InicioM. AMBIENTE E PATRIMONIOO Hostal dos Reis Católicos renovará a súa imaxe con obras por...

O Hostal dos Reis Católicos renovará a súa imaxe con obras por valor de 36 millóns de euros

A intervención estrutural e enerxética completarase en 2026 e inclúe tamén a renovación dun convenio turístico coas Cidades Patrimonio

Publicado o

Xornal de Compostela

O Hostal dos Reis Católicos, un dos símbolos máis recoñecidos da cidade de Santiago de Compostela, acometerá unha reforma integral cun orzamento total de 36 millóns de euros, segundo anunciou este martes a presidenta de Paradores, Raquel Sánchez, durante unha visita ás instalacións xunto coa alcaldesa e presidenta do Grupo de Cidades Patrimonio, Goretti Sanmartín, e o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Branco.

As obras dividiranse en dúas liñas principais de actuación. Por unha banda, Turespaña achegará 19 millóns de euros, dos cales 12,6 millóns proceden de fondos europeos Next Generation, para accións centradas en elementos patrimoniais visibles, como a restauración das fachadas interior e exterior e a rehabilitación da capela principal. Estas intervencións terán como horizonte de finalización o mes de xuño de 2026.

Por outra parte, Paradores destinará 17 millóns de euros adicionais a melloras estruturais que buscan incrementar a eficiencia enerxética e funcional do edificio. Entre as actuacións previstas atópanse a modernización dos sistemas de climatización, renovación eléctrica e de saneamento, substitución dos ascensores existentes e a instalación dun novo, así como a actualización do sistema contra incendios e das extraccións nas zonas de cociña.

Raquel Sánchez referiuse ao proxecto como un “investimento histórico” para o que definiu como o “buque insignia” da rede de Paradores e agradeceu por adiantado “a paciencia” tanto da clientela como da veciñanza polos inconvenientes que poida supoñer a obra durante o seu desenvolvemento.

CONVENIO PARA INTERNACIONALIZAR O TURISMO

No mesmo acto, o Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade, presidido por Goretti Sanmartín, e Paradores, formalizaron a renovación por dous anos dun convenio de colaboración turística que leva dúas décadas en vigor. O acordo ten como obxectivo desestacionalizar e diversificar o turismo, orientándoo cara ao coñecemento do patrimonio cultural das cidades implicadas.

“Queremos un turismo que permaneza máis tempo en Santiago”, sinalou Sanmartín, quen destacou a importancia de xerar propostas como o sexto Circuíto de Carreiras das Cidades Patrimonio de España, que terá a súa etapa compostelá o vindeiro 10 de maio cunha carreira nocturna de 10 quilómetros.

A presidenta de Paradores destacou que o convenio busca “pór en valor a cultura e o patrimonio das cidades patrimoniais” a través de accións promocionais conxuntas, incluíndo presentacións en mercados internacionais como Dublín, co fin de divulgar Santiago e outras cidades como destinos culturais globais.

Tamén se anunciou a elaboración dunha ruta turística específica polos Paradores situados en cidades patrimonio, que permitirá aos viaxeiros descubrir estes enclaves históricos nun formato coordinado e atractivo.

A rexedora compostelá valorou positivamente o impacto desta cooperación institucional: “É un modelo de éxito que nos permite ensinar Santiago e o seu patrimonio dun xeito responsable, sostible e internacional”.

O Hostal dos Reis Católicos, ubicado na Praza do Obradoiro, continuará así o seu camiño de posta ao día co horizonte do centenario da rede de Paradores en 2028, integrando modernización, conservación patrimonial e proxección turística como eixos fundamentais.

ÚLTIMAS

Colectivos propalestinos convocan unha protesta en Santiago pola participación de médicos israelís nun congreso

A celebración en Santiago de Compostela dun congreso europeo dedicado á investigación en medicina...

O servizo municipal de asesoramento sobre alugueiros de Santiago atende preto de 200 consultas nos seus tres primeiros meses

O Servizo Municipal de Información e Asesoramento en Materia de Alugueiro de Santiago de...

Monbus busca novos condutores para o transporte urbano de Santiago con contratos indefinidos e incorporación inmediata

A empresa Monbus iniciou un proceso de contratación de novos condutores e condutoras para...

Norwegian conectará Santiago e Copenhague con dous voos semanais no verán de 2027

O aeroporto de Santiago de Compostela contará cunha nova conexión internacional durante o verán...

A Catedral de Santiago e San Martiño Pinario abrirán as súas bibliotecas ao público con visitas guiadas este venres

O patrimonio bibliográfico de Santiago de Compostela será protagonista este venres 23 de outubro,...

Santiago acollerá en 2027 o Foro Consultivo Anual dos Itinerarios Culturais do Consello de Europa

Santiago de Compostela será a sede en outubro de 2027 do Foro Consultivo Anual...