A escola de baile e acrobacia E-motion, con sede en Bertamiráns, estreouse este domingo nun campionato interautonómico de FitKid celebrado no Pavillón da Marazuela, en Las Rozas (Madrid), cun balance de resultados que a situou no podio en todas as categorías nas que participou. A cita reuniu clubs procedentes de Madrid, Aragón e Castela e León, sendo o conxunto amesán o único representante galego nesta disciplina artístico-deportiva.
Na competición individual, Noa Lema acadou o segundo posto en FitKid Promo Baby, mentres que Irati Pérez conseguiu a primeira posición en FitKid Baby. Pola súa banda, Águeda Abaña foi segunda en FitKid Promo Kid 1 e Maré Carballedo proclamouse primeira clasificada na mesma categoría.
No apartado por equipos, o Equipo Baby obtivo o primeiro posto na modalidade FitKid; o Equipo Kid foi primeiro en FitKid Promoción; e o Equipo Júnior tamén acadou a primeira posición en FitKid Promoción.
Ademais dos resultados deportivos, a expedición galega viviu un momento destacado coa entrega dunha placa de recoñecemento ao director da escola, Edu López, por parte da organización de Fit Kid España. A distinción recoñece a E-motion como a primeira escola oficial desta disciplina en Galicia.
O director e coreógrafo valorou así a experiencia: “Conseguir estes resultados na nosa primeira competición foi unha sorpresa emocionante e un auténtico impulso de motivación de cara á nosa participación no Campionato de España”.
López tamén subliñou o impacto da experiencia no plano interno do grupo: “A nivel persoal, esta experiencia foi moi positiva para crear aínda máis equipo e máis unión. Iso sempre se acaba reflectindo no traballo que se presenta sobre a pista”.
O responsable destacou igualmente o papel das familias durante a fin de semana, tanto na preparación previa como no desenvolvemento da competición: “A participación das familias en toda a preparación —maquillaxes, peiteados, organización— foi moi importante, igual que o apoio constante desde as bancadas”.
A próxima cita para a escola de Ames será o Campionato de España, que se celebrará do 30 de abril ao 03 de maio en Blanes (Girona). O conxunto galego acudirá a esta competición tras o seu primeiro contacto oficial a nivel interautonómico, nun contexto no que o FitKid continúa a consolidar a súa presenza en Galicia.

