A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, asegurou non ter “coñecemento formal” das dilixencias abertas pola Fiscalía de Medio Ambiente para investigar a vertedura de augas residuais ao río Sar do pasado mes de outubro por mor dunha denuncia interposta polo Concello de Ames, próximo á capital galega. Foi a mesma rexedora quen deu a coñecer o pasado venres que Augas de Galicia, adscrito á Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, resolvera imporlle unha sanción ao Concello por un importe de 300.000 euros en relación a un expediente aberto por unha vertedura no río Sar, onde o organismo autonómico fixo medicións.
A conselleira, Ángeles Vázquez, advertiu o mesmo día de que era “un problema de carácter xudicial” e, o luns seguinte, transcendeu que a Fiscalía abrira dilixencias para investigar esta vertedura, de forma que solicitou a documentación pertinente a Augas de Galicia. Con todo, preguntada polos medios este mércores, Sanmartín dixo non ter coñecemento “oficial” sobre este paso e insistiu en que a proposta de sanción chegou “cun anuncio de que hai unha denuncia por parte de Augas de Galicia”.
“Quedou absolutamente claro que a denuncia foi de Augas de Galicia nun momento en que, como diciamos, está a porse solución a un problema histórico de contaminación no río Sar, algo para o que a depuradora non era suficiente nin tiña a capacidade necesaria”, expuxo a alcaldesa, que incidiu en que chegou durante a execución das obras para “pór fin” a iso. Así mesmo, lembrou que, nun momento “puntual” no que se produciu unha vertedura, o Concello abriu un expediente informativo e chamou á adxudicataria das obras da EDAR, Aquaes, que deu as “explicacións pertinentes” fronte a representantes municipais, da Xunta e do Estado.
Por outra banda, fontes do departamento autonómico aseguraron que as actuacións graves que levaron á proposta de sanción de 300.000 euros proceden de “denuncias de terceiros” e que as actuacións anteriormente abertas por Augas de Galicia non estaban relacionadas cos feitos manifestados por axentes alleos.

