InicioECONOMÍAVerea acusa ao goberno local de "mercantilizar solo público" e propón vivenda...

Verea acusa ao goberno local de “mercantilizar solo público” e propón vivenda 100% pública en Santiago

O portavoz do PP reclama frear a venda de parcelas municipais e construir vivenda social desde o Concello ou a Xunta

Publicado o

Xornal de Compostela

O portavoz do Partido Popular en Santiago, Borja Verea, reclamou este luns a paralización inmediata da venda de catro parcelas municipais a promotores privados para a construción de vivenda protexida. Segundo o líder da oposición, o actual goberno do BNG e Compostela Aberta está a “mercantilizar” o solo público ao optar por un modelo que, ao seu xuízo, encarece o prezo das vivendas, retrasa os prazos de entrega e privatiza patrimonio municipal valorado en seis millóns de euros.

Nunha rolda de prensa celebrada esta mañá, Verea sostivo que o acceso á vivenda “é o principal problema da cidade” e acusou ao goberno local de agravar a situación coa súa política urbanística. Criticou especialmente o sistema de adxudicación das parcelas, no que “o 85% da puntuación se outorga a quen paga máis”, o que interpreta como unha mostra de que o único obxectivo é recadar. Ademais, denunciou que non se prevé a cesión en dereito de superficie, “polo que as vivendas non volverán nunca ao patrimonio público”, e advertiu que non se esixe ningún prazo de construción, o que podería abrir a porta á especulación.

Segundo os cálculos presentados polo PP, co modelo actual, unha vivenda de 82 metros cadrados custaría “no mellor dos casos” arredor de 180.000 euros, mentres que cun modelo 100% público deseñado polo seu partido o prezo reduciríase a 100.000 euros, con mellores calidades e dispoñibilidade máis inmediata.

O portavoz popular cualificou de “obscena” esta operación e criticou que se anuncie como unha resposta á crise de vivenda, mentres os datos “son incuestionables”: o alugueiro medio en Santiago pasou de 390 euros en 2014 a 623 en 2024, un incremento do 60% nunha década, etapa que, segundo Verea, estivo marcada pola xestión do BNG, Compostela Aberta e o PSdeG.

Como alternativa, o PP compostelán propón unha nova política de vivenda baseada na promoción pública directa. Entre as medidas incluídas estarían a creación dun banco público de vivendas en alugueiro, a modificación do Plan Xeral de Ordenación Municipal para facilitar novas promocións, e a reutilización de vivendas valeiras co respaldo da administración. Tamén apostan por permitir vivendas en baixos nos barrios de Conxo e Santa Marta e por unha regulación zonificada das vivendas de uso turístico, sen aplicar “prohibicións totais”.

No plano competencial, Verea ofrece dúas vías: que sexa o propio Concello quen promova vivendas públicas ou que traslade o solo á Xunta de Galicia, que segundo el “xa está construíndo vivenda 100% pública noutras cidades”, con opcións como o dereito de superficie, que permitiría que as vivendas revertesen ao patrimonio público ao cabo de 50 anos.

En relación coa taxa turística, o PP mantén a súa postura crítica e condiciona o seu apoio a tres requisitos: acordo co sector, definición detallada do destino dos fondos e informe técnico favorable. “Non rexeitamos a taxa, rexeitamos as chapuzas”, afirmou Verea, que asegurou que o goberno local pretende impoñer a medida “sen diálogo, sen planificación e con advertencias negativas dos propios técnicos municipais”.

Finalmente, e ao ser preguntado pola programación das Festas do Apóstolo, evitou valorar o programa actual pero defendeu que, no caso de gobernar, o PP reforzaría a presenza de artistas galegos e santiagueses, sen renunciar a “equilibrar” a oferta con actuacións nacionais e internacionais que proxecten a cidade.

Verea concluíu reiterando que, fronte ao modelo actual, o PP aposta por vivenda pública, prezo accesible e calidade, advertindo que a venda das catro parcelas é un “ataque ao interese xeral” e que, de gobernar, non converterían o solo público nun “recurso de financiamento” do Concello.

ÚLTIMAS

Atropelada unha menor na rúa do Hórreo en Santiago de Compostela

Unha menor resultou ferida na mañá deste martes ao ser atropelada na rúa do...

Santiago clausura os parques pola alerta amarela

O Concello de Santiago anunciou esta mañá o peche temporal dos parques municipais debido...

O Compos amplía a vantaxe na cabeza tras vencer pola mínima ao Arosa

A SD Compostela continúa firme no alto da clasificación tras superar este domingo ao...

Verea pide ao goberno de Santiago que aclare a súa postura sobre o turismo ante a caída de visitantes

O presidente do PP de Santiago, Borja Verea, urxiu ao executivo de BNG e...

A Feira Talentia supera as 25.000 visitas web e esgota a formación online a dous días da súa apertura

A Feira Talentia, organizada polo Concello de Santiago, encara a súa celebración entre o...

Ence leva o conflito laboral a Santiago cunha nova xornada de folga e mobilizacións o martes

Os traballadores e traballadoras de Ence en Lourizán volveron sacar o conflito laboral fóra...

Os Bonos Corazón mobilizan preto de dous millóns de euros no comercio local de Santiago en 2025

O programa municipal Bonos Corazón pechou o ano cun balance que, segundo destacou a concelleira...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here