InicioM. AMBIENTE E PATRIMONIOA Xunta de Goberno Local aproba a rehabilitación dun edificio histórico nas...

A Xunta de Goberno Local aproba a rehabilitación dun edificio histórico nas Casas Reais,19 para uso institucional privado

O inmoble modernista, construído en 1913, será destinado a uso institucional dunha empresa compostelá e forma parte do patrimonio catalogado da cidade

Publicado o

Xornal de Compostela

A Xunta de Goberno Local de Santiago de Compostela aprobou este luns a concesión da licenza para a rehabilitación do edificio situado nas Casas Reais de Zanove, que será destinado a uso institucional privado pola empresa compostelá SCQ Platforms, S.L.U. Así o anunciou a concelleira de Turismo, Míriam Louzao, na rolda de prensa de resumo dos acordos adoptados polo executivo municipal.

Segundo explicou, o inmoble forma parte da unidade edificatoria do Plan Especial PM1 e está catalogado con nivel III, polas súas características tipolóxicas e compositivas, cunha especial relevancia arquitectónica e ambiental. O edificio ocupa un predio no que se situou historicamente o pazo barroco dos Condes de Priegue, que pechaba polo norte a antiga praciña de Santa María do Caminho.

O actual inmoble, de estilo modernista, foi construído en 1913 por iniciativa do seu propietario, José Cotos, segundo proxecto do arquitecto vigués José Franco Montes. Conta con planta baixa, dúas plantas superiores e baixo cuberta, e atópase actualmente desocupado. Nos seus usos anteriores albergou vivendas nos andares superiores e actividade comercial na planta baixa.

A licenza aprobada contempla o seu destino como sede institucional privada, así como a conservación dunha parcela libre na parte traseira, que se manterá como xardín vinculado ao edificio. Tal e como recolle a memoria do proxecto, a construción deste inmoble supuxo no seu día unha modificación urbanística da zona, ao completar a aliñación das fachadas da rúa e eliminar un antigo portal de acceso a solo público, compensado daquela cunha indemnización ao Concello. Segundo indicou Louzao, aquela actuación permitiu unha mellora do espazo público que se viña perseguindo desde finais do século XVIII. A concelleira subliñou a importancia desta intervención como recuperación dunha peza relevante do patrimonio urbano compostelán.

OUTROS ACORDOS

No apartado de licenzas, tamén se deu luz verde ás obras de rehabilitación enerxética dun edificio situado na rúa Fernando III o Santo número 2.

En materia de contratación, a Xunta de Goberno Local adxudicou por un período de dous anos o Servizo de Vixiancia do Estadio Municipal Verónica Boquete de San Lázaro á empresa Segur System Europa, S.L.U., cun importe de 290.198,54 euros, IVE incluído. O contrato inclúe unha bolsa de 45 horas anuais de vixiancia, un sistema de control presencial de persoas e tres cursos de formación, ademais das condicións recollidas nos pregos.

Así mesmo, aprobouse o expediente para contratar a subministración de traxes para o Servizo de Extinción de Incendios e Salvamento, cun orzamento base de licitación de 68.970 euros, IVE incluído, mediante procedemento aberto e simplificado.

De cara a futuras contratacións, o goberno local aprobou tamén o proxecto técnico para a substitución das cubertas da Escola Infantil de Trasparlamento, cun orzamento estimado de 251.386,56 euros e un prazo de execución de 100 días hábiles. A actuación afectará ás dúas cubertas planas do edificio —unha transitable e outra xardinada—, que presentan problemas de filtración de auga, e permitirá mellorar tamén o illamento térmico do inmoble, en funcionamento como escola infantil desde 2011 dentro da rede pública Galiña Azul.

No ámbito deportivo, aprobouse o proxecto para renovar o céspede, porterías, redes e varandas do campo de fútbol sur Xoán de Villestro. O proxecto inclúe a preparación da base, a subministración e instalación do céspede artificial e do equipamento deportivo, cun orzamento total de 577.089,55 euros, IVE incluído. A fórmula prevista para a contratación será un renting que abranguerá tanto a instalación como o mantemento, seguindo o modelo aplicado noutras instalacións municipais.

A Xunta de Goberno Local deu tamén o visto bo ao cadro de prezos das acometidas do Servizo Municipal do ciclo integral da auga para 2026, que incorpora unha actualización do 2,7% conforme á variación do IPC respecto a 2025. Esta revisión anual debe ser sometida á aprobación municipal pola empresa concesionaria, Veolia, segundo establecen os regulamentos municipais de abastecemento e saneamento.

Por outra banda, aprobouse a actualización dos prezos do tanatorio municipal e, por vía de urxencia, o préstamo temporal da obra pictórica ‘Flores e buguiña’, de Carlos Maside, para a súa inclusión na exposición ‘As estacións do ano na arte galega dos séculos XX e XXI’, que se celebrará no Museo Centro Gaiás entre o 26 de febreiro e o 6 de setembro.

Finalmente, o executivo local acordou a retención de 182.000 euros correspondentes a facturas da empresa ServiPlus, anterior adxudicataria do servizo de dinamización dos centros socioculturais, co obxectivo de garantir o pagamento das nóminas atrasadas ao persoal traballador.

ÚLTIMAS

Yépez e Guillén aceptan 11 anos de prisión polo crime do carniceiro Antonio Costa

Os dous homes acusados do coñecido como crime do placeiro de Santiago, Carlos Yépez...

Maite Flores, candidata a reitora: “Estamos cansos de que na universidade se prometan unhas cousas e logo non se fagan”

A catedrática de Óptica Maite Flores Arias, candidata á reitoría da Universidade de Santiago...

A xustiza ordena seguir a causa contra dous mandos de bombeiros pola morte dun compañeiro en prácticas

A Sección de Instrución do Tribunal de Instancia de Santiago de Compostela, praza 3,...

O Concello informa á veciñanza sobre a evolución das obras da rúa García Lorca

O Concello de Santiago celebrou unha xuntanza informativa no local social da Asociación de...

O CIFP Compostela transformou en compost case 10 toneladas de residuos orgánicos ao longo de 2025

O CIFP Compostela transformou durante o ano 2025 un total de 9.750 quilos de...

O Museo Catedral de Santiago pecha 2025 cun novo récord de visitantes

O Museo Catedral de Santiago pechou o ano 2025 cun total de 446.518 visitantes,...

Os socialistas piden ao Goberno local a reposición da escultura ‘Maternidade’ e da placa histórica de Área Central en Fontiñas

O Grupo Municipal Socialista de Santiago trasladou esta mañá a súa preocupación pola ausencia...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here