A turoperadora Fly2Galicia anunciou a contratación da aeroliña portuguesa White Airways para operar, a partir do 1 de decembro, todos os seus voos comerciais desde o aeroporto de Santiago de Compostela. A decisión chega despois de que a aeroliña romanesa Flyyo anunciase este mesmo luns que non operaría ningunha destas conexións, ao asegurar que a compañía “non realizou os pagamentos debidos conforme a ese contrato”. Nun comunicado, Fly2Galicia enmarcou o novo convenio nun “acordo estratéxico”, que, segundo defendeu, lle permitirá mellorar a operativa dos seus voos grazas á proximidade dos centros de mantemento de White Airways en Portalegre (Portugal) e Madrid, así como polo seu “amplo coñecemento” do mercado español e dos servizos de alugueiro de aeronaves con tripulación, mantemento e seguro.
Neste sentido, a turoperadora asegurou que o cambio de operador “non afectará” as reservas realizadas ata o de agora, polo que os clientes que mercasen billetes con Fly2Galicia “non terán que facer ningunha xestión adicional”. Fly2Galicia defendeu que, con este acordo, conectará Santiago a partir do vindeiro 1 de decembro con oito destinos, tres deles españois —Alacante, Granada e Zaragoza— e cinco europeos —Bruxelas, Milán, Múnic, Praga e Venecia—, cun total de 17 frecuencias semanais.
FLYYO ROMPE RELACIÓNS POR IMPAGAMENTO E PIDE AOS PASAXEIROS QUE NON ACUDAN AO AEROPORTO
Todo isto prodúcese despois de que Flyyo anunciase que non operaría os voos por falta de pagamento e advertise aos pasaxeiros de que “non deben acudir ao aeroporto para estes voos”. A aeroliña romanesa explicou que ía operar estas conexións para Fly2Galicia en virtude dun contrato de fretamento, pero que este quedou roto, polo que deixa claro que queda “indemne” fronte a “todas as reclamacións dos pasaxeiros relativas a estes voos”.
Ao respecto, subliñou que “Fly2Galicia vendeu os billetes e recibiu os pagamentos dos pasaxeiros”, polo que os afectados “deben solicitar a Fly2Galicia o reembolso íntegro por correo electrónico”, enviando a solicitude aos dous enderezos: info@fly2galicia.com e booking@fly2galicia.com. Engadiu que quen mercase o billete a través dunha axencia de viaxes debe dirixirse á súa axencia, mentres que quen contratase unha viaxe combinada, é dicir, un voo con hotel ou outros servizos, “debe dirixirse a Fly2Galicia como organizador da viaxe”. Flyyo lembrou tamén que “non vendeu os billetes e non dispón dos datos das reservas nin dos pagamentos dos pasaxeiros”.
“Os pasaxeiros que non recibisen o reembolso no prazo de sete días desde a súa solicitude a Fly2Galicia, ou que teñan calquera dúbida, poden escribir a Flyyo a scq.passengers@flyyo.com indicando o seu localizador e achegando a confirmación da reserva e o xustificante de pagamento, para que Flyyo poida obter de Fly2Galicia os datos da reserva”, explicou a compañía. Deste xeito, as dúas empresas trasladaron mensaxes diferentes aos viaxeiros: mentres Flyyo comunicou a cancelación da súa participación nos voos e informou sobre como solicitar os reembolsos, Fly2Galicia sostén que as conexións se manterán co novo operador portugués e que as reservas xa realizadas non se verán afectadas.
UN PROXECTO PRESENTADO EN OUTUBRO E ENVOLTO NA POLÉMICA
O pasado 14 de outubro, Fly2Galicia organizou un encontro profesional en Santiago de Compostela para presentar o proxecto e dar a coñecer as primeiras rutas da compañía. Tiña previsto comezar a operar o 1 de decembro con saídas desde Santiago a Zaragoza, Bruxelas e Milán; con destino a Venecia e Praga desde o 2 de decembro, así como a Granada, Alacante e Múnic desde o 3 de decembro. Previamente, o Concello de Santiago suspendera o pasado mes de setembro “toda relación” con Fly2Galicia, a marca comercial dunha turoperadora, polos posibles vínculos con Israel de Flyyo, a aeroliña que inicialmente ía operar os voos chárter desde o aeroporto compostelán.

