InicioMOV. SOCIAISQueremos Galego presenta en Santiago o protocolo ‘Lingua Vital’ para responder á...

Queremos Galego presenta en Santiago o protocolo ‘Lingua Vital’ para responder á “emerxencia lingüística”

A plataforma cidadá reuniu na praza da Quintana representantes de decenas de entidades e chama á sociedade a implicarse na normalización do galego

Publicado o

Xornal de Compostela

A plataforma cidadá Queremos Galego celebrou este sábado na praza da Quintana de Santiago de Compostela unha asemblea aberta na que presentou publicamente o protocolo ‘Lingua Vital’, unha iniciativa impulsada por entidades sociais para facer fronte á situación que cualifican de “emerxencia lingüística” do galego.

O documento foi elaborado por 57 entidades de diferentes ámbitos sociais, co apoio doutras 396 organizacións, e recolle un conxunto de medidas normativas e executivas destinadas a avanzar cara á plena normalización da lingua galega. Segundo explicou o portavoz da plataforma, Marcos Maceira, o texto parte dos obxectivos aprobados por unanimidade no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega de 2004, así como de acordos internacionais como a Declaración Universal dos Dereitos Lingüísticos ou a Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minorizadas.

A asemblea, conducida por Sara Seco, contou tamén coas intervencións de Celia Armas, Mónica Valencia, Xosé Henrique Costas, Marcos Maceira e David Minoves, do Centre Internacional Escarré per les Minories Ètniques i Nacionals (CIEMEN), e concluíu cunha actuación musical de Caamaño e Ameixeiras.

CRÍTICAS Á POLÍTICA LINGÜÍSTICA DA XUNTA

Durante a presentación do protocolo, Maceira asegurou que a sociedade civil decidiu impulsar esta iniciativa ante a falta de medidas institucionais para reverter a situación do idioma. Segundo indicou, hai un ano e medio unha enquisa do Instituto Galego de Estatística certificou que o castelán se consolidaba como lingua máis falada en Galicia, e desde entón, ao seu xuízo, a Xunta non adoptou accións para promover o uso do galego.

“O que fixo foi bater récords, non para reverter a situación da lingua, senón para a súa oficialidade”, afirmou o portavoz de Queremos Galego, que citou como exemplos votacións contrarias ao uso do galego en distintos ámbitos institucionais ou campañas en castelán en centros educativos.

Maceira explicou que o protocolo pretende avaliar o cumprimento das medidas previstas no plan de normalización de 2004, identificar os obstáculos que impediron a súa aplicación e propoñer accións concretas con planificación, avaliación de resultados e calendario de execución, que previsiblemente se concretará ao comezo do próximo curso.

“O reto que temos agora é cumprir estas medidas. A nosa intención é que sexa a sociedade galega a protagonista da reposición da lingua galega e de reverter a súa situación actual”, sinalou.

CHAMAMENTO A RECUPERAR O CONSENSO POLÍTICO

Ao acto asistiu tamén a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, que reclamou un “cambio de rumbo urxente” nas políticas lingüísticas do Goberno galego. Segundo indicou, “o noso idioma está nunha situación crítica tras 17 anos cun goberno do PP que quere convertelo en lingua residual”.

Pontón defendeu a necesidade de recuperar o consenso político arredor da lingua galega e cumprir o Plan Xeral de Normalización Lingüística, ademais de reclamar a derrogación do decreto que regula o uso das linguas no ensino, ao que se referiu como “o decreto da vergoña”.

A líder nacionalista advertiu tamén de que diferentes informes institucionais sinalan a existencia dunha emerxencia lingüística, pero considerou que a situación “é crítica pero reversible” se existe un acordo social amplo que impulse medidas de promoción e normalización do galego.

Coa presentación do protocolo ‘Lingua Vital’, Queremos Galego inicia agora unha nova fase orientada á posta en marcha das medidas propostas, coa intención de implicar tanto ás institucións como ao conxunto da sociedade galega na recuperación do uso social do idioma.

ÚLTIMAS

Médicos galegos volven manifestarse en Santiago e esixen negociar para parar a folga

Médicos de atención primaria e hospitalaria volveron mobilizarse este sábado en Santiago de Compostela...

Un incendio duns colchóns baixo a cafetaría da Alameda mobiliza aos servizos de emerxencia

Un pequeno incendio rexistrado na noite deste venres baixo a cafetaría da Alameda de...

Un centenar de persoas mobilízanse en Santiago contra a guerra en Oriente Medio e os ataques de Trump

Un centenar de persoas concentráronse este sábado na Praza do Toural, en Santiago de...

O reto que se autoimpón a nova reitora da USC: determinar áreas para incorporar e formar persoal “de forma urxente”

A Universidade de Santiago de Compostela terá por primeira vez nos seus 531 anos...

Médicos galegos volven manifestarse en Santiago e esixen negociar para parar a folga

Médicos de atención primaria e hospitalaria volveron mobilizarse este sábado en Santiago de Compostela...

Un centenar de persoas mobilízanse en Santiago contra a guerra en Oriente Medio e os ataques de Trump

Un centenar de persoas concentráronse este sábado na Praza do Toural, en Santiago de...

‘Lingua Vital’ convoca unha asemblea multitudinaria na Quintana para ratificar un protocolo de medidas en defensa do galego

A plataforma 'Lingua Vital' convocou para este sábado 14 de marzo, ás 12:00, unha...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here