A Alameda de Santiago foi este sábado o punto de partida dunha mobilización convocada pola Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público Galego que reuniu a máis dun milleiro de persoas, segundo as cifras achegadas polas organizacións convocantes. A marcha, que comezou pouco despois das 12:00, percorreu o centro da cidade entre consignas como “Rueda escoita, o ensino está en loita”, “Non aos recortes” e “Sen recursos non hai inclusión”.
Á convocatoria sumáronse representantes da CIG-Ensino, da Confederación Anpas Galegas e das organizacións estudantís, así como membros do BNG, Compostela Aberta e PSdeG de Santiago. A mobilización enmárcase nun calendario de protestas que tamén levou á comunidade educativa ás rúas de Vigo e da Coruña nos últimos días.
A principal reivindicación centrouse na necesidade de incrementar o persoal docente e especialista e de reducir as ratios nas aulas para garantir unha atención adecuada á diversidade. Segundo datos trasladados pola Plataforma, no curso 2023/2024 o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo en Galicia representaba o 17,5% do total, fronte ao 13,3% do curso 2020/2021, o que supón 65.259 estudantes. As organizacións convocantes sinalan que, malia este aumento, o número de profesionais de Pedagoxía Terapéutica, Audición e Linguaxe, Orientación e persoal auxiliar non medrou na mesma proporción.
Durante a protesta, a representante de CIG-Ensino, Laura Arroxo, explicou que o profesorado leva todo o curso mobilizándose para recuperar dereitos laborais e mellorar as condicións nas que se desenvolve a actividade docente. Entre as demandas inclúen a redución do horario lectivo e unha maior dotación de recursos humanos. Segundo indicou, o obxectivo é “reforzar o sistema educativo galego” e garantir unha atención axeitada ao alumnado con necesidades específicas.
Pola súa banda, a presidenta de Anpas Galegas, Isabel Calvete, sinalou que a mobilización vai máis alá das condicións laborais e responde a unha preocupación compartida pola comunidade educativa. “Non podemos permitir que ningún neno ou nena quede atrás por falta de recursos”, afirmou, ao tempo que reclamou unha aposta decidida pola igualdade e a inclusión nos centros públicos.
As organizacións participantes advertiron tamén de deficiencias nas instalacións, carencias de persoal de coidados, administración ou mantemento, así como de ratios que consideran elevadas e que, ao seu xuízo, dificultan unha atención individualizada.
A mobilización en Santiago produciuse o mesmo día no que a comunidade educativa tamén se concentrou na Coruña, onde participaron arredor de dous milleiros de persoas segundo cálculos da Policía Local. As convocatorias forman parte dunha estratexia coordinada pola Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público Galego para demandar máis investimento en todas as etapas educativas e medidas que permitan atender a diversidade nas aulas galegas.
ROMÁN RODRÍGUEZ FALA DUNHA “ESTRATEXIA DE CONFRONTACIÓN POLÍTICA”
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, referiuse á manifestación celebrada este sábado en Santiago e enmarcouna nunha “estratexia de confrontación política”. En declaracións aos medios na capital galega, asegurou que a convocatoria nace “nun armazón de BNG, CIG, UPG e de toda unha serie de organizacións”. “Supoño que algunhas persoas de boa fe acudirán á mesma, pero creo que está enmarcada dentro da estratexia de confrontación política de xerar conflito político que nace nun armazón de BNG, CIG, UPG e de toda unha serie de organizacións”, afirmou.
Rodríguez cualificou de “radicalmente falso” que exista unha falta de diálogo coas organizacións sindicais e defendeu que “xa existe un marco de negociación aberto onde se están abordando gran parte das reivindicacións expostas”. Así mesmo, reivindicou a evolución do sistema educativo galego e sinalou que, segundo datos do Ministerio de Educación, Galicia figura como “líder en inclusión”. O conselleiro destacou tamén que a Administración autonómica ten “duplicado” o persoal especializado en atención á diversidade nos últimos anos.

