O portavoz do Partido Popular en Santiago, Borja Verea, avanzou que o seu grupo trasladará a un dos vindeiros Plenos do Concello unha proposta baseada no Plan de Compensación Municipal elaborado pola Unión de Profesionais e Traballadores Autónomos (UPTA), dirixido a apoiar os pequenos negocios afectados polas obras urbanas na cidade.
A iniciativa foi presentada en Compostela polo presidente de Unión de Profesionais e Traballadores Autónomos España, Eduardo Abad, quen explicou que o obxectivo é establecer un sistema de axudas e rebaixas fiscais para aqueles autónomos que acrediten unha diminución mínima do 20% na súa facturación anual como consecuencia directa da execución de obras no seu contorno.
Durante a presentación, Abad sinalou que “sabemos que os recursos económicos son limitados no ámbito municipal, pero sabemos que os recursos económicos dos autónomos son moito máis limitados e por tanto, o que pedimos é que ante unha situación de prolongación de obras establézase un plan de compensación municipal”.
Segundo detallou, o programa contempla unha bonificación do 50% nas taxas e impostos municipais para os profesionais que xustifiquen esa caída de ingresos nun período determinado. A medida, engadiu, sería compatible con outras liñas de apoio promovidas por diferentes administracións públicas, xa sexan de carácter autonómico, estatal ou municipal.
Abad mostrou a súa confianza en que a proposta poida ser debatida na corporación compostelá e apelou á responsabilidade dos grupos políticos para que “sexan sensibles” á situación que atravesan os traballadores autónomos e os pequenos comercios.
DATOS SOBRE O TECIDO COMERCIAL
No mesmo acto, Borja Verea advertiu da evolución do tecido empresarial da cidade. Segundo indicou, nos últimos meses rexistrouse “a perda de 100 comercios” e, en comparación con hai oito anos, existen “700 empresas menos na cidade”. Ademais, asegurou que no que vai de ano pecharon 41 establecementos comerciais.
O portavoz popular apuntou que o sector téxtil é un dos máis afectados, atribuíndo esta situación á falta de substitución xeracional. Como exemplo recente, mencionou o peche de ‘Seijas’, unha zapatería histórica de Santiago. “É un goteo constante de comerciantes históricos desta cidade que deixan o seu negocio e non atopan substitución. Ten que haber unha estratexia que poña en contacto aos que teñen dereito a descansar cos novos que queren dar un paso adiante”, afirmou.
Verea confirmou a súa intención de elevar formalmente a proposta ao Pleno municipal, aínda que manifestou que, na súa opinión, “moitas das cuestións que o seu partido propón e saen adiante quedan no esquecemento”.

