A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e a portavoz de Compostela Aberta, María Rozas, responderon este martes ás críticas formuladas polo Partido Popular, que denunciou que parte do seu persoal tivo que continuar a súa xornada na sede do partido acompañadas pola Policía Nacional ante a previsión de que a marcha da CIG polo 25N finalizase diante do edificio.
Sanmartín lembrou que nin o Goberno local nin ningunha das forzas que o integran estiveron detrás da convocatoria desta manifestación. Así o indicaba antes de apuntar que protestar diante da sede dun partido “non é un delito”. Engadiu, ademais, que o PP “ten unha longa experiencia neste asunto”, lembrando as mobilizacións fronte á sede de Ferraz en Madrid. “Milleiros de persoas acudiron ás manifestacións diante de Ferraz e en varias delas o Partido Popular non condenou os altercados que alí se produciron”, apuntou.
A rexedora considerou que as reaccións populares están “a esaxerar” o sucedido. Para ilustralo, referiuse á despedida con aplausos do exconselleiro investigado por unha presunta agresión sexual. “Cando conselleiros e o mesmo presidente da Xunta despediron con aplausos ao exconselleiro denunciado por unha presunta agresión sexual eu non os vin tan escandalizados. Falamos dunha denuncia por agresión sexual, non dunha manifestación”, afirmou. Nesa liña, asegurou que o PP estaría buscando “estender unha cortina de fume”.
A alcaldesa recoñeceu, así e todo, que é “importante calmar os ánimos”, apelando a rebaixar a tensión política e social. “A ninguén lle gusta que se increpe a ninguén, pero é lóxico entender que a xente se enfade sobre determinadas cousas, como os recortes contra a violencia de xénero, a convivencia con presuntos agresores ou pactar con partidos como Vox, que nega a violencia machista”, indicou. “Insisto: estaría ben para todo o mundo calmar bastante os ánimos”, engadiu.
ROZAS RECLAMA CENTRARSE NO 25N E NA LOITA CONTRA AS VIOLENCIAS MACHISTAS
A voceira de Compostela Aberta, María Rozas, tamén fixo referencia ao acontecido, tras ser mencionada polo PP xunto ao BNG como parte dun Goberno ao que instaron a condenar a actuación da CIG. “As manifestacións que rematan en sedes de partidos nin son novidade nin creo que sexa algo a reprochar”, afirmou. Ao seu xuízo, debe prevalecer o respecto ao dereito de manifestación, incluso cando non se compartan as formas: “Eu entendo que se quixese denunciar as políticas regresivas ao Partido Popular, pero a min persoalmente non me gustaron as formas nin algunhas das imaxes que vin. Non as comparto, pero insisto en que o dereito á manifestación está aí, mesmo cando discrepemos en como se realiza”.
Rozas lamentou que o debate se centre nos incidentes diante da sede popular en lugar de poñer o foco na xornada do 25N e na denuncia da violencia machista. “Lamento que se estea a falar disto, é unha cortina de fume, e non do 25N, o movemento feminista e a súa denuncia por violencias machistas. Hai neste país 21 denuncias diarias”, subliñou. A concelleira lembrou que tanto ela como Sanmartín e a edil responsable de políticas de igualdade asistiron á manifestación feminista da tarde: “Creo que é con iso co que nos temos que quedar”.
PP E NON ADSCRITAS PRESENTAN UNHA MOCIÓN URXENTE NO PLENO
A estes intercambios engádese agora unha iniciativa política formal. O Partido Popular de Santiago e as concelleiras non adscritas rexistraron este martes unha moción urxente para o Pleno ordinario de mañá na que esixen ao Executivo de BNG e Compostela Aberta que condene expresamente “as accións realizadas polas persoas concentradas diante da sede popular”. Segundo explican, a proposta foi ofrecida ao conxunto da Corporación, mais só as non adscritas aceptaron sumarse ata o momento.
Na súa argumentación, os populares afirman que as persoas asistentes á protesta “protagonizaron uns momentos impropios dunha democracia ao insultar ás persoas que se atopaban dentro da sede e impedir o normal funcionamento da mesma”. Engaden que, ao seu xuízo, o episodio constitúe “un acoso indiscriminado á sede dun partido político democrático”, algo que consideran un “ataque ás liberdades amparadas pola Constitución”. Por iso, instan o resto de grupos municipais a expresar unha “firme condena” do ocorrido.
Pola súa banda, as concelleiras non adscritas, que apoiaron a moción, subliñan que non discuten “a xustiza das reivindicacións” das manifestantes, pero si o contexto escollido. Ao seu entender, “nin era o día nin o lugar”, advertindo de que accións deste tipo “desvían o foco do realmente importante e debilitan o consenso que sempre existiu no Concello en materia de feminismo”.
PAULA PRADO SINALA AO BNG
Así mesmo, a secretaria xeral do PP de Galicia, Paula Prado, sinalou ao BNG e reclamou á líder do Bloque, Ana Pontón “unha condena clara e contundente”. Prado subliña que “a estratexia do BNG ultimamente é a conflitividade e o balbordo”. A popular, indicou que o deste martes foi un “espectáculo lamentable, con coaccións e intimidacións a traballadoras populares e xornalistas”.
“A min, como muller, dóeme moito que nun día como o da eliminación da violencia de xénero, que ten que ser de unidade de todos os partidos políticos, o BNG decidise unha vez máis optar pola confrontación, polarización e división“, remarcou. Neste contexto, Paula Prado remarcou que o BNG “debería cesar nesta estratexia de conflitividade”, porque “ese non é o camiño correcto”. Con todo, solicitou ao Bloque e á súa líder, Pontón, unha “condena clara e contundente” dos feitos e desta “violencia verbal”. “Isto non nos leva para nada á eliminación da violencia de xénero”, concluíu.

