InicioMOV. SOCIAISAs urxencias do CHUS rexistran novos episodios de saturación con pacientes graves...

As urxencias do CHUS rexistran novos episodios de saturación con pacientes graves nos corredores

Pacientes e usuarios alertan dunha situación “estrutural” e reclaman medidas inmediatas ao Sergas

Publicado o

Xornal de Compostela

O servizo de urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago volveu vivir na tarde deste domingo unha situación de saturación asistencial, segundo denunciou a Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS nun comunicado remitido aos medios. A entidade asegura que, ás 18:51, había 30 pacientes cualificados como graves agardando nos corredores de acceso ás urxencias, en cadeiras de rodas e padiolas, á espera de poder ser trasladados ás áreas de atención, ocupadas por persoas con ingreso xa asignado en planta.

Segundo os mesmos datos, apenas vinte minutos despois, ás 19:10, o número de pacientes graves nos corredores elevárase ata 38, mentres que 43 persoas permanecían pendentes de ingreso hospitalario. A asociación subliña que estas situacións se producen durante horas e afectan directamente ás condicións de atención, dignidade e intimidade das persoas doentes.

A entidade apoia a súa denuncia en cifras oficiais publicadas polo Servizo Galego de Saúde no denominado “pulso do CHUS”. De acordo con eses datos, nas últimas 24 horas foran atendidas 397 persoas en urxencias, unha cifra inferior á rexistrada o 9 de xaneiro, cando se atenderan 446 pacientes e se denunciara tamén un colapso con máis de corenta persoas nos corredores. En canto á capacidade hospitalaria, o número de camas ocupadas situábase en 874, mentres que 637 camas permanecían dispoñibles pero sen habilitar, segundo a asociación, por non contar con persoal sanitario asignado.

Desde o colectivo de pacientes considérase que non se trata dun episodio puntual nin vinculado a picos estacionais, senón dunha situación “grave e persistente” que responde a causas estruturais coñecidas polos responsables sanitarios. Neste sentido, a asociación identifica tres factores principais que explican a saturación recorrente das urxencias compostelás.

En primeiro lugar, sinalan unha dotación insuficiente de persoal sanitario, especialmente no ámbito da medicina interna e da enfermaría. Segundo trasladan, serían necesarias 15 prazas adicionais de internistas para poder atender en condicións axeitadas aos pacientes ingresados e permitir así a rotación de camas demandadas desde urxencias.

Como segundo elemento, apuntan á debilidade da atención primaria como porta de entrada ao sistema sanitario. A asociación denuncia que se están a xeneralizar demoras de entre 10 e 20 días para unha consulta presencial por unha doenza nova, unha circunstancia que, ao seu xuízo, empurra a moitas persoas a acudir directamente ás urxencias hospitalarias cando o seu estado de saúde empeora.

O terceiro factor mencionado é a escaseza de ambulancias dispoñibles para o traslado de pacientes con alta asinada. Segundo a denuncia, moitas persoas permanecen durante horas ocupando camas hospitalarias que xa non precisan, á espera de transporte sanitario. A asociación asegura que o CHUS conta unicamente con dúas ambulancias, que en numerosas ocasións funcionan cun só condutor.

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS insiste en que estas situacións supoñen unha vulneración continuada dos dereitos fundamentais das persoas doentes, especialmente no que atinxe á dignidade e á intimidade, e considera que non son compatibles cun estado de dereito. Ademais, advirten de que este escenario está a deteriorar a confianza no sistema público de saúde e a provocar unha quebra do principio de equidade no acceso á atención sanitaria.

Por todo isto, o colectivo volve reclamar a adopción de medidas inmediatas e efectivas que poñan fin ao que cualifican como “maltrato asistencial” e permitan garantir unha atención digna ás persoas que acoden ás urxencias do hospital compostelán.

ÚLTIMAS

Un peregrino morre tras sufrir unha parada cardíaca no Camiño de Fisterra ao seu paso por Ames

Un peregrino faleceu este luns mentres percorría o Camiño de Fisterra ao seu paso...

Brión leva a pleno uns orzamentos de 9,2 millóns para 2026, un 19% máis que en 2024

O Pleno do Concello de Brión abordará este mércores, 7 de outubro, ás 13:00,...

A acampada de Santiago pola vivenda mantense pese ao mal tempo “ata que haxa cambios reais”: “Como bos galegos, non nos para a choiva”

A acampada pola vivenda instalada na Praza do Obradoiro de Santiago continuará de xeito...

Os Roteiros Saudables da AECC regresan a Santiago con andainas quincenais para combater o sedentarismo

O programa Roteiros Saudables da Asociación Española contra o Cancro (AECC) regresará a Santiago...

Os Roteiros Saudables da AECC regresan a Santiago con andainas quincenais para combater o sedentarismo

O programa Roteiros Saudables da Asociación Española contra o Cancro (AECC) regresará a Santiago...

A mocidade no Obradoiro seguirá a acampada: “A dereita traerá máis miseria”

Os mozos acampados pola vivenda na praza do Obradoiro, en Santiago de Compostela, aseguraron...

A mocidade socialista de Compostela convoca unha protesta de urxencia polo adianto electoral

A Coordinadora da Mocidade Socialista (CMS) convocou para este luns unha mobilización de urxencia...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here