A organización estudantil Erguer fixo público este sábado un vídeo nas súas redes sociais no que manifesta o seu rexeitamento á celebración dunha xornada na Facultade de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela (USC) coa participación de representantes da Garda Civil e do Corpo Nacional de Policía.
Segundo a información facilitada a Xornal de Compostela por parte de Erguer, o acto celebrouse o día anterior na Sala de Xuntas do centro e consistiu na presentación do libro Las entidades locales frente al reto de la ciberseguridad. A convocatoria, dirixida ao estudantado de Dereito, indicaba que intervirían un membro da Garda Civil e outro do Corpo Nacional de Policía, así como o profesor Luís Míguez Macho, e ofrecía a posibilidade de obter un certificado de asistencia mediante inscrición previa.
No vídeo publicado, Erguer afirma que a Facultade de Dereito está a ser “captada polos discursos españolistas e, portanto, polo autoritarismo militarista”. A organización considera “inadmisíbel” a “normalización e integración na USC das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado”, e sostén que a universidade pública debe garantir “aulas libres de discursos reaccionarios que nos negan como nación”.
O sindicato tamén rexeita a intervención do profesor Míguez Macho, ao que atribúe posicionamentos que, segundo expresa, “negan realidades e dereitos fundamentais como a diversidade ou o uso da nosa propia lingua”. No mesmo vídeo, Erguer sinala: “Non imos permitir a intromisión na Universidade Pública das Forzas de Ocupación Española nin da retórica fascista”.
Na mensaxe de convite remitida ao alumnado, á que tivo acceso este medio, indicábase que a actividade podería resultar de interese para o estudantado e facilitábase información sobre o programa da xornada, así como unha ligazón para formalizar a inscrición. O texto estaba asinado cun “Un saúdo afectuoso” e facía referencia expresa á participación do profesor Míguez Macho e doutros relatorios.
Erguer defende que a USC debe ser “un espazo de pensamento crítico, plural e obxectivo” e cuestiona que este tipo de iniciativas contribúan a ese obxectivo. Polo momento, non transcendeu ningunha valoración pública por parte da Facultade de Dereito nin da propia universidade sobre as críticas formuladas polo sindicato estudantil.

