Máis de medio centenar de persoas concentrouse na mañá deste venres na Praza de Cervantes para expresar o seu rexeitamento ao desafiuzamento do inmoble situado no número 11 da rúa da Algalia de Arriba, utilizado ata o de agora polo centro social okupado ‘Escarnio e Maldizer‘. A protesta comezou arredor das 08:30, despois de que desde as 08:00 se rexistrase a presenza de manifestantes na praza, baixo vixilancia policial.
As persoas asistentes, arredor de máis de medio cento segundo a organización, portaron pancartas coas lemas “Fóra especuladores dos nosos barrios” e “23-X O Escarnio non se vende”, e corearon consignas como “Dez, cen, mil centros sociais”, “O Escarnio non se vende, o Escarnio se defende”, “Un desaloxo, outra okupación”, “Edificio abandonado, edificio expropiado” ou “Algalia de Arriba, memoria colectiva”. Durante a concentración tamén se escoitaron cánticos dirixidos á alcaldesa, como “Goretti, decide, apoias ou reprimes“.
O acceso á rúa da Algalia de Arriba permaneceu cortado desde primeira hora, tanto pola Praza de Cervantes como pola zona de San Roque e a Porta do Camiño. Tamén se restrinxiu a circulación pola rúa de Casas Reais, incluído o acceso desde a rúa das Ánimas. Só se permitiu o paso a persoas traballadoras da zona e a profesionais da información, previa acreditación. Cara ás 08:15, un episodio de granizo levou ás persoas concentradas a refuxiarse nos soportais da Praza de Cervantes, antes de iniciar a manifestación.
O desaloxo foi ordenado polo Xulgado de Primeira Instancia número 2 e estaba previsto que se efectuase a partir das 09:15 por efectivos da Policía Nacional. Ao longo da mañá non se produciron cargas policiais nin incidentes, segundo indicaron fontes presentes no lugar.
Desde o colectivo ‘Escarnio e Maldizer‘ lamentaron nos días previos o que cualificaron como o desaloxo do “último centro social okupado urbano de Galiza”, e sinalaron nas súas redes sociais que “parece que se pechan todas as portas, pero quédanos moito por dar e construír. A nosa rabia sempre atopa camiños para manifestarse, por moito que tenten tapala”.
O espazo foi ocupado no ano 2014, como resposta ao segundo desafiuzamento da Sala Yago. En maio de 2017, a Policía Nacional xa realizara un primeiro desaloxo do inmoble, que derivou en mobilizacións, con detencións e identificacións. Dende a súa reapertura, o centro acolleu diferentes actividades culturais e de lecer, como clases de baile galego, boxeo, mercadiños, obradoiros de malabares e concertos.

