O Goberno municipal de Santiago reclamou á empresa concesionaria do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) que aboe “canto antes” a paga extraordinaria de verán pendente ás traballadoras, despois da mobilización convocada polo persoal para denunciar o impago. A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, María Rozas, trasladou o apoio do executivo local ás demandas do cadro de persoal e cualificou a reclamación como unha cuestión de “xustiza”.
Rozas sinalou que as traballadoras reclaman o cobro dunha paga correspondente a un traballo xa realizado e lembrou que a empresa, a UTE SIAD24-Asistenzia, comunicara no seu momento, o pasado 15 de xuño, a súa intención de facer efectivo o pagamento, aínda que alegara un problema transitorio de liquidez que lle impedía asumilo nese momento.
A edil subliñou que esa situación económica da concesionaria non ten relación coa súa vinculación contractual co Concello de Santiago. Segundo explicou, a Administración local está a cumprir coas obrigas económicas derivadas do contrato. “As facturas están pagadas, estamos ao día”, afirmou Rozas, que insistiu en que a empresa debe asumir as condicións recollidas no acordo asinado co Concello.
Nese sentido, o Goberno municipal lembra que a concesionaria ten a obriga de cumprir tanto no relativo aos salarios das traballadoras como na prestación do servizo ás persoas usuarias. Rozas incidiu en que o SAF é unha prestación considerada prioritaria polo executivo compostelán, tanto pola súa función social como polo volume de persoas dependentes ou en situación de vulnerabilidade que reciben atención a través deste recurso.
Ante o conflito aberto, e logo de manter diferentes reunións internas no Concello, o Goberno local convocará un encontro a tres bandas coa empresa e coas representantes das traballadoras. O obxectivo, segundo explicou Rozas, é abordar a situación de maneira conxunta e procurar unha saída que permita resolver o impago da paga extraordinaria.
A concelleira tamén advertiu de que, se a empresa non cumpre coas condicións asinadas no contrato, o Concello estudará a activación das medidas previstas nos pregos e na lexislación vixente. “Exiximos que se cumpran coas condicións asinadas no contrato. E senón, teremos que tomar as medidas legais que están recollidas nos pregos e na lexislación vixente”, indicou.
Rozas puxo en valor o incremento do orzamento municipal destinado ao SAF nos últimos anos. Segundo detallou, o Concello elevou nun 73% a dotación económica deste servizo, que pasou de 3 millóns de euros a 6,3 millóns. Para o Goberno local, este aumento reflicte a relevancia que se lle outorga á atención no fogar dentro das políticas municipais de servizos sociais.
A edil avanzou tamén que o Concello mantén a vontade de sacar a licitación un novo contrato do SAF, unha medida xa anunciada nos orzamentos de 2026 e na que, segundo explicou, o Goberno local leva meses traballando. Rozas sinalou que a previsión é que o novo procedemento poida saír “en breve”.
A situación laboral no SAF de Santiago chega despois de que o persoal denunciase o impago da paga extra de verán por parte da concesionaria e convocase unha mobilización diante do Concello. As traballadoras manteñen que a empresa incumpre unha obriga básica, mentres continúan prestando o servizo ás persoas usuarias.

