O comité de empresa da residencia de maiores Fundación José Otero-Carmela Martínez, xestionada por DomusVi no barrio compostelán de Pontepedriña, denunciou que o persoal e as persoas residentes afrontan un novo verán sen unha solución definitiva aos problemas de climatización do centro, unha situación que, segundo aseguran, se prolonga desde hai tres anos e que provocou rexistros de temperaturas próximas aos 30 graos no interior das instalacións.
A denuncia foi presentada polas delegadas de Prevención de USO e UGT no Comité de Seguridade e Saúde Laboral, que reclaman a instalación urxente dun sistema de aire acondicionado axeitado e a reparación das deficiencias estruturais que afectan ao edificio, entre elas as filtracións de auga e as goteiras detectadas na cuarta planta.
A presidenta do comité de empresa, Loli, explica a Xornal de Compostela que o problema comezou hai tres anos coa avaría do sistema de climatización e lamenta que desde entón non se adoptasen medidas definitivas. “Levamos tres anos que se estropeou o aire acondicionado e non poñen solucións“, afirma.
Segundo relata, durante o pasado verán instalouse unha maquinaria provisional para intentar reducir as temperaturas, pero considera que a medida resultou insuficiente. Ademais, sinala que o funcionamento destes equipos provocou molestias na veciñanza polo ruído que xeran durante a noite.

As traballadoras denuncian que durante os episodios de calor máis intensa se alcanzan temperaturas próximas aos 30 graos en diferentes dependencias do centro. “Temos días de 30 graos no interior. Na enfermería tamén están a 30 graos”, asegura Loli.
A situación preocupa especialmente pola vulnerabilidade das persoas residentes. Segundo explica a representante sindical, os cambios bruscos de temperatura ao longo do día e da noite afectan ao descanso dos usuarios. “Pola noite hai momentos nos que están destapados porque teñen calor e pouco despois hai que sacar mantas porque teñen frío”, relata.
Dende o comité consideran especialmente preocupante a situación da cuarta planta, destinada a persoas con problemas de saúde mental. Trátase dunha zona con importantes superficies acristaladas e limitacións na ventilación por cuestións de seguridade. Segundo a presidenta do comité, as condicións térmicas nesta área son especialmente difíciles durante os meses de verán.
QUEIXAS DE FAMILIARES E PROBLEMAS DE SAÚDE
As representantes sindicais aseguran que as altas temperaturas provocaron queixas tanto de familiares como de residentes. Segundo explican, algunhas familias chegaron a mercar ventiladores para as habitacións dos seus familiares ante a falta dunha solución estrutural.
Loli afirma tamén que se produciron incidencias relacionadas coa calor entre o persoal. “Si, tivemos algún caso en traballadores”, indica, ao ser preguntada por posibles mareos ou problemas de saúde asociados ás elevadas temperaturas.
Segundo relata, familiares de residentes presentaron tamén reclamacións durante o pasado verán ao considerar que as condicións dalgunhas habitacións resultaban difíciles de soportar, especialmente no caso de persoas encamadas.
GOTEIRAS E HUMIDADES NA CUARTA PLANTA
Ademais da climatización, o comité denuncia problemas de conservación do edificio. As delegadas sinalan que a cuarta planta presenta filtracións de auga e goteiras de forma recorrente.
Segundo explica a presidenta do comité, as actuacións realizadas ata o momento limítanse a labores de mantemento puntual, pero considera necesaria unha intervención máis ampla. “Iso xa non é unha cuestión de mantemento, é unha cuestión de facer unha revisión e actuar”, sostén.
A representante sindical lembra que o edificio conta con arredor de quince anos de antigüidade e considera que precisa actuacións preventivas para evitar o deterioro das instalacións.
RECLAMACIÓNS Á XUNTA DE GALICIA
As delegadas de prevención lembran que a normativa en materia de prevención de riscos laborais establece para os traballos sedentarios unhas temperaturas recomendadas entre os 23 e os 26 graos, fixando os 27 graos como límite máximo.
Por este motivo, reclaman á Xunta de Galicia que impulse a instalación dun sistema de climatización que permita garantir condicións adecuadas tanto para os traballadores como para as persoas residentes.
Segundo explican, a situación foi trasladada en numerosas ocasións ao Comité de Seguridade e Saúde Laboral e tamén denunciada publicamente en anos anteriores, sen que ata o momento se producisen avances significativos.
O comité teme que a situación se repita durante o verán de 2026. “Vai ser outro ano igual”, advirte Loli, quen asegura que as medidas provisionais aplicadas ata o momento non resolven o problema de fondo.
Mentres non chegue unha actuación definitiva, as traballadoras anuncian que continuarán reclamando solucións. “Imos seguir protestando porque non pode ser”, conclúe a presidenta do comité de empresa.

