O organismo Augas de Galicia anunciou que manterá este luns unha reunión co Concello de Santiago e coa empresa pública Acuaes, promotora da nova Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) da Silvouta, para avaliar o alcance e a evolución da vertedura detectada no río Sar durante a última semana.
Segundo informaron fontes do ente autonómico, os episodios de contaminación rexistrados nos concellos de Santiago, Ames, Brión e Rois terían a súa orixe nas obras de posta en marcha da nova depuradora, proxecto impulsado polo Ministerio para a Transición Ecolóxica a través da sociedade estatal Acuaes.
Os técnicos de Augas de Galicia precisan que a contaminación detectada é “fundamentalmente orgánica”, composta por residuos fecais que se degradan co paso do tempo, polo que non se aprecian danos na morfoloxía do río nin elementos sólidos que deban retirarse de forma inmediata, aínda que continúan as avaliacións complementarias.
Desde o organismo autonómico insisten en que a empresa promotora debe “axustar a obra ao planificado” e solucionar as deficiencias que provocaron a vertedura. A reunión prevista servirá para analizar a situación actual, determinar responsabilidades e establecer medidas de control e corrección que eviten novos episodios de contaminación nun tramo fluvial especialmente sensible para a área metropolitana compostelá.

