InicioM. AMBIENTE E PATRIMONIOO misterio do Apóstolo: espiritualidade, estratexia e construción de Europa

O misterio do Apóstolo: espiritualidade, estratexia e construción de Europa

A investigación histórica sobre o Apóstolo Santiago revela unha tradición construída entre intereses relixiosos, narrativas políticas e mitos populares, que se mantén viva hoxe malia a ausencia de probas documentais directas

Publicado o

Por David M. Sobrino Platas

Cada 25 de xullo, Galicia celebra o día do seu patrón, o Apóstolo Santiago. A festividade, que coincide co Día Nacional de Galicia, converte Compostela nun punto de encontro espiritual, cultural e simbólico. Porén, que hai de certo na tradición que atribúe ao Apóstolo a predicación en Hispania e o descanso eterno en Galicia? A investigación histórica contemporánea ofrece unha ollada matizada, afastada da versión oficial transmitida durante séculos.

Non hai ningunha evidencia histórica de que Santiago estivese en Hispania“, explica o xornalista e escritor Jesús Bastante, quen é redactor xefe do medio Religión Digital e leva anos estudando o tema. Segundo conta, existen tradicións que sinalan a presenza do Apóstolo en lugares como Sevilla, Granada ou Zaragoza, pero carecen de base documental fidedigna. “O que temos é unha narrativa construída a partir do século IX, despois da conquista árabe, nun contexto de reafirmación cristiá”, afirma.

A partir do ano 818, segundo Bastante, comeza a consolidarse a historia do sepulcro, co achado milagroso dun pastor, que alerta ao bispo Teodomiro, quen identifica o lugar como o sepulcro do Apóstolo. O rei Afonso II, primeiro peregrino segundo a tradición, impulsou a construción dun primeiro templo sobre o lugar. “É entón cando Compostela emerxe como centro de culto”, apunta Bastante, “aínda que non será ata o século XI cando o Camiño de Santiago se converta nun itinerario relixioso europeo de primeira orde”.

Desde a perspectiva historiográfica, a consolidación da tradición xacobea ten unha clara lectura estratéxica. O medievalista José Miguel Andrade sinala que a aceptación da presenza de Santiago foi “progresiva e paulatina“, mais promovida por unha “planificación político-relixiosa“. Para Andrade, o rei Afonso II tiña como obxectivo reforzar o control do Reino Astur sobre Galicia mediante o culto ao Apóstolo.

A Igrexa astur-leonesa xogou un papel crucial na promoción deste culto, que funcionou como “estratexia de vinculación territorial e simbólica co reino”, explica Andrade. Segundo o investigador, a europeización posterior do Camiño non foi froito dun plan deliberado, senón “consecuencia do éxito das peregrinacións“, que acabaron por xerar unha conciencia compartida en boa parte do continente.

A pesar da ausencia de probas directas sobre a presenza de Santiago en Galicia, a crenza mantense viva. Para Jesús Bastante, iso explícase porque “Santiago é unha identidade“. A peregrinación, engade, “é un acto espiritual e persoal moi potente, que moitas veces supera o relixioso”. Tamén advirte que boa parte do público actual chega a Compostela con motivacións diversas: culturais, deportivas, de introspección ou turísticas.

Os restos do Apóstolo Santiago

Sobre os restos atribuídos ao Apóstolo, a historia dá un xiro no século XIX. En 1879, o canónigo e historiador compostelán Antonio López Ferreiro lidera unhas escavacións que culminan co redescubrimento dunha urna con osos humanos na cripta da catedral. A investigación, que contou cunha comisión médica e arqueolóxica, concluíu que se trataba de tres persoas do século I. En 1884, o papa León XIII emitiu a bula Deus Omnipotens recoñecendo a autenticidade dos restos.

Esta narrativa foi recollida por López Ferreiro na súa monumental obra Historia de la Santa A.M. Iglesia de Santiago de Compostela, na que defende, baseándose en fontes documentais e eclesiásticas, a continuidade do culto desde o cristianismo primitivo ata a consolidación medieval. Tamén no seu volume Altar y cripta del Apóstol Santiago (1891), ofrece unha descrición detallada do proceso de escavación e da validación relixiosa e histórica dos restos.

As teorías críticas, porén, non desapareceron. A historiadora Ofelia Rey Castelao dedicou parte da súa obra a desmontar os alicerces da tradición xacobea. No seu libro Los mitos del Apóstol Santiago, interpreta a narrativa do sepulcro como unha construción eclesiástica interesada, baseada nunha cadea de falsificacións e relatos propagandísticos. Cuestiona, entre outras cousas, a autenticidade dos Anos Santos, a relevancia da peregrinación medieval e mesmo a orixe de certos textos fundacionais atribuídos a San Isidoro.

Na súa visión, o culto a Santiago funcionou como unha ferramenta de control político e social, e o crecemento de Compostela como cidade estivo vinculado máis ao comercio e consumo urbano ca a unha verdadeira devoción xacobea. Esta lectura crítica, que suscitou debate entre especialistas, apóiase na idea de que a tradición foi adaptándose aos intereses das elites eclesiásticas e monárquicas ao longo dos séculos.

Please wait while you are redirected...or Click Here if you do not want to wait.

ÚLTIMAS

O Concello de Santiago aproba novas licenzas de obra e reactiva a solicitude para declarar a cidade como zona de mercado residencial tensionado

A Xunta de Goberno Local de Santiago de Compostela aprobou este luns diversos acordos...

Maite Flores destaca que “hai partido” entre as dúas candidaturas ao reitorado da USC

A candidata á reitoría da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Maite Flores, reivindicou...

Un estudo do IDIS apunta que un fármaco usado contra a gota podería axudar a combater a osteoporose

A revista científica Pharmaceutics publicou un traballo do grupo de Patoloxía Musculoesquelética do IDIS,...

O PSOE pregunta ao Goberno de Santiago cando licitará as cafeterías dos parques municipais tras quedar deserto o concurso o pasado verán

O Grupo Municipal Socialista de Santiago levará ao pleno deste mes unha pregunta sobre...

Santiago anuncia a reapertura do parque de Bonaval tras o derrube

O Goberno local de Santiago anunciou a reapertura do parque de Bonaval, tras tres...

O Goberno aproba a prórroga do Plan de Sustentabilidade Turística de Santiago para completar as actuacións previstas

O Consello de Ministros aprobou a modificación e prórroga de oito convenios correspondentes á...

O Museo do Pobo Galego programa a XXI edición da MICE e novas actividades culturais en marzo

O Museo do Pobo Galego acollerá durante o mes de marzo unha programación marcada...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here