InicioM. AMBIENTE E PATRIMONIORepresentantes políticos e o Arcebispado apostan por impulsar o coñecemento do 'Panteón...

Representantes políticos e o Arcebispado apostan por impulsar o coñecemento do ‘Panteón de Galegos Ilustres’ en Santiago

Un foro celebrado en Bonaval analiza a creación da fundación e os retos de futuro para consolidar o espazo como símbolo colectivo e referente cultural

Publicado o

Xornal de Compostela

O Panteón de Galegos Ilustres, situado na igrexa de Igrexa de San Domingos de Bonaval, foi este venres escenario dun debate institucional e social arredor da súa proxección futura e do papel que debe desempeñar na memoria colectiva de Galicia. O encontro, titulado ‘Fundación Panteón de Galegas e Galegos Ilustres: a memoria que nos guía’, reuniu representantes do ámbito político e do Arcebispado para abordar tanto o proceso de constitución da fundación como os desafíos pendentes.

Durante a primeira mesa redonda, na que participaron o deputado popular no Congreso Pedro Puy, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e o deputado do PSdeG no Parlamento galego Luís Álvarez, púxose o foco no consenso acadado para sacar adiante a iniciativa.

Pedro Puy destacou que a creación da fundación requiriu “unha tarefa moi complexa pór de acordo” ás diferentes partes implicadas e atribuíu o resultado á combinación de “moita xenerosidade e diálogo e o tempo, non ter présas”. Pola súa banda, Ana Pontón fixo fincapé no papel da mobilización social, cualificando o Panteón como un “elemento de identidade colectiva” e lembrando as iniciativas impulsadas para garantir que o espazo estivese “en condicións dignas”. Segundo sinalou, esta nova etapa “ten que trazar un novo horizonte” para o recinto.

Luís Álvarez referiuse ao traballo desenvolvido durante a tramitación parlamentaria unánime, que contou co apoio de todas as forzas, e cualificouno como “un proceso sinxelo tendo en conta a enorme transcendencia”, ao tempo que recoñeceu o “traballo impagable” realizado polos distintos actores implicados.

Divulgación, rehabilitación e regulación

A segunda mesa reuniu ao conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos; ao presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices; á alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; e ao director da Fundación Catedral de Santiago, Daniel Lorenzo. O debate centrouse nas actuacións necesarias para consolidar o Panteón como espazo activo, accesible e con programación propia.

Sanmartín subliñou a necesidade de que o recinto se converta nun símbolo ao que poidan acudir os galegos e galegas, incidindo en que é preciso “dar a coñecer o espazo” a través de accións de divulgación educativa e dinamización cultural. A rexedora compostelá advertiu tamén de que a rehabilitación do lugar require recursos económicos: “Iso significa orzamentos”.

Daniel Lorenzo coincidiu na importancia de elaborar materiais didácticos específicos que faciliten o achegamento da cidadanía ao Panteón e apuntou que cómpre “facelo accesible intelectualmente, que sexa un espazo no que un sinta que forma parte e leste na memoria de todos”.

Pola súa parte, o conselleiro José López Campos sinalou como cuestións pendentes a titularidade do espazo e o impulso dunha actividade estable que contribúa a “pór en valor” o conxunto. “Temos que seguir mantendo o debate e o equilibrio, e conseguir que este legado o transmitamos ás xeracións futuras. Ten que ser un símbolo de Galicia e do diálogo e a concordia”, afirmou.

Finalmente, Miguel Ángel Santalices enumerou entre os retos a cesión formal do espazo, a elaboración dun regulamento de usos, a definición do concepto de “ilustreza” e a preservación e xestión do patrimonio, incluíndo posibles reformas e a custodia dos legados depositados no recinto.

O foro puxo de manifesto a coincidencia institucional na necesidade de reforzar o coñecemento e a proxección pública do Panteón, onde repousan figuras como Rosalía de Castro e Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, e de consolidalo como referente da memoria histórica e cultural de Galicia con sede en Santiago de Compostela.

ÚLTIMAS

O Concello defende que baixa o número de animais en Bando e xustifica a suspensión da selección da dirección por unha dúbida legal

O Concello de Santiago respondeu ás críticas do Partido Popular sobre a situación do...

Patricia Iglesias evita aclarar se será candidata en Santiago: “Non son das que me anticipo”

A deputada socialista Patricia Iglesias volveu descartar este luns confirmar se optará a ser...

A Xunta de Goberno aproba obras no rural, subvencións de igualdade e a nova licitación das escolas infantís municipais

A Xunta de Goberno Local de Santiago aprobou este luns, 8 de xuño, diferentes...

O comercio local de Santiago celebra o ‘Prima 2026’ con actividades familiares, música e unha ruleta de agasallos

O Concello de Santiago celebrará do xoves 11 ao sábado 13 de xuño unha...

O Concello de Santiago contrata nove persoas para reforzar o mantemento de zonas verdes, vías e limpeza de pintadas

O Concello de Santiago incorporou nove traballadores a través do departamento de Emprego para...

O COAG Santiago entrega no Teatro Principal os premios ‘PRÓXIMOS’ con oito obras compostelás recoñecidas

A Delegación de Santiago do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia celebrou este sábado...