InicioMOV. SOCIAISArredor de 200 persoas percorren Compostela contra o desafiuzamento de Maricarmen en...

Arredor de 200 persoas percorren Compostela contra o desafiuzamento de Maricarmen en Madrid

A mobilización partiu do Toural e rematou cunha sentada no Obradoiro en solidariedade coa veciña de 87 anos desaloxada da súa vivenda no distrito madrileño do Retiro

Publicado o

Xornal de Compostela

Arredor de 200 persoas percorreron este xoves o centro de Santiago de Compostela para protestar polo desafiuzamento de Maricarmen, unha veciña de 87 anos do distrito madrileño do Retiro. A mobilización, convocada polo Sindicato de Vivenda de Compostela, partiu ás 19:00 da Praza do Toural e avanzou polas rúas da cidade ata chegar á Praza do Obradoiro, onde os participantes realizaron unha sentada arredor das 20:20.

A protesta convocouse despois de que Maricarmen fose desaloxada o mércores da vivenda na que residía en Madrid, un caso que motivou mobilizacións de colectivos polo dereito á vivenda en diferentes cidades. Durante a marcha compostelá, os asistentes corearon consignas como “Que pasa, que pasa, que non temos casa”, “A vivenda é un dereito e non un negocio”, “Casas para vivir e non para investir” ou “Por todas as Maricarmen”. Tamén se escoitaron mensaxes contra os fondos de investimento e referencias á presidenta madrileña, Isabel Díaz Ayuso.

O Sindicato de Vivenda de Compostela atribuíu o sucedido a distintos actores relacionados co mercado inmobiliario e coa actuación das administracións. “Feitos como os de onte teñen responsables: fondos voitre e empresas que fan negocio coa vivenda, institucións e partidos cuxas medidas (cando existen) son tímidas e insuficientes, e un sistema xudicial e policial que é o brazo executor desta barbarie”, sostivo o colectivo. A organización fixo ademais unha chamada “á acción” e á organización en sindicatos e movementos transfeministas, antirracistas, veciñais e da clase traballadora.

Daniel, representante do sindicato, cualificou o caso de “especialmente sanguento” pola idade da afectada e pola intervención policial durante o desafiuzamento. Segundo sinalou ante os medios, tamén consideran relevante “como todo o sistema policial e xudicial envorcouse por facer efectivo este desafiuzamento”. O colectivo compostelán trasladou igualmente o seu apoio ao Sindicato de Inquilinas de Madrid e ao Sindicato de Vivenda de Carabanchel, aos que agradeceu “pór o corpo para evitar, por desgraza sen éxito, o desafiuzamento de Maricarmen”.

Ao longo do percorrido tamén se exhibiron pancartas con mensaxes como “Barrios para vivir e non para especular”, “PSOE cómplice” ou “Isto é insoportable”. Xa no Obradoiro, a mobilización concluíu cunha sentada e co son das chaves dos participantes, que as axitaron antes do remate da protesta. Nese momento tamén se corearon consignas críticas coa actuación das forzas de seguridade.

Á mobilización asistiu tamén o secretario xeral de Sumar Galicia, Paulo Carlos López, que centrou as súas declaracións no PSOE ante a posible aprobación dun decreto en materia de vivenda o próximo martes. “Ou o PSOE móvese ou vai asumir as consecuencias”, afirmou. López reclamou ademais a expropiación da vivenda de Maricarmen e asegurou que o Goberno de coalición “non pode defraudar”.

A protesta de Compostela formou parte das mobilizacións celebradas tras o desafiuzamento da veciña madrileña, que tamén levaron as reivindicacións ás rúas doutras cidades. En Galicia houbo outra concentración na Coruña, neste caso diante da Delegación do Goberno, na que os participantes reclamaron ás institucións públicas que “deixen de ser cómplices” ante os desaloxos de persoas vulnerables.

O manifesto lido na Coruña pediu a paralización dos desafiuzamentos de persoas en situación de vulnerabilidade, o remate dos beneficios fiscais vinculados á especulación inmobiliaria e unha regulación máis restritiva das vivendas de uso turístico que dea prioridade ao uso residencial. Entre as reivindicacións tamén figuraron unha fiscalidade progresiva en función do número de inmobles acumulados e a incorporación ao parque público e social das vivendas baleiras en mans de bancos, fondos e empresas inmobiliarias.

ÚLTIMAS

A acampada de Santiago pola vivenda mantense pese ao mal tempo “ata que haxa cambios reais”: “Como bos galegos, non nos para a choiva”

A acampada pola vivenda instalada na Praza do Obradoiro de Santiago continuará de xeito...

Os Roteiros Saudables da AECC regresan a Santiago con andainas quincenais para combater o sedentarismo

O programa Roteiros Saudables da Asociación Española contra o Cancro (AECC) regresará a Santiago...

O PSOE urxe o Goberno de Santiago a completar o censo de vivendas baleiras e mobilizalas

O Grupo Municipal Socialista de Santiago reclamou ao Goberno local que complete o censo...

A mocidade no Obradoiro seguirá a acampada: “A dereita traerá máis miseria”

Os mozos acampados pola vivenda na praza do Obradoiro, en Santiago de Compostela, aseguraron...

Os Roteiros Saudables da AECC regresan a Santiago con andainas quincenais para combater o sedentarismo

O programa Roteiros Saudables da Asociación Española contra o Cancro (AECC) regresará a Santiago...

A mocidade no Obradoiro seguirá a acampada: “A dereita traerá máis miseria”

Os mozos acampados pola vivenda na praza do Obradoiro, en Santiago de Compostela, aseguraron...

A mocidade socialista de Compostela convoca unha protesta de urxencia polo adianto electoral

A Coordinadora da Mocidade Socialista (CMS) convocou para este luns unha mobilización de urxencia...