InicioSANTIAGOO Concello anuncia unha reunión “en breve” coa nova reitora da USC...

O Concello anuncia unha reunión “en breve” coa nova reitora da USC para reforzar a colaboración institucional

Míriam Louzao destaca o inicio do mandato de Rosa Crujeiras e subliña a importancia da coordinación entre ambas institucións

Publicado o

Xornal de Compostela

O Concello de Santiago manterá “en breve” un encontro coa nova reitora da Universidade de Santiago de Compostela, Rosa Crujeiras, co obxectivo de abordar cuestións comúns e fortalecer a cooperación institucional. Así o confirmou a portavoz do Goberno local, Míriam Louzao, na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno semanal.

Segundo explicou, trátase dunha reunión “que temos que ter en breve, para poder tratar todas as cuestións que nos competen a ambas as institucións e por suposto manter esa coordinación e traballo conxunto que estamos seguras que imos poder manter”.

A portavoz municipal trasladou tamén a súa felicitación á nova reitora, que tomou posesión do cargo o pasado venres, e desexoulle “o mellor”, ao considerar que o seu labor será “tamén bo para todo Santiago”.

Louzao referiuse ao discurso de investidura de Crujeiras, do que destacou o seu contido e orientación. “Promete un mandato moi positivo”, afirmou, ao tempo que puxo en valor que a nova reitora incidise “no valor da educación pública, o valor da universidade para a conformación dunha sociedade mellor, e o valor de que as mulleres teñan papel en todos os ámbitos sen ter que seguir demandándoo”.

No marco destas declaracións, a portavoz tamén quixo recoñecer o labor do anterior reitor, Antonio López, ao que agradeceu “todo o traballo” desenvolvido durante o seu mandato. “Foi moi fácil traballar con el” e destacou o seu carácter “moi afable”, unha actitude que, segundo indicou, “agradece tamén nestes tempos que corren”.

Finalmente, Louzao subliñou a “predisposición” da nova reitora para manter unha relación fluída co Concello, insistindo en que o encontro entre ambas institucións terá lugar proximamente co fin de avanzar en proxectos compartidos para a cidade.

ÚLTIMAS

A USC reconstrúe dixitalmente a ‘Raíña Orante’ do mestre Mateo

Un proxecto da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e do Centro de Investigación...

Santiago vive un multitudinario Día de Galicia entre tradición, política e festa

Como cada 25 de xullo, Santiago de Compostela celebrou o Día Nacional de Galicia...

O arcebispo de Santiago chama a recoñecer a dignidade de toda persoa na Ofrenda ao Apóstolo

O arcebispo de Santiago, Francisco José Prieto, fixo un chamamento este 25 de xullo...

Liño, artesanía galega e memoria feminina no traxe da alcaldesa de Santiago

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, escolleu para os actos institucionais do 25 de...

Festas do Apóstolo 2026: Volve o espectáculo de luces con fogos artificiais e dez días de concertos

As festas do Apóstolo deron comezo este mércores co pregón do empresario e promotor...

Os Tédax destrúen en Santiago un proxectil que podería proceder da Guerra Civil

Especialistas do grupo de técnicos especialistas en desactivación de artefactos explosivos, os Tédax da...

Santiago terá unha nova rede de buses con 16 liñas, conexións ao rural e servizo nocturno

A nova rede de autobuses de Santiago de Compostela empezará a funcionar previsiblemente este...