O Concello de Santiago vén de dar luz verde a varios acordos en materia de infraestruturas, espazos públicos e programación cultural, entre os que destaca a adxudicación do contrato para conectar o sector de Lavacolla á rede xeral de abastecemento municipal de auga. A portavoz do Goberno local, Míriam Louzao, informou deste luns na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno.
O contrato foi adxudicado á empresa Proyfe SL por un importe de 56.435,01 euros e permitirá desenvolver un proxecto que o executivo municipal considera clave para mellorar o funcionamento da rede hidráulica nesta zona. Segundo explicou Louzao, a actuación busca garantir a presión e o caudal necesarios, unha “condición indispensable” para poder ampliar o servizo a novas áreas e vivendas.
Na actualidade, o abastecemento nos núcleos próximos á antiga N-634 e á estrada Mourentán-Costa depende dunha conexión co Concello de Boqueixón situada nas inmediacións do aeroporto Rosalía de Castro. Este sistema, inicialmente concibido para dar servizo á infraestrutura aeroportuaria, foi ampliándose co tempo sen integrarse na rede municipal compostelá.
Porén, a portavoz sinalou que esta configuración presenta limitacións técnicas e operativas, con niveis de presión e caudal que se atopan en “niveis críticos”, o que dificulta atender novas demandas, especialmente en zonas elevadas como Vilamaior ou Neiro.
O proxecto contempla a creación dunha arteria de conexión duns oito quilómetros desde A Sionlla de Arriba ata Lavacolla, pasando por Reboredo e Casais, así como o reforzo da rede en ámbitos urbanizables como Formarís. Ademais, inclúe a conexión con Vilamaior e Neiro, a reorganización do sistema para manter o abastecemento do aeroporto desde Boqueixón e o deseño da rede en varios núcleos da zona.
O orzamento estimado para a execución das obras ascende a 961.560 euros, mentres que o prazo dos traballos de redacción do proxecto será de cinco meses, repartidos en tres fases.
CUBERTAS PARA PARQUES INFANTÍS
No ámbito dos espazos públicos, o Goberno local aprobou tamén o expediente para licitar a subministración, instalación e mantemento de cubertas téxtiles nos parques infantís de Fontiñas e da praza da Constitución, cun investimento total de 397.407,87 euros.
O contrato dividirase en dous lotes: o primeiro, para o parque de Fontiñas, contará cun orzamento de 186.686,37 euros; e o segundo, para o da praza da Constitución, ascenderá a 210.721,50 euros.
Segundo detallou Louzao, as cubertas deberán contar con estrutura metálica e unha membrana de poliéster con recubrimento de PVC, en cor branca translúcida, cunha garantía de dez anos. Ademais, deberán cumprir requisitos como resistencia ao vento, impermeabilidade, protección fronte á radiación solar e carácter ignífugo.
Convocatorias culturais do Banquete de Conxo e o Premio SELIC
A Xunta de Goberno aprobou tamén as bases para participar no Mercado do Libro da Festa do Banquete de Conxo, que se celebrará do 22 ao 24 de maio. O prazo de inscrición estará aberto ata o 30 de abril e permitirá a participación de librarías, editoriais e outros axentes do sector, cun máximo de 20 postos nun espazo habilitado para a ocasión.
O mercado contará ademais con actividades de dinamización cultural, e os participantes poderán propoñer iniciativas como presentacións literarias ou recitais.
No mesmo eido, o Concello deu luz verde á convocatoria do Premio SELIC de creación literaria 2026, dotado con 6.000 euros. O certame está dirixido a obras inéditas en galego nos xéneros de narrativa, poesía, teatro e ensaio que teñan a cidade de Santiago como elemento central ou de referencia.
Con este conxunto de medidas, o executivo municipal avanza en actuacións que combinan a mellora de servizos básicos, a adaptación dos espazos urbanos e o impulso á actividade cultural na cidade.

