InicioECONOMÍAO pleno de Santiago rexeita os orzamentos municipais e abre a vía...

O pleno de Santiago rexeita os orzamentos municipais e abre a vía da cuestión de confianza

A negativa do PP e a abstención do PSOE e das concelleiras non adscritas deixan sen aprobar as contas do goberno local

Publicado o

Xornal de Compostela

O pleno municipal de Santiago de Compostela rexeitou este mércores o proxecto de orzamentos presentado polo goberno local, despois de que o Partido Popular votase en contra e o PSOE e as concelleiras non adscritas optasen pola abstención. As contas só recibiron o respaldo do executivo bipartito formado por BNG e Compostela Aberta.

Este resultado deixa aberta a posibilidade de que a alcaldesa, Goretti Sanmartín, recorra a unha cuestión de confianza, un mecanismo que xa avanzara como opción no caso de non prosperar os orzamentos. A rexedora criticou a postura do resto dos grupos da corporación e apelou á responsabilidade institucional, instando a “pensar na cidadanía”. “Que gana se non hai orzamentos?”, preguntou, para responder a continuación que “non gaña nada”.

De activarse esta vía, a alcaldesa deberá someterse a unha votación específica no pleno. No caso de obter a confianza, abriríase un prazo de 30 días no que os orzamentos quedarían automaticamente aprobados se non se presenta unha moción de censura alternativa.

Desde a oposición, o portavoz do PP, Borja Verea, cualificou a situación como un “paripé” e referiuse ao resto da corporación como o “tripartito das leas”. Nun ton crítico, sinalou que, se non se produce un cambio de goberno, as contas acabarán aprobándose tras ese período: “En 30 días estes orzamentos van estar aprobados”.

Pola súa banda, o PSOE e as concelleiras non adscritas, que noutras ocasións apoiaran ao goberno local, centraron as súas intervencións nas negociacións previas. As edís non adscritas denunciaron un “incumprimento” de acordos, mentres que os socialistas criticaron o que consideran un intento de trasladar á oposición a responsabilidade pola falta de consenso.

Na defensa do proxecto, o concelleiro de Facenda, Manuel César, subliñou que as contas buscan “seguir acrecentando o benestar colectivo” e avanzar cara a unha cidade “diversa e igualitaria”. O edil destacou que varias das propostas foron obxecto de negociación, incluíndo actuacións en parques infantís, melloras de pavimentos e intervencións en instalacións deportivas, así como iniciativas como o censo de vivendas baleiras ou estudos sobre equipamentos culturais.

César tamén incidiu en que o orzamento permitirá abordar cuestións como a adxudicación do novo contrato de transporte urbano, cunha partida de 8,7 millóns de euros, así como o incremento de fondos para servizos como madrugadores e comedor escolar, con máis dun millón adicional, e o Servizo de Axuda no Fogar, cun aumento de 300.000 euros.

A tenente de alcaldesa, María Rozas, puxo o foco no gasto social previsto, que situou en 177 euros por habitante, unha cifra que, segundo indicou, supera a doutras cidades galegas. Rozas expresou a súa “frustración” polo desenvolvemento do debate, lamentando que estivese centrado en “tacticismos” en lugar de nas “políticas públicas”.

Coa falta de apoio suficiente no pleno, o futuro dos orzamentos queda agora condicionado á decisión da alcaldesa de activar ou non a cuestión de confianza, nun contexto de tensión política e falta de acordo entre os grupos municipais.

ÚLTIMAS

Verea afirma que o rexeitamento dos orzamentos evidencia a falta de apoio ao goberno local

O portavoz do Partido Popular en Santiago, Borja Verea, valorou o pleno municipal no...

O Gaiás acollerá once espectáculos de vangarda no festival ‘Escenas do Cambio’

O festival de artes escénicas de vangarda 'Escenas do Cambio' ofrecerá once espectáculos no...

Arelas convoca unha manifestación en Santiago para reivindicar dereitos trans e denunciar retrocesos legais

A asociación Arelas convocou unha manifestación nacional en Santiago de Compostela para este domingo...

A nova reitora da USC, a alcaldesa e a directora do IES Rosalía de Castro participan nunha mesa redonda con motivo do 8M

A reitora electa da Universidade de Santiago de Compostela, Rosa Crujeiras; a alcaldesa de...

O PSdeG anuncia a súa abstención nos orzamentos de 2026 ao cuestionar ingresos e investimentos

O Grupo Municipal Socialista de Santiago optará pola abstención no Pleno municipal no que...

A USC pecha o exercicio 2025 cun superávit orzamentario superior ao millón de euros

A Universidade de Santiago de Compostela pechou o exercicio 2025 cun superávit orzamentario de 1,02...

Mercedes Rosón anuncia o apoio das non adscritas ao regulamento do Foro de Turismo Sustentable tras introducir cambios na súa composición

A concelleira non adscrita de Santiago, Mercedes Rosón, confirmou o seu voto favorable ao...