InicioMOV. SOCIAISAs ONG galegas animan a marcar a 'X Solidaria' na renda cun...

As ONG galegas animan a marcar a ‘X Solidaria’ na renda cun acto na Praza da Quintana

Entidades do terceiro sector destacan o impacto social da casa 106 e chaman a aumentar a participación cidadá na campaña que comeza o 8 de abril

Publicado o

Xornal de Compostela

As principais organizacións do terceiro sector en Galicia reuníronse este martes na Praza da Quintana de Santiago de Compostela para impulsar a campaña da ‘X Solidaria’, a un día do inicio da declaración da renda, que comeza este mércores 8 de abril.

O acto desenvolveuse desde as 11:00 baixo o lema ‘Ou Xesto Lendario’, no que as entidades participantes despregaron unha gran “X” de tea co obxectivo de chamar á cidadanía a marcar a casa 106, destinada a fins sociais. A iniciativa contou coa presenza de representantes de distintas federacións e redes que traballan contra a pobreza e a exclusión social en Galicia.

Segundo explicou a directora da Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia, Inés Salteiro, a marcación desta casa permite financiar programas de intervención social en todo o territorio. “No 2025 conseguimos que 783.189 persoas, un 53,2% dos contribuíntes galegos e galegas, marcasen a casa da ‘X Solidaria’. Un número similar de persoas pero cunha maior recadación: 30.127.138 euros, 3.607.069 euros máis que o ano anterior”, sinalou.

A través desta vía, un total de 168 organizacións galegas desenvolveron 773 proxectos sociais, que chegaron directamente a 184.388 persoas beneficiarias.

Con todo, desde as entidades advertiron de que aínda existe marxe de mellora. Salteiro indicou que 698.443 contribuíntes galegos non marcan esta opción, o que suporía incrementar a recadación en case 20 millóns de euros adicionais. Neste sentido, lembrou que esta decisión “non custa nada, nin pagas máis, nin che devolverán menos”.

A responsable tamén puxo o foco na situación social actual, destacando que en Galicia preto de 600.000 persoas están en risco de pobreza ou exclusión social, unha cifra que ascende a 12,6 millóns no conxunto do Estado.

Pola súa banda, o presidente de CERMI Galicia, Ramón Sestayo, fixo un chamamento á participación cidadá nun contexto internacional que cualificou de “pouco esperanzador”. “Decidir o que queremos que se faga cos nosos impostos é un dereito que non todo o mundo coñece e por conseguinte, non o aplica. O noso obxectivo é que a xente marque a casa e decida o destino do investimento do seu diñeiro”, afirmou.

No acto tamén participou a directiva de EAPN Galicia-Rede Europea contra a Pobreza, Saray Durán.

A mobilización desenvolveuse de maneira paralela na cidade de Vigo, diante do MARCO, onde entidades sociais e persoas beneficiarias reiteraron a importancia de manter e ampliar o financiamento procedente do 0,7% do IRPF, clave para o desenvolvemento de programas sociais en Galicia.

ÚLTIMAS

Sanidade e a Orde de Malta reforzan a atención sanitaria aos peregrinos en Santiago cun novo convenio ata 2028

O conselleiro de Sanidade e presidente da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Antonio...

O Goberno local defende o cumprimento do Pacto polo rural fronte ás críticas

O Goberno municipal de Santiago reafirma o seu compromiso co 'Pacto polo rural', un...

Santiago constitúe o Consello do EcoBosque para reforzar a protección do río Sar

O Concello de Santiago anunciou a creación do Consello do EcoBosque, un novo órgano...

O PP critica a xestión turística do goberno local e reclama máis planificación en Santiago

A concelleira do Partido Popular en Santiago, María Baleato, compareceu este martes en rolda...

Atréve-T organiza en Santiago varias actividades para visibilizar as realidades trans no ámbito universitario

O colectivo de estudantes trans Atréve-T desenvolverá ao longo desta semana en Santiago de...

UCIN Santiago denuncia a falta de medidas de accesibilidade nas procesións da Semana Santa

O partido UCIN denunciou este sábado a falta de medidas específicas de accesibilidade por...

CIG-Saúde acusa a área de Santiago de adiantar a apertura dos PAC os sábados e denuncia o peche de centros de saúde

CIG-Saúde denunciou que a área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza porá en...