuaran coa intención de agredilas.

