O Concurso Internacional de Iluminación Ornamental e Artística da contorna monumental da Catedral de Santiago de Compostela xa conta con proposta gañadora. O xurado internacional acordou por unanimidade seleccionar o anteproxecto presentado baixo o lema ‘Hermes’, que obtivo a maior puntuación global na fase final do proceso.
A decisión foi adoptada na reunión celebrada o pasado 3 de febreiro, na que se analizaron os tres traballos finalistas segundo os criterios establecidos nas bases: valor e calidade do deseño lumínico, viabilidade técnica e económica, protección ambiental, eficiencia enerxética e innovación tecnolóxica. O acordo foi feito público esta mañá a través da Plataforma de Contratación do Sector Público, conforme aos requirimentos legais.
Unha vez aberta a documentación administrativa, o lema ‘Hermes’ revelou como autor ao estudo Intervento, que será o responsable da redacción do proxecto executivo e da dirección facultativa da obra piloto prevista na Praza de Praterías. Esta intervención concíbese como experiencia inicial antes da implantación progresiva do novo sistema de iluminación no conxunto do ámbito catedralicio, que abrangue tamén as prazas do Obradoiro, Quintana e Inmaculada, así como os espazos de conexión entre elas.
O anteproxecto ‘Hermes’ acadou 95 puntos sobre 100, fronte aos 65 obtidos polas outras dúas candidaturas finalistas. No apartado de deseño lumínico sumou 45 dos 50 puntos posibles e logrou a máxima cualificación —25 sobre 25— tanto na avaliación técnica e económica como nos criterios ambientais e de innovación.
Segundo recolle a acta do xurado, “o anteproxecto ofrece unha análise moi precisa da arquitectura e contorna urbana e histórica do ámbito de actuación”. Destácase tamén que o deseño presenta “claridade e integridade” e formula unha paisaxe nocturna xerarquizada, mediante o uso de gradientes e contrastes que permiten salientar os volumes arquitectónicos sen alterar a súa percepción.
A resolución pon o acento no emprego da penumbra e dos claroscuros como elementos estruturais da proposta, non só na iluminación ornamental dos monumentos senón tamén nos percorridos polo espazo público, co obxectivo de dotar de coherencia visual ao conxunto.
Entre os aspectos considerados determinantes figura a estratexia de mínima intervención sobre o patrimonio catedralicio. A acta subliña que ‘Hermes’ é a única proposta que resolve a iluminación ornamental do conxunto sen instalar novos elementos sobre as cubertas de pedra, recentemente rehabilitadas.
O xurado indica expresamente que o proxecto “garante a conservación dos valores culturais da catedral no seu conxunto, incluídas as cubertas”, que forman parte do itinerario de visitas e están protexidas como Ben de Interese Cultural.
VIABILIDADE E AFORRO ENERXÉTICO
No plano técnico e económico, a proposta foi cualificada como “tecnicamente moi completa”, salientándose a precisión nos cálculos e a elección dos niveis de iluminación e das temperaturas de cor. O feito de empregar luminarias de diferentes marcas comerciais foi interpretado como un factor que favorece a sustentabilidade económica e o mantemento a longo prazo.
O orzamento presentado contempla as distintas fases da actuación —desde a desmontaxe ata as probas finais— e considérase axustado e viable, segundo a avaliación do xurado.
No ámbito ambiental, o proxecto articúlase arredor da integración e do control dos feixes de luz para evitar deslumbramentos e reducir a contaminación lumínica. A proposta cuantifica un aforro enerxético aproximado do 68 % respecto ao consumo actual, ademais de incorporar iluminación ornamental en espazos que carecían dela ata o momento.
O xurado tamén destacou a calidade dos outros dous traballos finalistas. O anteproxecto ‘Shh… See the silence’, do estudo finés Valoa Design, foi valorado pola coherencia conceptual e pola adecuación da luz á atmosfera do ámbito. Pola súa parte, ‘Ad Maiora Semper’, encabezado por Pietro Maria Castiglione, recibiu recoñecemento polo seu detallado estudo histórico e urbano e polo desenvolvemento técnico e económico da proposta.
UNHA ACTUALIZACIÓN INTEGRADA NO PLAN DE SUSTENTABILIDADE TURÍSTICA
O concurso inscríbese no Plan de Sustentabilidade Turística de Santiago (PSTD), impulsado polo Goberno de España, a Xunta de Galicia e o Concello de Santiago de Compostela, cun investimento global de 3 millóns de euros destinado a proxectos de transformación sostible.
A renovación da iluminación da contorna catedralicia constitúe unha das actuacións centrais deste plan, que aposta pola aplicación de solucións innovadoras ao patrimonio histórico dentro dun modelo de destino turístico máis sustentable e respectuoso coa cidade histórica. A asistencia técnica e coordinación do concurso correu a cargo da empresa compostelá TRIVIUM.

