A empresa Os Ventos formalizou a entrega da documentación requirida polo Concello de Santiago para facerse cargo da xestión dos centros socioculturais municipais, despois de que Eulen, adxudicataria inicial do servizo, comunicase a súa renuncia.
Segundo indicaron fontes municipais, o seguinte paso será a avaliación técnica da documentación presentada, trámite necesario para continuar co procedemento administrativo e culminar a adxudicación. A decisión prodúcese nun contexto marcado pola necesidade de garantir a continuidade dun servizo que afecta á rede de equipamentos socioculturais distribuídos polos barrios e parroquias do municipio.
Horas antes de coñecerse a presentación da documentación, a alcaldesa, Goretti Sanmartín, manifestárase “optimista” sobre o desenlace do proceso. “Espero que [o contrato] estea encamiñado deica pouco”, sinalou en declaracións públicas.
A rexedora reiterou as súas críticas á decisión adoptada por Eulen de non asumir finalmente o contrato. Considerou a renuncia “irresponsable” e sostivo que a empresa conta “co músculo suficiente” para executar o servizo ao que optara. Ademais, cualificou de “públicas e notorias” as relacións da compañía co Partido Popular e lamentou que a súa responsable “rexeitase” manter unha conversa directa con ela tras a comunicación da decisión.
Estas declaracións enmárcanse nun proceso que obrigou o goberno local a buscar alternativas para evitar unha nova paralización na xestión dos centros.
O CONCELLO ASUMIRÁ AS DÉBEDAS DE SERVIPLUS
Pola súa banda, o concelleiro responsable da área, Xan Duro, detallou que o Concello adoptou medidas para que a nova empresa non teña que facer fronte ás débedas pendentes de Serviplus, a anterior concesionaria do servizo, que deixou salarios sen abonar ao persoal.
O goberno municipal asumiu esa débeda, previamente cedida pola empresa saínte, e procederá ao seu pagamento directo. Para formalizar o trámite, é preciso que cada un dos 56 traballadores afectados asine un formulario individualizado aceptando a cesión. Segundo explicou Duro, “esta mañá entraron os primeiros asinados. Unha vez teñamos todos, iniciaremos os expedientes correspondentes”.
Con este procedemento, o Executivo local busca garantir o cobro das cantidades pendentes e facilitar a transición cara á nova adxudicataria.

