InicioMOV. SOCIAISAs asociacións veciñais trasladan ao Parlamento a expansión do menudeo de drogas...

As asociacións veciñais trasladan ao Parlamento a expansión do menudeo de drogas en Santiago

Representantes da Coordinadora reuníronse co subdelegado do Goberno na Coruña para expoñer a aparición de novos puntos de venda en distintos barrios e reclamar maior coordinación institucional

Publicado o

Xornal de Compostela

Representantes da Coordinadora das Asociacións Veciñais de Santiago mantiveron esta mañá unha reunión no Parlamento de Galicia co subdelegado do Goberno na provincia da Coruña, Julio Abalde, na que abordaron a situación actual do menudeo de drogas na cidade e a súa incidencia en distintos barrios do termo municipal.

Durante o encontro, Patricia Quintas, Emilio Santos, José Manuel Durán e Roberto Almuíña fixeron un repaso da evolución dun conflito que cualifican de social e que, segundo expuxeron, continúa a xerar preocupación entre a veciñanza. Os representantes lembraron as mobilizacións realizadas hai aproximadamente un ano en apoio aos residentes da zona de Santa Marta, unhas accións que, segundo indicaron, permitiron incrementar de forma significativa a presenza policial e culminaron co desmantelamento dun punto de venda de drogas naquela área.

A Coordinadora advertiu, con todo, de que tras esa actuación xurdiron novos focos de venda noutros barrios da cidade. Segundo trasladaron ao subdelegado, o consumo e o tráfico de drogas estarían a estenderse a pisos distribuídos por zonas como o Ensanche, Fontiñas, Galeras ou a Algalia de Abaixo, unha situación que afecta directamente a numerosas comunidades de veciños.

Outro dos asuntos expostos foi a preocupación pola presenza de menudeo nas proximidades de centros educativos, especialmente nas zonas de Lamas de Abade e Galeras. Así mesmo, abordouse a situación das persoas sen fogar que dormen nos soportais de Correos e na Dársena de Xoán XXIII, espazos nos que, segundo indicaron, tamén se detecta a venda de drogas.

Pola súa parte, Julio Abalde explicou que a Policía traballa de xeito continuo na loita contra o narcotráfico, aínda que precisou que a entrada en domicilios só é posible con mandato xudicial ou ante feitos previamente denunciados, como pelexas. O subdelegado sinalou que os resultados das actuacións policiais tardan tempo en facerse visibles e lembrou que a vixilancia dos centros de ensino corresponde á Policía Local.

Durante a reunión tamén se incidiu na importancia de presentar denuncias ante a Policía, ben a través do 061, da aplicación Alertcops ou mediante o contacto co departamento de Participación Cidadá da Policía Nacional, tanto por vía telefónica como por correo electrónico.

Desde a Coordinadora subliñaron que o consumo de drogas abrangue aspectos policiais, sociais, sanitarios e educativos, pero manifestaron que non perciben que ningunha administración asuma unha dirección conxunta da problemática, que consideran abordada na actualidade sen unha coordinación efectiva.

Os representantes veciñais indicaron que existe un claro interese institucional na loita contra o narcotráfico a gran escala, aínda que expresaron dúbidas sobre o mesmo nivel de implicación fronte ao menudeo. Ante a falta de respostas suficientes ao tráfico a pequena escala —en pisos, determinados locais de ocio nocturno ou nas inmediacións de centros educativos—, sinalaron que a principal vía pasa por denunciar os feitos ás forzas de seguridade e por reforzar o papel das asociacións veciñais como canles de expresión das demandas da veciñanza ante as administracións e os medios de comunicación.

ÚLTIMAS

O Pleno aborda a seguridade na cidade entre chamadas ao pacto, avisos contra o alarmismo e reclamacións de máis medios

O Pleno municipal de Santiago aprobou este xoves unha proposta dos concelleiros non adscritos...

A conexión aérea entre Santiago e Jerez reforza a promoción turística entre Galicia e Cádiz

A nova conexión aérea directa entre Santiago de Compostela e Jerez da Frontera centrou...

Compostela Accesible lanza unha campaña para denunciar barreiras arquitectónicas en Santiago

A Plataforma Compostela Accesible, detrás da que está o partido político UCIN, puxo en...

Monbus sitúase de novo á fronte do novo contrato de transporte urbano de Santiago

O novo contrato de transporte urbano de Santiago deu este luns, 22 de xuño,...

O colectivo feminista Materfem denuncia ante os xulgados de Santiago que se están “minimizando” casos de violencia de xénero

O colectivo Materfem, Maternidades Feministas Galegas, concentrouse na mañá deste martes diante do edificio...

As traballadoras da limpeza de Lacera volven á folga este martes nos colexios en Santiago

As traballadoras de limpeza e conserxería dos colexios públicos de Santiago de Compostela, servizo...

O persoal de Viaqua mobilízase en catro concellos galegos ante o “bloqueo” do convenio

O conflito laboral esténdese polos servizos de xestión de auga en Galicia. O cadro...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here