O CIFP Compostela transformou durante o ano 2025 un total de 9.750 quilos de residuos orgánicos procedentes da súa cociña e comedor en compost de alta calidade, grazas ao sistema de compostaxe comunitaria instalado nas súas instalacións de Lamas de Abade, en Santiago de Compostela. O centro xera de media 16,5 toneladas anuais de residuos, asociados á elaboración duns 300 menús diarios.
Os datos foron presentados este martes, 20 de xaneiro, durante unha visita informativa á área de compostaxe do centro, na que participou o concelleiro de Obras e Medio Ambiente do Concello de Santiago de Compostela, Xesús Domínguez, xunto co mestre composteiro da empresa SIHAHO, Gael Núñez Jato, e cos responsables do proxecto por parte da ADEGA, Manolo Soto e Itziar Díaz, que foron recibidos pola dirección do centro educativo.
A área de compostaxe comunitaria foi construída polo Concello no outono de 2024 e iniciou a súa actividade continuada en xaneiro de 2025. A instalación está dotada de seis módulos de compostaxe, cunha capacidade dun metro cúbico cada un, o que permite tratar até 24 toneladas anuais de biorresiduos xerados pola actividade hostaleira do CIFP.
O funcionamento diario do sistema foi asumido polo alumnado de hostalaría e o persoal do centro, encargados da recollida separada dos residuos orgánicos e do seu depósito nos módulos, cubrindo os restos cun material estruturante vexetal subministrado pola empresa xestora. O proceso contou coa supervisión regular dun mestre ou mestra composteira, con visitas dúas ou tres veces por semana para o control, mantemento e rexistro de incidencias.
No marco do proxecto Compostela Composta, desenvolvido en colaboración co Concello, ADEGA encargouse da formación da comunidade educativa, da avaliación do proceso e da análise da calidade do compost producido.
MELLORA PROGRESIVA DA EFICACIA
Ao longo de 2025, a eficiencia da recollida separada foi aumentando de forma gradual. Entre os meses de xaneiro e xuño tratáronse de media 46 quilos diarios de residuos orgánicos, cifra que ascendeu a 64 quilos diarios entre setembro e decembro, o que representou arredor do 81 % da xeración total do centro. Como resultado do proceso obtivéronse aproximadamente 2.300 quilos de compost.
As análises realizadas confirmaron que o material acadou a Clase A de calidade química, a máis esixente segundo o Real Decreto 506/2013, polo que é apto para o seu uso en agricultura ecolóxica. O compost presentou ademais un alto grao de estabilidade, con elevado contido en nutrientes e baixa salinidade.
O proceso desenvolveuse maioritariamente en fase termofílica, o que garantiu a hixienización do material. As incidencias rexistradas foron reducidas ao longo do ano, con presenza puntual de mosquiña, materiais impropios, lixiviados ou olores, sen rexistrarse queixas nin problemas con roedores.
UN MODELO EXTRAPOLABLE Á HOSTELERÍA
Dende ADEGA sinalan que a experiencia do CIFP Compostela amosa a viabilidade do tratamento in situ dos residuos orgánicos xerados pola actividade hostaleira, permitindo reducir custos de recollida e transporte, así como as emisións de gases de efecto invernadoiro. O sistema posibilita, ademais, a produción dun fertilizante orgánico aproveitable en agricultura e xardinaría.
A entidade ecoloxista destacou tamén que se trata dun modelo facilmente extrapolable a outros centros educativos e establecementos de restauración que dispoñan de espazo suficiente, e agradeceu a implicación da comunidade educativa do CIFP Compostela, así como o traballo desenvolvido pola empresa SIHAHO e polo equipo de mestres composteiros.

