InicioM. AMBIENTE E PATRIMONIOSantiago mantén a vixilancia sobre o vertido de Tordoia malia o freo...

Santiago mantén a vixilancia sobre o vertido de Tordoia malia o freo do seu avance

O alcalde de Tordoia dá a situación por controlada, mentres Goretti Sanmartín advirte de que Compostela aínda non pode descartar que a contaminación alcance o Tambre

Publicado o

Xornal de Compostela

O vertido de purín provocado pola rotura dunha balsa nunha explotación gandeira de Tordoia continúa baixo seguimento mentres os concellos afectados valoran de maneira diferente o risco que permanece sobre a rede fluvial. O alcalde de Tordoia, Antonio Pereiro, considera que a evolución dos traballos permite ser “optimista” e dá o episodio por controlado, mentres que o Concello de Santiago mantén as medidas preventivas ante a posibilidade de que a contaminación acabe chegando ao río Tambre.

A alcaldesa compostelá, Goretti Sanmartín, explicou este venres que o avance do vertido perdeu velocidade nos últimos días, pero insistiu en que os datos dos que dispón o Concello non permiten aínda afastar completamente o risco para o río do que se abastece Santiago. “Desde logo, o Concello de Santiago non está en condicións de descartar de todo que poida chegar ao punto de afectación do Tambre”, afirmou tras unha reunión coa alcaldesa da Coruña, Inés Rey.

Esta posición é máis prudente que a valoración trasladada desde a Xunta e Augas de Galicia sobre a evolución do episodio. Segundo Sanmartín, o baixo caudal dos cursos fluviais afectados está contribuíndo a retardar o movemento do purín, unha circunstancia que concede máis tempo para reforzar as actuacións sobre o terreo, aínda que non elimina a posibilidade de que parte da contaminación continúe río abaixo.

A rexedora sinalou que as medicións das que dispón o goberno municipal seguen mostrando puntos nos que a concentración de contaminantes se atopa moi por riba dos niveis que permitirían tratar a auga con normalidade. Por este motivo, reclamou manter e reforzar as barreiras instaladas e continuar coa retirada mediante aspiración do purín acumulado entre os elementos de contención.

“A nosa preocupación segue aí. Cremos que en ningún momento se pode baixar a garda e que hai que dobrar as medidas de protección”, advertiu Sanmartín. A alcaldesa apuntou que boa parte das concentracións máis elevadas están localizadas entre barreiras, o que facilita a extracción, pero incidiu en que tamén se detecta material capaz de superar estes dispositivos.

SANTIAGO CONSERVA AS MEDIDA DE PREVENCIÓN

Ante esta situación, o Concello de Santiago mantén as decisións adoptadas para reducir preventivamente o consumo de auga, entre elas a suspensión de regas e baldeos municipais e a chamada á cidadanía para facer un uso responsable. Estas medidas foran activadas despois de que o comité municipal de coordinación considerase que existía risco de que o vertido acabase afectando á captación de auga da capital no Tambre.

Con todo, Sanmartín indicou que non existe neste momento unha previsión de cortes de subministración a curto prazo. A distancia que separa actualmente a fronte contaminante do punto que preocupa ao Concello supera, segundo a súa estimación, os 20 quilómetros, aínda que advertiu de que as distancias calculadas inicialmente non representaban todo o percorrido real da auga.

A alcaldesa explicou que os primeiros sete quilómetros empregados como referencia foran medidos en liña recta, mentres que o trazado do río presenta numerosas curvas. Isto implica que o percorrido efectivo do vertido é superior. Ao mesmo tempo, sinalou que o escenario podería cambiar no caso de que a contaminación alcanzase finalmente o Tambre, xa que o maior caudal deste río podería acelerar o seu desprazamento.

O episodio comezou tras a rotura dunha balsa nunha granxa de Tordoia, desde onde o purín chegou inicialmente ao río Bustelo e afectou posteriormente outros cursos da contorna. Nos primeiros días, o Concello compostelán chegou a considerar altas as posibilidades de afectación da captación do Tambre, mentres os equipos despregados sobre o terreo reforzaban as barreiras de contención e os sistemas de retirada do material.

TORDOIA NON APRECIA NOVOS AVANCES

Desde Tordoia, pola contra, o alcalde Antonio Pereiro considera que a evolución das actuacións está sendo “moi boa” e que as medidas adoptadas están conseguindo reter o vertido. Segundo os últimos datos trasladados polo rexedor, a contaminación non tería avanzado máis alá dos aproximadamente tres quilómetros detectados inicialmente.

Pereiro explicou que este xoves se instalou un novo dique augas abaixo como medida adicional de contención. Á espera dunha nova comprobación sobre o terreo durante a tarde deste venres, o purín aínda non alcanzara ese último punto de control, un dato que o alcalde utiliza para sustentar a súa visión favorable sobre a evolución dos traballos.

ÚLTIMAS

Santiago e A Coruña crean un grupo de traballo para coordinar as súas políticas nas zonas de mercado tensionado

As alcaldesas de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, e da Coruña, Inés Rey, acordaron...

Usuarios de Monbus denuncian falta de prazas no autobús das 06:45 entre Santiago e A Coruña

A Plataforma de Afectados 645 denunciou os problemas de capacidade que, segundo asegura, se...

Santiago proba co rural as novas liñas alimentadoras que conectarán as parroquias coa rede de autobuses

O Concello de Santiago iniciou esta semana as viaxes de demostración das futuras liñas...

Xalundes e LG1DO protagonizarán unha xornada musical das Xornadas de Benvida da USC

A Universidade de Santiago de Compostela incorporará unha xornada dedicada á música galega á...

Santiago proba no Restollal e o Castiñeiriño colectores de resto que só abrirán con tarxeta

O Restollal e o Castiñeiriño serán o escenario dun novo proxecto piloto para modificar...

Santiago pide a Augas de Galicia unha valoración técnica sobre a evolución da vertedura de Tordoia

O Concello de Santiago solicitou por escrito a Augas de Galicia información detallada sobre...

Santiago activa medidas de aforro de auga ante o risco dunha vertedura de xurro no Tambre

O Concello de Santiago mantén baixo seguimento a posible chegada ao río Tambre dunha...