InicioM. AMBIENTE E PATRIMONIOSumar pide frear o proxecto de Altri en Palas e alerta do...

Sumar pide frear o proxecto de Altri en Palas e alerta do seu impacto no Camiño de Santiago

Verónica Martínez critica a Rueda por "inventar unha Galicia do século XIX" e apoia o rexeitamento social á planta de celulosa

Publicado o

Xornal de Compostela

A portavoz de Sumar no Congreso, Verónica Martínez Barbero, declarou este venres en Santiago que o proxecto industrial de Altri en Palas de Rei constitúe un “atentado” contra a saúde pública, o medio ambiente e os sectores produtivos do rural. Fíxoo nunha comparecencia ante os medios nas inmediacións do complexo administrativo da Xunta, onde acusou ao presidente Alfonso Rueda de “inventar unha Galicia do século XIX que non existe”.

Barbero afirmou que o rexeitamento a esta macroplanta de celulosa, promovida pola empresa portuguesa Altri xunto a Greenalia, é común a todas as frontes de Sumar, tanto no Congreso, como en Europa e desde os ministerios que coordina a coalición. Nesta liña, anunciou que o ministro de Cultura, Ernest Urtasun, enviou esta mesma mañá unha carta ao presidente da Xunta para advertir do impacto que podería ter o proxecto no Camiño de Santiago, declarado Patrimonio da Humanidade pola Unesco.

Segundo explicou, a misiva, escrita en galego, subliña que non se poderá colocar “nin unha soa pedra” sen contar co informe do órgano consultivo da Unesco, dada a proximidade do emprazamento ao trazado do Camiño. Tamén recolle a preocupación do Goberno estatal ante a “ameaza para o turismo, o sector primario, a saúde da poboación e os ecosistemas”.

Durante a comparecencia tamén interveu a eurodeputada Estrela Galán, quen instou á Xunta a escoller entre “estar coa xente ou coas elites empresariais”, e sinalou que se está a impulsar unha acción na Comisión Europea para frear o proxecto. Galán cualificou Altri de “aberración ambiental” e criticou que se ignore o forte rexeitamento social xerado.

A xornada de Sumar en Galicia inclúe visitas á comarca da Ulloa, onde se reunirán coa plataforma Ulloa Viva, e aos concellos de Touro e Noia, para manter encontros con colectivos en defensa do territorio e contra proxectos extractivos. Segundo o secretario xeral de Movemento Sumar Galicia, Paulo Carlos López, estas visitas buscan coñecer “de primeira man as consecuencias que pode ter o apoio da Xunta a este tipo de iniciativas industriais”.

Ademais, López anunciou que este sábado comezará a campaña ‘Traballar menos, vivir mellor’, coa que a formación pretende impulsar a redución da xornada laboral. Segundo sinalou, esta medida beneficiaría en Galicia a 600.000 persoas, o que suporía liberar “6 millóns de horas ao mes para investilas no que queremos”.

ÚLTIMAS

A acampada de Santiago pola vivenda mantense pese ao mal tempo “ata que haxa cambios reais”: “Como bos galegos, non nos para a choiva”

A acampada pola vivenda instalada na Praza do Obradoiro de Santiago continuará de xeito...

Os Roteiros Saudables da AECC regresan a Santiago con andainas quincenais para combater o sedentarismo

O programa Roteiros Saudables da Asociación Española contra o Cancro (AECC) regresará a Santiago...

O PSOE urxe o Goberno de Santiago a completar o censo de vivendas baleiras e mobilizalas

O Grupo Municipal Socialista de Santiago reclamou ao Goberno local que complete o censo...

A mocidade no Obradoiro seguirá a acampada: “A dereita traerá máis miseria”

Os mozos acampados pola vivenda na praza do Obradoiro, en Santiago de Compostela, aseguraron...

Santiago acollerá en 2027 o Foro Consultivo Anual dos Itinerarios Culturais do Consello de Europa

Santiago de Compostela será a sede en outubro de 2027 do Foro Consultivo Anual...

Santiago mantén a vixilancia sobre o vertido de Tordoia malia o freo do seu avance

O vertido de purín provocado pola rotura dunha balsa nunha explotación gandeira de Tordoia...