InicioMOV. SOCIAISOs Roteiros Saudables da AECC regresan a Santiago con andainas quincenais para...

Os Roteiros Saudables da AECC regresan a Santiago con andainas quincenais para combater o sedentarismo

A nova edición comezará o 14 de outubro con percorridos duns cinco quilómetros por diferentes zonas da cidade, abertos á poboación xeral e cun máximo de entre 15 e 20 participantes

Publicado o

Xornal de Compostela

O programa Roteiros Saudables da Asociación Española contra o Cancro (AECC) regresará a Santiago de Compostela o próximo 14 de outubro cunha nova edición de andainas destinadas a fomentar a actividade física e reducir os hábitos sedentarios. Os percorridos celebraranse cada quince días, os mércores ás 11:00, e permitirán coñecer diferentes espazos da cidade mediante camiñadas de arredor de cinco quilómetros.

A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, presentou este martes a iniciativa xunto ao presidente da xunta local de Santiago da AECC, Xoán Concheiro, e Andrea Gómez, psicóloga e integrante da área de promoción da saúde da entidade. Rozas destacou que o programa se converteu nunha actividade habitual da colaboración entre o Concello e a asociación e incidiu na súa dobre vertente de promoción da saúde e creación de espazos de encontro.

As rutas terán unha duración aproximada de entre 60 e 90 minutos e estarán deseñadas para resultar accesibles a persoas con diferentes condicións físicas. A proposta está aberta tanto a pacientes oncolóxicos e familiares como ao conxunto da cidadanía. “A idea é promover a saúde física”, explicou Rozas, que tamén salientou a dimensión social das saídas, ao facilitar o contacto entre participantes e o intercambio de experiencias.

A concelleira relacionou a iniciativa co incremento do sedentarismo asociado aos actuais estilos de vida e ao uso das novas tecnoloxías. Lembrou que as recomendacións sanitarias sitúan en 150 minutos semanais a actividade física que debería realizar unha persoa adulta e apuntou que unha parte importante da poboación non alcanza esa referencia. Rozas citou tamén datos dun estudo da Universidade de Santiago segundo os cales aumentou na última década a porcentaxe de persoas que pasan máis de catro horas e media sentadas ao día, mentres que un 36% da poboación galega presenta un gasto enerxético baixo nas súas actividades de lecer.

PERCORRIDOS POR PARQUES E BARRIOS DE SANTIAGO

O calendario permitirá percorrer diferentes puntos do municipio. Entre os itinerarios previstos figuran traxectos entre o Multiusos Fontes do Sar e o parque Eugenio Granell, entre Carlo Magno e San Lázaro, ou desde Eugenio Granell ata o Banquete de Conxo. Tamén se contemplan rutas por Fonseca e a carballeira de San Lourenzo, Santa Isabel, Vistalegre, a Granxa do Xesto, Belvís, A Almáciga e Ponte Mantible.

Concheiro explicou que a intención é combinar o exercicio cunha aproximación a espazos que, malia formar parte da contorna habitual dos composteláns, poden ser descoñecidos para parte dos participantes. “Cada paso conta”, resumiu o presidente da xunta local da AECC, quen incidiu en que o obxectivo non pasa por realizar grandes distancias, senón por incorporar o movemento ás rutinas cotiás e conseguir que o hábito se manteña no tempo.

A organización prevé grupos reducidos para facilitar o desenvolvemento das saídas. Andrea Gómez explicou que se establece como referencia un máximo de entre 15 e 20 persoas, xa que as andainas dependen do traballo do voluntariado e é preciso garantir a seguridade e o acompañamento dos participantes. A finais da semana pasada había xa arredor de dez ou once persoas inscritas.

As inscricións permanecerán abertas ao longo de todo o ano e poderán realizarse contactando coa AECC ou acudindo á súa sede. As persoas participantes incorporaranse tamén a unha canle de comunicación coa organización para recibir información sobre os percorridos e posibles modificacións. En caso de condicións meteorolóxicas que impidan realizar unha saída, a actividade trasladarase ao seguinte mércores.

Concheiro enmarcou os roteiros dentro do traballo preventivo da asociación, xunto coa atención gratuíta a pacientes e familiares e o financiamento da investigación oncolóxica. Segundo explicou, unha parte relevante dos casos de cancro está relacionada con factores de risco modificables, polo que a AECC busca promover hábitos vinculados ao exercicio, á alimentación e á redución do sedentarismo. A iniciativa compostelá súmase ademais á colaboración da entidade co Clúster Galego da Industria do Deporte dentro do ‘Plan 2.000.000’.

UNHA NOITE SOLIDARIA O 23 DE OUTUBRO

Durante a presentación, Concello e AECC aproveitaron tamén para avanzar a próxima Noite Solidaria contra o Cancro, prevista para o 23 de outubro. O encontro terá como finalidade recadar fondos para apoiar os programas de atención a pacientes e familias, as campañas de prevención e a investigación, pero a entidade pretende tamén convertelo nun punto de encontro para a sociedade compostelá.

A cita contará cunha proposta gastronómica centrada en produtos galegos con certificación de calidade diferenciada, entre eles alimentos amparados por denominacións de orixe, indicacións xeográficas protexidas, produción ecolóxica e artesanía alimentaria. Segundo avanzou Concheiro, participarán profesionais da cociña e a velada incluirá tamén actuacións artísticas que a organización dará a coñecer máis adiante.

ÚLTIMAS

Un peregrino morre tras sufrir unha parada cardíaca no Camiño de Fisterra ao seu paso por Ames

Un peregrino faleceu este luns mentres percorría o Camiño de Fisterra ao seu paso...

Brión leva a pleno uns orzamentos de 9,2 millóns para 2026, un 19% máis que en 2024

O Pleno do Concello de Brión abordará este mércores, 7 de outubro, ás 13:00,...

A acampada de Santiago pola vivenda mantense pese ao mal tempo “ata que haxa cambios reais”: “Como bos galegos, non nos para a choiva”

A acampada pola vivenda instalada na Praza do Obradoiro de Santiago continuará de xeito...

O PSOE urxe o Goberno de Santiago a completar o censo de vivendas baleiras e mobilizalas

O Grupo Municipal Socialista de Santiago reclamou ao Goberno local que complete o censo...

A mocidade no Obradoiro seguirá a acampada: “A dereita traerá máis miseria”

Os mozos acampados pola vivenda na praza do Obradoiro, en Santiago de Compostela, aseguraron...

A mocidade socialista de Compostela convoca unha protesta de urxencia polo adianto electoral

A Coordinadora da Mocidade Socialista (CMS) convocou para este luns unha mobilización de urxencia...

Miles de manifestantes reclaman en Santiago a “fin do xenocidio en Palestina” e a “imposición de sancións” a Israel

Milleiros de manifestantes reclamaron en Santiago de Compostela a "fin do xenocidio en Palestina"...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here