O concelleiro de Facenda, Manuel César Vila, compareceu en rolda de prensa para detallar as modificacións técnicas incorporadas á ordenanza xeral de xestión, recadación e inspección e a seis ordenanzas fiscaismunicipais, uns cambios que, segundo indicou, xa entraron en vigor este mércores tras o trámite de aprobación definitiva e exposición pública.
Na súa intervención, o responsable municipal enmarcou a reforma na vontade de homoxeneizar prazos e facilitar xestións á cidadanía, e insistiu en que o Goberno local “non subiu ningún imposto” e que “non houbo ningunha variación no tipo de gravame dos impostos”, situando os axustes no ámbito procedemental e, nalgúns casos, en medidas vinculadas a finalidades urbanísticas ou ambientais.
Entre as ordenanzas citadas polo concelleiro figuran as do IBI, o Imposto sobre vehículos de tracción mecánica, o ICIO (construcións, instalacións e obras), actividades económicas, licenzas e outros servizos urbanísticos, e a taxa pola utilización privativa ou aproveitamento especial do dominio público local a favor de empresas de subministración, á que se referiu como a que afecta, principalmente, ás compañías telefónicas que empregan o subsolo municipal para cableado.
No relativo á ordenanza xeral, Vila explicou que se fixou o 1 de xaneiro como data límite común para solicitar beneficios fiscais nos tributos periódicos (como IBI ou vehículos), co obxectivo de evitar diferenzas entre textos e simplificar a tramitación. Ese mesmo prazo, engadiu, aplícase tamén á solicitude do sistema especial de pagamentos, que permite dividir recibos municipais en varios cargos ao longo do ano.
Para tributos non periódicos, como o ICIO ou determinadas licenzas, sinalou que os beneficios poderán solicitarse en calquera momento anterior a que a Tesouraría Municipal comunique un procedemento de inspección, comprobación tributaria ou verificación de datos.
A rolda incluíu unha explicación sobre os plans personalizados de pagamento para persoas con débedas coa Tesouraría. O concelleiro indicou que, coa modificación, se amplía de un a dous o número de recibos impagados que se permiten antes de perder o fraccionamento e ter que afrontar o importe completo.
Tamén destacou a eliminación da porcentaxe mínima inicial, que segundo expuxo “na maioría dos casos era do 25%”, e que facía máis elevado o primeiro recibo. Co novo sistema, afirmou, os plans pasan a estruturarse en recibos de igual contía. Como exemplo, detallou que para débedas superiores a 150 euros e ata 3.000 euros poderá haber ata 12 recibos idénticos; entre 3.000 e 6.000 euros, ata 18 recibos; e por riba de 6.000 euros, ou en casos cualificados pola concellaría, un prazo máximo de dous anos.
RECARGA NO IBI POR VIVENDAS BALEIRAS
No caso do IBI, o responsable de Facenda diferenciou as medidas de carácter extrafiscal impulsadas desde Urbanismo. Entre elas citou a incorporación dunha recarga para inmobles baleiros, que describiu como un incremento do 50% no caso de vivendas desocupadas por máis de tres anos, con posibilidade de chegar ao 100%, e sumar outro 50% adicional en determinados supostos de propietarios con máis de dúas vivendas, sempre “previa unha declaración” do departamento correspondente.
No capítulo de bonificacións, indicou que se equipara a xa existente para vivenda de protección autonómica (do 50%) ás vivendas de promoción pública, e que se modifica o requisito de potencia para acceder á bonificación por paneis solares, reducindo o limiar de 5 kW por cada 100 m² a 2 kW, co argumento de que isto permitirá que “moitas máis persoas” poidan acceder a ese beneficio.
Ademais, Vila sinalou cambios para simplificar trámites: desaparece a exixencia de certas comunicacións previas e elimínase a obrigación de pedir determinadas bonificacións antes do comezo das obras, permitindo facelo unha vez concedida a licenza. Tamén mencionou unha adaptación na redacción da bonificación por carencia de servizos básicosen áreas rurais —auga, saneamento e alumeado público—, coas porcentaxes referidas do 90% se faltan dous ou tres servizos, do 60% se faltan dous, e do 30% se falta un.
No plano técnico, indicou que o Concello adaptou a clasificación de usos gravados ao 0,55 ás exixencias normativas e a unha sentenza do Tribunal Supremo, mantendo o tipo pero fixando un valor catastral mínimo a partir do cal se aplica ese gravame aos inmobles situados no tramo superior dos valores catastrais.
