InicioMOV. SOCIAISA Asociación de Pacientes do CHUS denuncia atrasos en máis de 23.000...

A Asociación de Pacientes do CHUS denuncia atrasos en máis de 23.000 probas radiolóxicas e reclama o cumprimento das prioridades asistenciais

O colectivo fai público o caso dunha doente de uroloxía que acumula 39 días de demora nunha resonancia preferente e alerta do impacto destas esperas na obtención de diagnósticos en Santiago

Publicado o

Xornal de Compostela

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS volveu situar no foco público as demoras acumuladas nos servizos de radiodiagnóstico do Hospital Clínico Universitario de Santiago. Segundo os últimos rexistros difundidos polo Sergas, máis de 23.000 persoas da área sanitaria compostelá estarían afectadas por esperas que superan os prazos establecidos para a realización de probas diagnósticas, incluíndo aquelas marcadas polos especialistas como preferentes.

Para ilustrar a dimensión desta problemática, a entidade fixo público o testemuño de Mar O.L., paciente do servizo de uroloxía, que acumula máis de 39 días de atraso respecto da data límite dunha resonancia magnética prescrita como preferente —cun prazo máximo de 15 días naturais— e que debía terse realizado antes do 29 de outubro. A doente relata que leva “desde 2015 en seguimento no CHUS” e que, tras unha intervención en 2021 e sucesivos intentos de obter revisións especializadas, continúa “sen diagnóstico certo” e atravesando episodios de dor intensa que a levaron a acudir a urxencias no mes de outubro.

O colectivo reproduce a súa experiencia para evidenciar unha situación de longa duración, na que a paciente afirma que se viu obrigada a recorrer a consultas privadas, tratamentos complementarios e baixas laborais mentres agardaba por probas diagnósticas que non chegaban. “Eu a isto só podo chamarlle abandono asistencial”, sinala, denunciando tamén que presentou cinco reclamacións formais sen obter unha solución efectiva.

A Asociación subliña que o carácter preferente destas probas está recollido no Anexo III do Real Decreto 605/2003, que fixa os criterios de homoxeneidade nas listas de espera do Sistema Nacional de Saúde. Lembra que este marco normativo obriga á administración sanitaria a garantir a realización das probas dentro dos prazos estipulados e reclama que “xerencia, radioloxía e admisión cumpran cos tempos establecidos e adopten as medidas necesarias para dotar os servizos dos recursos humanos e materiais precisos”.

O colectivo advirte de que os atrasos na área de Radioloxía repercuten sobre o funcionamento de múltiples especialidades, provocan demoras no diagnóstico e condicionan a aplicación de tratamentos axeitados, co consecuente impacto na recuperación das persoas doentes. Por iso, defende que a área debe contar cunha dotación técnica e profesional acorde á súa relevancia dentro do circuíto asistencial.

Finalmente, a Asociación de Pacientes reclama a realización inmediata da proba pendente de Mar O.L. e das persoas que se atopen nunha situación similar, incidindo en que o Sergas “debe actuar con estrito respecto á lei e aos principios de igualdade e calidade asistencial”, dada a implicación directa destas demoras na saúde e benestar da cidadanía.

ÚLTIMAS

Maite Flores propón a Xosé Antón Freire como xerente da USC se gaña as eleccións do día 11

A catedrática de Óptica e candidata á Reitoría da USC, Maite Flores, anunciou que...

Santiago conmemora o 8M cunha campaña centrada en Begoña Camaño e actividades participativas en toda a cidade

O Concello de Santiago presentou este martes o programa de actividades co gallo do...

Borja Verea acusa a Goretti Sanmartín de “enfadarse por gañar” e pídelle que vote a favor da concesión da auga

O portavoz do Partido Popular no Concello de Santiago, Borja Verea, cargou este luns...

Marta Abal reclama desbloquear a concesión do servizo de auga en Santiago ante unha rede “crítica e insostible”

A concelleira do Grupo Municipal Socialista en Santiago, Marta Abal, advertiu este martes en...

A ANPA do CEIP Santiago Apóstol denuncia o “bloqueo” ao cambio de nome do centro: “Ignoraron dous anos de diálogo”

A ANPA do CEIP Santiago Apóstol denunciou o “bloqueo” por parte do pleno do Concello...

Milleiros de persoas percorren Santiago para reclamar máis recursos e menos ratios no ensino público

A Alameda de Santiago foi este sábado o punto de partida dunha mobilización convocada...

Erguer critica a presenza da Garda Civil e da Policía Nacional nun acto na Facultade de Dereito da USC

A organización estudantil Erguer fixo público este sábado un vídeo nas súas redes sociais...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here