InicioECONOMÍASantiago aproba a taxa turística coa abstención do grupo popular

Santiago aproba a taxa turística coa abstención do grupo popular

A cidade será a primeira de Galicia en aplicar o imposto por pernoctacións, malia as críticas da oposición pola falta de diálogo co sector e as dúbidas sobre a súa xestión

Publicado o

Por David M. Sobrino Platas

O pleno extraordinario do Concello de Santiago, celebrado este venres, deu luz verde á implantación da taxa turística, convertendo a capital galega na primeira cidade de Galicia en aprobar este imposto dirixido ás persoas que se aloxen en establecementos turísticos. A proposta saíu adiante con votos favorables do BNG, Compostela Aberta, o PSdeG e os catro edís non adscritos, mentres que o PP expresou reservas sobre a tramitación, o diálogo co sector e a capacidade técnica do Concello para a súa aplicación.

A sesión tamén serviu para facer efectivo o pase ao grupo de non adscritos de Mercedes Rosón, Gonzalo Muíños, Mila Castro e Marta Álvarez, ata agora pertencentes ao PSdeG. Mercedes Rosón, en nome dos catro concelleiros agora non adscritos, destacou que a medida permitirá distribuír os custos que o turismo xera na cidade: “Aprobar esta taxa é poñer orde na contribución de quen nos visita e aliviar parte da carga que até agora asumía exclusivamente a veciñanza”.

Desde Compostela Aberta, María Rozas salientou o “amplo consenso” que sustenta a iniciativa e defendeu a súa necesidade ante o “impacto dun modelo turístico insostible”, aludindo a problemas de acceso á vivenda e convivencia cidadá. Pola súa banda, o concelleiro socialista Gumersindo Guinarte apoiou a creación da taxa, pero advertiu de que “faltou diálogo directo co sector” e cuestionou a falta de medios e planificación: “A día de hoxe, a xestión deste imposto é unha quimera, segundo os propios informes técnicos do Concello”.

A postura máis crítica chegou do Partido Popular, cuxo portavoz Borja Verea cualificou a aprobación como “precipitada e pouco transparente” e preguntou directamente á alcaldesa se coñecía o informe de Tesourería que advertía sobre a falta de recursos humanos e técnicos para asumir a recadación da taxa. “Queremos saber en que se van investir os fondos, se houbo negociación real co sector e se o Concello está preparado para aplicala”, dixo.

Para pechar o debate, a alcaldesa Goretti Sanmartín defendeu a medida como un “paso necesario para avanzar nun modelo turístico máis sostible e consciente”. Subliñou que os fondos recadados se destinarán, segundo recolle a lei, a programas de protección do patrimonio, promoción turística sostible e mellora dos servizos. Tamén asegurou que “houbo múltiples encontros co sector” e que se traballa en ferramentas tecnolóxicas para facilitar as autoliquidacións.

A aprobación inicial da taxa abre agora un período de exposición pública antes da súa entrada en vigor, que segundo estimacións municipais podería producirse a finais de ano. A previsión de recadación anual sitúase entre 1 e 2 millóns de euros, que pasarán a engrosar os ingresos do Concello en 2025.

ÚLTIMAS

As obras na área de oncohematoloxía do Clínico de Santiago alcanzan o 80 %

A Xunta, a través do Servizo Galego de Saúde, avanza nas obras de mellora...

Os hoteleiros de Santiago recorren a taxa turística que entrará en vigor o 1 de outubro

A Unión Hoteleira de Compostela (UHC) presentou un recurso contencioso contra a entrada en...

Lestegás destaca en Compostela o papel do estudantado internacional na defensa da diversidade

O International Students Welcome Day da Universidade de Santiago de Compostela celebrouse esta semana...

Sanmartín reclama un alto ao fogo en Gaza e chama á mobilización social

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, participou este venres no minuto de silencio convocado...

Ryanair aplicará un ERE a cen empregados de asistencia en Santiago que piden axuda a Sánchez e Rueda

Ryanair presentou un Expediente de Regulación de Emprego (ERE) extintivo para un centenar de...

O Concello de Santiago propón cambios no IBI e aproba unha nova ordenanza do lixo

O concelleiro de Economía e Facenda, Persoal, Contratación e Modernización da Administración Local, Manuel...

Autónomos constatan a “desaparición” de 100 comercios en Compostela no último ano e urxen ao Concello “medidas”

O presidente da Unión de Profesionais e Traballadores Autónomos (UPTA), Eduardo Abad, afirmou este xoves que...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here