No imposto de vehículos, o concelleiro explicou unha adaptación á normativa estatal que, segundo dixo, o Concello non tiña incorporada desde 2018. Detallou que as bonificacións pasan a aplicarse aos vehículos con distintivo “0 emisións”(bonificación do 50%) e “eco” (do 25%), durante cinco anos naturais.
Un dos cambios salientados foi que estas bonificacións non será necesario solicitalas, xa que o Concello as concederá “de oficio” a partir dun ficheiro trasladado pola Dirección Xeral de Tráfico. Ao tempo, apuntou que se mantén un período transitorio para as bonificacións anteriores xa recoñecidas, que se conservarán durante cinco anos desde a súa concesión.
ICIO E TAXAS URBANÍSTICAS
Sobre o ICIO, ‘Vila’ explicou que se equiparan as vivendas de protección autonómica e as de protección pública, co detalle de que as de promoción pública terán, segundo a súa exposición, unha bonificación do 45% durante dez anos, mentres que as de protección autonómica contan cun 50% nos tres primeiros anos e un 35% nos dez seguintes.
Tamén anunciou cambios de procedemento, como a ampliación do prazo para presentar a autoliquidación provisional ata a data de adxudicación da obra, e a eliminación do prazo de seis meses para solicitar determinadas bonificacións, así como a desaparición da esixencia de presentar a petición de bonificación ao mesmo tempo que a solicitude de licenza. Ademais, introduciuse a obrigación de que, en promocións públicas, sexa a empresa construtora adxudicataria a que liquide o imposto en 15 días desde a notificación da adxudicación.
No tocante á taxa por licenzas e outros servizos urbanísticos, indicou que se “homoxenizan” prazos en liña cos cambios do IBI e do ICIO.
Na ordenanza de utilización privativa do dominio público por empresas de subministración, o concelleiro explicou a substitución dunha declaración anual previa —antes do 1 de febreiro— por un sistema de declaración de ingresos trimestral: as empresas deberán presentar a información nos 15 días seguintes a cada trimestre e será a Tesouraría Municipal quen emita a liquidación trimestral cos datos declarados e os que poida incorporar por inspección.
PRIMEIRO INGRESO DA TAXA TURÍSTICA
Na parte final, Vila lembrou que os establecementos turísticos deberán ingresar por primeira vez a recarga vinculada ao imposto de estadías turísticas. Indicou que a Tesouraría ten preparado un modelo de autoliquidación na sede electrónica e un censo de establecementos turísticos no termo municipal, elaborado a partir do rexistro da Dirección Xeral de Turismo e completado con datos como a referencia catastral para control da aplicación da recarga. Segundo expuxo, o primeiro ingreso deberá facerse entre o 1 e o 20 de xaneiro polo cobrado de outubro a decembro de 2025, ao tratarse de declaracións semestrais.
NEGOCIACIÓN CON BOMBEIROS E POLICÍAS
Na quenda de preguntas, o concelleiro foi interpelado polas negociacións con bombeiros e policía. Afirmou que o Goberno mantén “a nosa vontade de chegar un acordo” e que as negociacións continúan abertas.
Preguntado tamén polo bloqueo do pagamento de facturas en plenos recentes, cualificou a situación como “inconcebible” e subliñou que “as facturas do Concello hai que pagalas”, citando o informe da Intervención que, segundo dixo, advirte da obriga de pagamento para evitar un “enriquecimiento ilícito” por parte do Concello.
Ademais, avanzou que no pleno do día 18 irá un expediente para pagar gratificacións de bombeiros e policías e outras pendentes, co obxectivo, segundo afirmou, de “poñerse ao día” no pagamento de horas extra: “a partir de agora as horas extras xa non se van deber”, dixo, ligando esta medida á intención de contribuír a “desatascar o conflito” cos dous servizos. Tamén asegurou que o grupo de traballo sindical se reúne “habitualmente” e que as conversas permanecen “de continuo abertas”.
Ao peche, e tras outra pregunta sobre a taxa de lixo, Vila defendeu que existe unha obriga legal de aprobar unha ordenanza e que, ademais, debe ser equilibrada para cubrir o custo do servizo, ao considerar “deficitaria” a situación actual, antes de dar por rematada a comparecencia.

