InicioSANTIAGOSanmartín acusa ao PP de "irresponsabilidade" polo seu 'non' ao pago de...

Sanmartín acusa ao PP de “irresponsabilidade” polo seu ‘non’ ao pago de 3 millóns de facturas pendentes en Santiago

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, reiterou a "tremenda irresponsabilidade" dos populares por votar en contra "do pago de facturas de servizos realizados", unha decisión que, segundo denunciou, "abre un precedente moi preocupante de poder votar en contra dun expediente deste tipo"

Publicado o

Xornal de Compostela

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, criticou a “tremenda irresponsabilidade” do Partido Popular polo seu ‘non’ ao pago de 3 millóns de facturas pendentes en Compostela, así como a abstención dos concelleiros non adscritos. Neste contexto, a rexedora insistiu en que as facturas “hai que pagalas” e asegurou que “nin as empresas, nin os traballadores, nin as familias destes” entenden esta decisión.

Cabe lembrar que este xoves a corporación municipal de Santiago de Compostela desestimou a aprobación do pago de dúas facturas pendentes de autobús, coa abstención dos concelleiros non adscritos –expulsados do PSOE– e a negativa do Partido Popular. En total, o valor das débedas non aprobadas ascende a case 3.000.000 euros.

En concreto, uns 402.093 euros aínda en débeda con Autocares Rías Baixas, súmanse outros 2.537.725, que o Concello debe a TRALUSA, de quen depende a maioría das liñas de autobús urbano da capital. Esta é a segunda factura que o pleno bloqueou.

Así, a nacionalista reiterou a “tremenda irresponsabilidade” dos populares por votar en contra “do pago de facturas de servizos realizados”, unha decisión que, segundo denunciou, “abre un precedente moi preocupante de poder votar en contra dun expediente deste tipo”.

“Aínda que a posición sexa diferente, tamén teñen que explicar o por que do seu voto as concelleiras e concelleiros non adscritos. Non se entende que, unha vez houbo ese diálogo solicitado, que tiveron toda a información e cun expediente similar a outros que o propio Gonzalo Muíños levou a pleno noutras ocasións, non se vote a favor”, reflexionou.

“AMÓLAOS O AVANCE DA CIDADE”

A preguntas dos medios este venres en Santiago, a alcaldesa fixo fincapé en que os concelleiros non adscritos “sabían perfectamente” que a súa abstención “podía ter consecuencias”, polo que achacou a súa decisión á súa “situación interna”.

Aínda que sinalou que non saben se o levarán ao próximo pleno, Sanmartín chamou a “acabar con esta irresponsabilidade” e cun sistema do Partido Popular no que “o importante é que todo vaia mal e que a cidade non avance.

“Como lles amola tanto o avance da cidade e que haxa noticias positivas, parece que o que queren é tentar ver como pór paus na roda. Fixemos aquilo que entendemos que era o único posible para poder manter o servizo, as frecuencias e as liñas nun momento no que todo o mundo coñecía o estado dos autobuses”, subliñou.

Ademais, lembrou que a iniciativa xa levou no seu momento ao Pleno e agora volveuse a levar, polo que insistiu en que “todo o mundo tiña esa información, non é un xogo dun mes e outro mes”.

Con todo, insistiu en que “había unha decisión que tomar, unha decisión que non é simple, que non é fácil, e que, por suposto, non é a solución ideal. Porque o contrato é precario”. Doutra banda, sinalou que “o que terán que facer as empresas é solicitar a través doutras vías que se faga ese pago, é o recurso que queda, infelizmente”.

Sobre a advertencia do popular Borja Berea de remitir a documentación correspondente aos órganos de anticorrupción e responsabilidade contable, a alcaldesa compostelá sinalou que é “difícil de dixerir” que un partido “condenado por corrupción veña a falar de corrupción”.

Por todo iso, fixo un chamamento á “responsabilidade política” e a utilizar o pleno “para outro tipo de cuestións” que non sexan “a resolución de situacións internas ou ao desgaste do goberno” xa que, segundo destacou, “o que hai que facer é pór por diante cales son os intereses da poboación de Santiago”.

ÚLTIMAS

A CIG denuncia o “bloqueo” da mobilidade interna no CHUS tras catro anos sen resolucións

A CIG denunciou a través dun comunicado o "bloqueo" sistemático da mobilidade interna no...

Sanmartín sobre as críticas de inseguridade en locales de ocio: “Non podemos actuar arbitrariamente de abrilos ou pechalos”

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, achacou a baixada dos ingresos por habitación dispoñible...

Santiago promove uns orzamentos participativos con case 300 propostas

Unha pantalla para ver os partidos da selección española de fútbol no Mundial, cinema...

Ryoichi Kurokawa volve a Curtocircuíto cun programa de concertos audiovisuais que conecta son, imaxe e tecnoloxía

Curtocircuíto reforzará nesta edición a súa liña dedicada á creación audiovisual en directo cunha...

O Concello destina 3 millóns á compra de edificios baleiros na cidade histórica para crear vivenda pública en alugueiro

O Concello de Santiago destinará 3 millóns de euros á adquisición de edificios baleiros...

Goretti Sanmartín e Pedro Blanco apelan á colaboración co empresariado galego na asemblea da CEG

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e o delegado do Goberno en Galicia, Pedro...

O comercio local de Santiago celebra o ‘Prima 2026’ con actividades familiares, música e unha ruleta de agasallos

O Concello de Santiago celebrará do xoves 11 ao sábado 13 de xuño unha...