InicioDEPORTESCompostela reabre Santa Isabel tras unha reforma integral de 2,6 millóns de...

Compostela reabre Santa Isabel tras unha reforma integral de 2,6 millóns de euros

A alcaldesa, Goretti Sanmartín, visitou o pavillón xunto ao delegado do Goberno, Pedro Blanco, e destacou as melloras en eficiencia enerxética, accesibilidade e conservación dun espazo utilizado por clubs e entidades deportivas da cidade

Publicado o

Xornal de Compostela

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín Rei, encabezou este martes pola tarde a visita institucional ao pavillón de Santa Isabel tras a finalización das obras de rehabilitación integral dunha instalación que o Concello considera un dos principais equipamentos deportivos da cidade. No percorrido participaron tamén o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco; a concelleira de Deportes, Pilar Lueiro; representantes da Corporación Municipal e o arquitecto responsable da dirección da obra.

Ao acto foron convidadas tamén as entidades usuarias deste espazo deportivo, entre elas a Agrupación Deportiva Codima, Alto do Vento, Aspas, CD Composala, Club Deportivo de Natación Ciudad de Santiago, Club Deportivo Ximnasia Rítmica Viravolta, Club Triatlón Compostela e Club Waterpolo Santiago.

A intervención no complexo de Santa Isabel foi cofinanciada a través dos fondos Pirep, incluídos no Plan de Recuperación do Goberno central, e contou cun orzamento de 2,6 millóns de euros. A actuación afectou tanto ao pavillón como á piscina e supón a primeira renovación integral deste complexo deportivo construído nos anos 80, formado por piscina, centro deportivo e polideportivo.

Durante a visita, Sanmartín defendeu a necesidade de combinar a creación de novos equipamentos coa conservación das instalacións xa existentes. A rexedora enmarcou esta obra na estratexia municipal de recuperación de espazos deportivos e subliñou que o Concello traballa nun contexto de aumento da práctica deportiva e da demanda de instalacións.

“Estamos conseguindo rehabilitar, recuperar e mellorar as infraestruturas deportivas nun concello no que o deporte medra cada vez máis e no que cada vez hai máis xente que demanda e precisa máis infraestruturas”, afirmou a alcaldesa.

A reforma incluíu melloras de eficiencia enerxética, a substitución da cuberta e da envolvente para reforzar o illamento térmico, a adaptación de vestiarios e aseos, actuacións en materia de accesibilidade para persoas con mobilidade reducida e a incorporación de lucernarios que permiten a entrada de luz natural. No caso da piscina, renováronse a cuberta, a maquinaria, os azulexos, as carpinterías e outros elementos vinculados ao funcionamento da instalación.

Entre as actuacións executadas destaca tamén a creación dun novo vestíbulo, coa apertura do edificio cara á cidade, así como a instalación dun elevador de acceso ás bancadas. Ademais, realizáronse traballos de conservación dos elementos de madeira da piscina, o pintado de elementos metálicos da cuberta, a renovación da impermeabilización e o revestimento interior do vaso da piscina.

A mellora enerxética da piscina inclúe a instalación de paneis solares, a renovación da maquinaria interna, a substitución de fiestras e a actualización doutros elementos do recinto. A actuación reserva tamén un espazo para unha futura cafetería na planta superior, cunhas grandes fiestras na fachada que amplían a relación visual do pavillón coa cidade e ofrecen vistas panorámicas.

Sanmartín vinculou a reforma de Santa Isabel con outras actuacións municipais en marcha ou xa executadas, como a renovación do pavillón de Vite ou a reforma integral das envolventes do estadio Verónica Boquete, que foi licitada recentemente polo Concello. A alcaldesa apelou á colaboración entre administracións para dotar Santiago de máis equipamentos deportivos e agradeceu o apoio económico do Estado nesta obra.

Nesa mesma liña, lembrou o proxecto do goberno local para crear un novo espazo deportivo na zona norte da cidade, en Salgueiriños, a través do programa Horizonte Compostela, presentado polo Concello aos fondos Edil.

A rexedora tamén fixo referencia á celebración en Santiago, no mes de xullo, da XVI edición dos Xogos do Eixo Atlántico de 2026, un evento deportivo que reunirá na capital galega participantes do espazo galego-portugués e no que o pavillón de Santa Isabel terá tamén actividade. Sanmartín destacou que esta edición será, por primeira vez, igualitaria, con paridade total en todas as modalidades deportivas.

A rehabilitación beneficia xa ás persoas usuarias habituais do complexo, que acolle adestramentos e actividades de fútbol sala, baloncesto, ximnasia rítmica, natación, waterpolo e tríatlon. Tamén fan uso das instalacións colectivos de persoas con diversidade funcional, como Aspas, ademais do CEIP dos Remedios. Segundo a información municipal, arredor de once clubs e entidades teñen entrada regular no pavillón de Santa Isabel.

ÚLTIMAS

‘A Santa’ de Asorey regresará a Galicia cen anos despois da súa creación

A Xunta de Galicia trasladará desde Uruguai a escultura 'A Santa', unha das obras...

Santiago entrega a Alba de Compostela nun acto dedicado a “todas” as vítimas do franquismo

O Concello de Santiago entregou este 25 de xullo, por cuarto ano consecutivo, as...

A USC reconstrúe dixitalmente a ‘Raíña Orante’ do mestre Mateo

Un proxecto da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e do Centro de Investigación...

Santiago vive un multitudinario Día de Galicia entre tradición, política e festa

Como cada 25 de xullo, Santiago de Compostela celebrou o Día Nacional de Galicia...

O PSdeG pide unha homenaxe institucional para Borja Iglesias tras proclamarse campión do mundo

O Grupo Municipal Socialista proporá que o Concello de Santiago organice unha homenaxe institucional...

A SD Compostela renova a continuidade de Pablo Crespo e Adrián Armental para competir en Segunda Federación

A SD Compostela continúa a configurar o cadro de xogadores co que afrontará o...

Santiago acollerá en xullo os XVI Xogos do Eixo Atlántico con case 2.300 deportistas

A cidade de Santiago de Compostela será a sede dos XVI Xogos do Eixo...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here