InicioMOV. SOCIAISSantiago probará un sistema dixital para axilizar as bolsas de comedor escolar

Santiago probará un sistema dixital para axilizar as bolsas de comedor escolar

O Concello colaborará co grupo Armela da USC nun proxecto piloto para reducir a burocracia e facilitar que as familias vulnerables non queden fóra das axudas

Publicado o

Xornal de Compostela

O Concello de Santiago e o grupo de investigación Armela da USC colaborarán no deseño dun procedemento para avanzar cara a unha administración dixital proactiva na atención ás situacións de vulnerabilidade. O proxecto, presentado pola concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, terá como primeiro ámbito de aplicación as bolsas de comedor escolar, material escolar e actividades extraescolares.

Na rolda de prensa participaron tamén Alba Nogueira, investigadora principal de Armela; Beltrán Puentes, codirector do proxecto, e Andrei Quintiá, integrante do grupo. Segundo explicou Rozas, a iniciativa busca automatizar parte da tramitación destas axudas municipais, reducir os tempos de xestión e evitar que posibles familias beneficiarias non cheguen a solicitalas por descoñecemento ou polas dificultades que supón relacionarse coa Administración.

A concelleira sinalou que o proxecto ten un carácter “ambicioso e bastante innovador” no ámbito da Administración local galega. O obxectivo é desenvolver un modelo no que as familias que xa solicitaron estas bolsas en convocatorias anteriores non teñan que repetir cada ano todo o procedemento nin achegar documentación que xa está en poder das administracións.

Rozas comparou o sistema que se pretende deseñar co funcionamento da declaración da renda: a familia recibiría unha proposta ou borrador da axuda e podería confirmala ou modificala. “Trátase de que a axuda de comedor escolar sexa nun clic, ou confirmas ou modificas”, explicou a concelleira.

O Concello destina actualmente 1,1 millóns de euros á convocatoria de bolsas de comedor, material escolar e actividades extraescolares, unha cifra que, segundo Rozas, supón un 40% máis que hai catro anos. A edil tamén indicou que hai dez anos o orzamento desta liña era de 85.000 euros. Na última convocatoria, estas axudas chegaron a preto de 1.900 nenos e nenas, nun tramo de idade no que o padrón municipal recolle arredor de 6.500 menores de entre 3 e 12 anos.

A concelleira defendeu que Santiago é a cidade galega que máis destina por habitante a este tipo de convocatoria, pero advertiu de que o Concello quere “ir máis alá”. Nese sentido, afirmou que un dos propósitos do proxecto é reducir un 80% os tempos de tramitación e diminuír a carga burocrática tanto para as familias como para os servizos municipais.

Rozas lembrou que diferentes estudos sinalan que moitas prestacións sociais non chegan a todas as persoas que teñen dereito a elas. Como exemplo, citou datos da Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal segundo os cales o 55% dos fogares españois con dereito ao ingreso mínimo vital non o solicitan. A concelleira vinculou esta realidade coas barreiras administrativas que atopan con máis intensidade as familias en situación de vulnerabilidade.

A investigadora principal de Armela, Alba Nogueira, explicou que o proxecto, chamado ‘Axudas a un clic’, parte das investigacións desenvolvidas polo grupo arredor dos atrancos burocráticos que afectan ás persoas vulnerables cando se relacionan coa Administración. Entre esas dificultades mencionou os déficits de información, a sobrecarga de documentación e a brecha dixital.

Nogueira sinalou que, segundo datos de Cáritas, arredor de seis de cada dez persoas en situación de vulnerabilidade non acceden ás axudas sociais previstas para elas, en boa medida por este tipo de obstáculos. A investigadora incidiu en que o modelo de servizos proactivos busca “darlle a volta” ao funcionamento tradicional da Administración, de maneira que sexa esta quen anticipe a posibilidade de acceso á axuda cando xa conta con información suficiente.

No caso das bolsas de comedor, Armela propón partir das solicitudes xa presentadas en cursos anteriores. Dado que os nenos e nenas adoitan permanecer varios anos no sistema educativo, o Concello podería ofrecer ás familias unha proposta para cursos posteriores, que estas só terían que confirmar ou actualizar se cambiaron as súas circunstancias.

A investigadora destacou que o proxecto foi seleccionado dentro dun programa da USC de aceleración da transferencia en Ciencias Sociais, orientado a aplicar resultados de investigación en colaboración con empresas ou administracións. No caso de Armela, indicou, o ámbito natural de traballo é a relación entre a cidadanía e as administracións públicas.

Rozas aclarou que o novo procedemento non se aplicará á convocatoria 2026-2027, senón que o equipo traballará nos próximos meses coa vista posta na convocatoria 2027-2028. A concelleira explicou que os servizos municipais teñen unha carga de traballo elevada e que a colaboración coa universidade permitirá incorporar coñecemento especializado e unha mirada máis ampla sobre os cambios que se poden introducir.

Nogueira apuntou que o grupo xa mantivo xuntanzas con Servizos Sociais, coa asesoría xurídica e coa intervención económica do Concello. Segundo explicou, o deseño do procedemento farase “a dúas mans”, combinando a experiencia investigadora de Armela co coñecemento práctico do persoal municipal que xestiona estas convocatorias.

Tanto o Concello como o grupo da USC consideran que o proxecto pode ter continuidade máis alá das bolsas de comedor. A intención é que este piloto permita identificar problemas, solucións e condicións necesarias para que o modelo poida ser replicado noutras convocatorias municipais ou mesmo noutras administracións públicas.

ÚLTIMAS

Borja Verea propón crear unha ‘Casa das Familias’ municipal para ofrecer apoio emocional e orientación en Santiago

O líder do PP de Santiago, Borja Verea, anunciou este martes a proposta da...

‘La península de las casas vacías’ e ‘A noite das cebolas’ gañan ex aequo o Premio de Novela Europea do Casino de Santiago

A novela La península de las casas vacías, publicada por Editorial Siruela e asinada...

O Concello defende que baixa o número de animais en Bando e xustifica a suspensión da selección da dirección por unha dúbida legal

O Concello de Santiago respondeu ás críticas do Partido Popular sobre a situación do...

Patricia Iglesias evita aclarar se será candidata en Santiago: “Non son das que me anticipo”

A deputada socialista Patricia Iglesias volveu descartar este luns confirmar se optará a ser...

Máis dun milleiro de persoas maniféstanse en Santiago para reclamar medidas fronte á crise da vivenda

Máis dun milleiro de persoas mobilizáronse este sábado en Santiago de Compostela para reclamar...

A campaña ’12 Comercios, 12 Sensibilidades’ dedica xuño á saúde oncolóxica e aos coidados coa colaboración de D’Aldea e Abeiratúa

A campaña '12 Comercios, 12 Sensibilidades' dedicará o mes de xuño a visibilizar o...

Traballadores de escolas infantís e centros de discapacidade colapsan San Caetano contra a precariedade laboral

O conflito laboral nos sectores da discapacidade, da atención a menores e da educación...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here