InicioMOV. SOCIAISCompostela acolle a proxección do documental 'Adeus vista dos meus ollos' para...

Compostela acolle a proxección do documental ‘Adeus vista dos meus ollos’ para dar voz á mocidade migrante e combater os discursos de odio

A iniciativa da OAM e da Unidade de Atención a Persoas Migrantes inclúe tamén un programa piloto de mediación intercultural en seis centros educativos da cidade

Publicado o

Xornal de Compostela

O Teatro Principal de Santiago será escenario este xoves ás 19:00 da proxección do documental Adeus vista dos meus ollos, unha iniciativa impulsada pola Oficina de Atención á Migración (OAM) e pola Unidade Municipal de Atención a Persoas Migrantes co obxectivo de visibilizar as experiencias da mocidade migrante e contrarrestar os discursos de odio.

A concelleira María Rozas presentou a actividade acompañada pola autora do documental, Marisa Moredo, e pola educadora social Paula Aller, responsable do programa municipal de mediación escolar intercultural. Segundo explicou Rozas, a proposta pretende “mostrar a realidade” fronte á “distorsión que se produce a diario a través das redes sociais”, especialmente entre a xente nova.

A proxección será de entrada libre ata completar aforo e irá seguida dun coloquio cos protagonistas do filme, no que se abordará a realidade da mocidade migrante en primeira persoa.

UN RELATO DENDE AS AULAS

O documental, realizado por Marisa Moredo, naceu no ámbito educativo e conta coa participación de 21 mozos e mozas que relatan o seu proceso de adaptación ao sistema educativo galego. A autora sinalou que o proxecto xorde da necesidade de “dar voz a estas persoas que moitas veces están silenciadas dentro do proceso migratorio”.

Moredo subliñou que “a mellor forma de contrarrestar o discurso de odio é con outro discurso, en primeira persoa, dendea emoción e dende o corazón”. Ao longo das distintas proxeccións realizadas en institutos, explicou, o impacto máis significativo foi a reacción do alumnado, que recoñeceu actitudes e comentarios realizados “dende a ignorancia, dende o non saber como se sente o outro”.

Na sesión compostelá participarán algúns dos protagonistas, acompañados das súas familias. A directora destacou tamén a colaboración do grupo musical Zabala, que interpretará temas do seu novo traballo, entre eles a canción que pecha o documental.

DATOS QUE ALERTAN DA SITUACIÓN

Durante a rolda de prensa, María Rozas fixo referencia a informes recentes do Observatorio de Racismo e Xenofobia e do Ministerio do Interior que apuntan á presenza de insultos racistas en contornos dixitais e a un aumento dos delitos de odio, unha parte significativa deles vinculados ao racismo ou á xenofobia. A edil indicou que se trata de cifras que poden estar infrarepresentadas, xa que este tipo de delitos non sempre se denuncian.

Neste contexto, defendeu que as administracións públicas deben “poñer o seu gran de area” para frear esta tendencia e reforzar a convivencia.

MEDIACIÓN INTERCULTURAL NAS AULAS

A comparecencia serviu tamén para facer balance do programa piloto ‘Convivimos con respecto: mediación escolar intercultural’, desenvolvido pola Unidade de Atención a Persoas Migrantes en seis centros educativos de Santiago: CEIP de Roxos, CEIP de Vite, Lamas de Abade, Mestre Rodríguez Xixirei, Os Remedios e un centro concertado da cidade.

A iniciativa, dirixida a alumnado de sexto de primaria, contou coa participación de máis de 250 estudantes. Segundo explicou Paula Aller, o proxecto estruturouse en distintos bloques de traballo que abordaron cuestións como o fenómeno migratorio, a análise de mitos e prexuízos, a relación entre desinformación e conflito e a mediación como ferramenta de resolución dialogada.

A metodoloxía foi participativa e vivencial, con dinámicas de grupo e simulacións de conflitos reais. Aller definiu a figura do mediador como “aquel axente que de maneira neutral facilita o encontro de dúas posturas diferentes para chegar a unha solución”.

Dende o Goberno local sinalaron que a acollida foi positiva e que os propios centros trasladaron a vontade de dar continuidade á experiencia. Rozas concluíu que a escola é “un espazo para aprender a dialogar, a cooperar e a resolver conflitos” e que o traballo nas aulas resulta clave para construír unha cidade diversa e inclusiva.

ÚLTIMAS

Santiago gardará un minuto de silencio no Obradoiro polas vítimas do accidente ferroviario de Toledo

O Concello de Santiago de Compostela convocou para este mércores, 28 de outubro, ás...

As vítimas de Angrois vinculan o sinistro de Toledo coa falta dunha investigación independente do accidente de 2013

O portavoz da Plataforma Vítimas Alvia 04155, Jesús Domínguez, considera que a falta dunha...

O Concello destinará 1,2 millóns de euros á rehabilitación do Palacete do Espiño para usos públicos

O Concello de Santiago de Compostela investirá preto de 1,2 millóns de euros na...

Santiago acollerá por primeira vez a Carreira das Cidades contra o Cancro de Páncreas o 22 de novembro

Santiago de Compostela incorporarase este ano á Carreira das Cidades contra o Cancro de...

A CIG concéntrase en Santiago contra o “acoso laboral” en Monbus e reclama a readmisión de seis traballadores

A Confederación Intersindical Galega (CIG) mobilizouse este martes, 27 de outubro, diante da estación...

Centos de persoas maniféstanse en Santiago contra as cargas policiais da Coruña

Centos de persoas saíron este venres ás rúas de Santiago de Compostela para protestar...

Centos de persoas protestan en Santiago contra a participación de médicos israelís nun congreso internacional

Máis de 200 persoas concentráronse este xoves en Santiago de Compostela para rexeitar a...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here