O proxecto do Ecobosque do Banquete de Conxo continúa avanzando coa execución de novas actuacións orientadas á recuperación ambiental e patrimonial deste ámbito situado á beira do río Sar. Nestes días estanse a ultimar intervencións relevantes, entre elas a recuperación da antiga ponte do Cemiterio do Hospital Psiquiátrico de Conxo, unha infraestrutura histórica que permanecera oculta durante décadas.
A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, realizou unha visita á zona para coñecer o estado das obras e comprobar o resultado das últimas actuacións executadas. Durante o percorrido puido observar os traballos de acondicionamento de novas pontellas sobre o río, a instalación de pasarelas de madeira que facilitan o acceso ao paseo desde a rúa de Ramón Baltar e a creación dun miradoiro na contorna do Carballo de Conxo.
Un dos elementos centrais desta fase do proxecto foi a posta en valor da ponte situada ao carón do antigo cemiterio do Psiquiátrico. A estrutura, construída arredor do ano 1900, permanecera máis de 40 anos cuberta por unha lousa de formigón colocada durante as obras do Hospital Provincial de Conxo para soportar o paso de tráfico pesado. A actuación actual permitiu retirar ese engadido e devolverlle á ponte o seu aspecto orixinal, recuperando a altura inicial do taboleiro e respectando os materiais e a configuración histórica cos que foi erixida.
As novas infraestruturas executadas nesta contorna forman parte dunha das liñas de acción do proxecto, centrada na mellora da conservación do Carballo de Conxo e na ordenación dos usos públicos do espazo, compatibilizando o acceso da cidadanía coa protección dos valores naturais e patrimoniais.
O Ecobosque do río Sar ten como obxectivo recuperar e poñer en valor o Bosque do Banquete de Conxo e o seu ecosistema fluvial. O proxecto conta co apoio da Fundación Biodiversidad, dependente do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico, cunha achega de máis de 870.000 euros de fondos europeos Next Generation.
Nunha primeira fase desenvolvéronse un estudo hidrolóxico e un inventario do ecosistema fluvial do río Sar ao seu paso por Conxo, documentos que acreditaron a riqueza ambiental da zona e serviron de base para as actuacións posteriores. Entre elas inclúense campañas de eliminación de especies invasoras, como a tradescantia e o bambú, a plantación de especies autóctonas, algunhas realizadas de maneira participativa mediante o método das bombas de semente, e a aprobación dun plan de gobernanza e participación destinado a implicar á veciñanza e fomentar a corresponsabilidade nas accións ambientais vinculadas ao proxecto.

