InicioECONOMÍAO Concello reabre o procedemento para pedir a declaración de Santiago como...

O Concello reabre o procedemento para pedir a declaración de Santiago como zona de mercado residencial tensionado

Vivenda convoca a Mesa Sectorial o 12 de xaneiro e someterá a exposición pública unha nova solicitude adaptada ás esixencias da Xunta

Publicado o

Xornal de Compostela

O Concello de Santiago retomará o procedemento para solicitar á Xunta de Galicia a declaración do municipio como zona de mercado residencial tensionado. Así o anunciou o concelleiro de Vivenda e Urbanismo, Iago Lestegás, quen informou da convocatoria dunha nova xuntanza da Mesa Sectorial de Vivenda para o luns 12 de xaneiro, ás 12:00, na que se avaliará a documentación elaborada para formular de novo a petición ao Goberno autonómico.

Segundo explicou, tras esa reunión abrirase un período de exposición pública de 20 días hábiles da información que sustenta a solicitude. Unha vez rematado ese trámite, o Concello responderá as alegacións que poidan presentarse, introducirá as modificacións que se consideren necesarias e remitirá o expediente ao IGUS, organismo competente para resolver a declaración.

Na súa intervención, Lestegás repasou os antecedentes do proceso iniciado en maio de 2024, cando o Concello solicitou por primeira vez a declaración de zona de mercado residencial tensionado. Tras un requirimento de emenda da Xunta e a posterior desestimación da solicitude, o goberno local optou por preparar unha nova proposta adaptada ás esixencias formuladas pola Administración autonómica, fronte á alternativa de recorrer pola vía contencioso-administrativa.

A nova documentación inclúe, segundo detallou o concelleiro, un informe de caracterización do mercado residencial con datos procedentes de fontes oficiais estatais e autonómicas, así como unha memoria xustificativa baseada exclusivamente en estatísticas oficiais, tal e como reclamara a Xunta. Entre os datos achegados, destacou que o prezo medio do alugueiro en Santiago aumentou un 40,26% entre 2019 e 2024, pasando de 444,4 euros a 623,3 euros, segundo cifras do Observatorio de Vivenda de Galicia dependente do propio IGUS. No mesmo período, o incremento acumulado do IPC en Galicia foi do 20%.

De acordo coa Lei polo Dereito á Vivenda, un ámbito pode ser declarado zona de mercado residencial tensionado cando o incremento do alugueiro nos últimos cinco anos supera en polo menos tres puntos porcentuais a evolución do IPC. Segundo subliñou Lestegás, en Santiago a diferenza supera os vinte puntos, polo que, ao seu xuízo, “non pode haber ningunha dúbida” sobre o cumprimento dos requisitos legais.

O expediente incorpora tamén un novo proxecto de plan con medidas correctoras, no que se concretan actuacións, calendarios e a súa potencial incidencia na redución da presión do mercado residencial. O concelleiro sinalou que a estratexia municipal en materia de vivenda “non mudou” desde a primeira solicitude, aínda que agora se presenta con maior nivel de detalle.

DATOS ADICIONAIS

Durante a súa comparecencia ante os medios, Lestegás avanzou algúns datos adicionais incluídos nesta nova versión, entre eles información sobre o parque residencial, o estado de conservación dos edificios, a evolución das transaccións inmobiliarias e o perfil das persoas propietarias de vivendas en alugueiro. Segundo cifras do IGE, en 2024 había 9.754 persoas propietarias de vivendas en alugueiro en Santiago, das cales 223 eran persoas xurídicas. A partir da comparación con outros rexistros, o Concello estima que o 45% das persoas físicas propietarias non reside en Galicia.

No ámbito da vivenda protexida, Lestegás destacou que o peso das transaccións deste tipo de inmobles caeu de forma acusada tras a crise de 2008 e que unha parte maioritaria das vivendas de promoción pública construídas en Santiago perdeu xa a súa cualificación como protexidas. Tamén indicou que menos do 1,5% dos fogares composteláns viven en vivendas protexidas en réxime de alugueiro, fronte a unha media europea próxima ao 8%, segundo datos do INE.

O concelleiro insistiu en que o Concello culminará agora todos os trámites administrativos esixidos para a nova solicitude e remarcou que, tras a Mesa Sectorial e a exposición pública, o expediente será remitido de novo á Xunta para a súa avaliación.

ÚLTIMAS

CC.OO. e UGT felicítanse porque Compostela terá “a primeira relación de postos de traballo da súa historia”

Policías locais e bombeiros ratificaron o borrador de pacto negociado nas últimas semanas co...

O Concello habilita reforzos de bus para o partido deste domingo do Monbus Obradoiro no Fontes do Sar

O Concello de Santiago de Compostela habilitará servizos especiais de transporte urbano con motivo...

O Concello de Ames impulsa o primeiro proxecto de autoconsumo colectivo a través das comunidades enerxéticas

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Xestión do Medio Natural, avanza...

Santiago fixa a apertura do centro de senfogarismo de Belvís para xuño de 2026

O Concello de Santiago de Compostela vén de aprobar o plan municipal de abordaxe...

Sanmartín amosa optimismo ante a posible ratificación do acordo con policías e bombeiros antes de rematar o ano

A alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, manifestou esta mañá o seu optimismo...

Santiago convoca o sector turístico para explicar a autoliquidación da taxa turística este luns

O Concello de Santiago convocou para este luns, 22 de decembro, unha reunión informativa...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here