InicioDEPORTESSantiago acolle este sábado o circuíto 3×3 CaixaBank con máis de 300...

Santiago acolle este sábado o circuíto 3×3 CaixaBank con máis de 300 participantes

A Praza do Obradoiro converterase no epicentro do baloncesto galego cun evento inclusivo, solidario e aberto a toda a cidadanía

Publicado o

Xornal de Compostela

A Praza do Obradoiro será este sábado 24 de maio o escenario principal do novo Circuito 3×3 CaixaBank, un evento que reunirá en Compostela máis de 300 xogadores e xogadoras pertencentes a máis de 50 equipos chegados de distintos puntos de Galicia. A cita, de carácter gratuíto, ao aire libre e aberta a todas as idades, forma parte dunha iniciativa estatal que busca democratizar o acceso ao baloncesto promovendo a práctica deportiva en espazos simbólicos de cada cidade.

A edición compostelá deste circuíto chega baixo o lema ‘Cancha para todxs’, un enfoque que aposta pola inclusión e igualdade, tal e como destacou a concelleira de Deportes, Pilar Lueiro, quen quixo subliñar que se trata dunha proposta que “impulsa a práctica deportiva sen importar a idade, xénero ou condición física”.

O programa contempla actividades específicas para persoas maiores, como sesións de adestramento adaptadas que buscan fomentar o envellecemento activo, así como xogos e dinámicas pensadas para familias, mocidade e visitantes. “A nosa intención é que toda a cidadanía se sinta chamada a participar dunha verdadeira festa do baloncesto e do deporte base”, indicou a concelleira.

Un dos elementos centrais da xornada será a iniciativa #TRIPLASOLIDARIA, na que as persoas participantes e o público poderán lanzar triplas que contarán para acadar o obxectivo de 1.000 triplas por cidade. Por cada tripla anotada, a Fundación “la Caixa” contribuirá con axuda económica a entidades sociais do territorio. No caso de Santiago, os fondos irán destinados á Fundación Andrea, que traballa coas familias de menores con enfermidades de longa duración.

Pilar Lueiro aproveitou tamén para destacar que este tipo de eventos consolidan a imaxe de Santiago como cidade comprometida co deporte: “Iniciativas como esta sitúan ao noso concello como capital do deporte galego”. Por iso, fixo un chamamento á veciñanza a achegarse ao Obradoiro para participar e gozar dun día de deporte, xogo e solidariedade.

Desde a Federación Galega de Baloncesto e Caixabank, organizadores principais do evento, subliñouse a relevancia de poder celebrar un torneo destas características nun enclave histórico como o Obradoiro. Ademais de destacar o ambiente deportivo e festivo, sinalaron que a presenza de embaixadores do circuíto, como o xogador Javier Beirán, contribuirá a crear un clima de celebración e transmisión de valores como a esforzo, empatía e traballo en equipo.

O novo Circuito 3×3 CaixaBank arranca esta tempada cun novo nome e imaxe, incorporando un logo renovado e mantendo a súa vocación de ser un evento inclusivo e participativo. O circuíto pasará por dez sedes en toda España, sendo Santiago unha das primeiras paradas deste calendario que mestura competición, festa e compromiso social. A inscrición para participar aínda permanece aberta ata mañá, polo que se agarda un último impulso nas solicitudes nas vindeiras horas.

A cidade prepárase así para vivir unha intensa e diversa xornada de baloncesto que aspira a transformar un espazo simbólico nunha cancha aberta a toda a cidadanía, reafirmando o papel do deporte como ferramenta de encontro, inclusión e solidariedade.

ÚLTIMAS

A Policía investiga un novo roubo na tenda de Apple da avenida de Barcelona

A Policía Nacional de Santiago de Compostela abriu unha investigación para esclarecer un roubo...

CompostELA chega a Santiago con 70 peregrinos para dar visibilidade á ELA

Un grupo de 70 integrantes de CompostELA chegou este xoves a Santiago de Compostela...

Rozas defende que Santiago xestione directamente os fondos estatais de vivenda

A tenenta de alcaldesa de Santiago, María Rozas, defendeu que o Concello poida xestionar...

O Compostela Street regresa ao Campus Sur con tres días de deporte, arte urbana e concertos

O Compostela Street celebrará a súa segunda edición os días 18, 19 e 20...

O Compostela cae ante o Marino de Luanco no seu debut ligueiro no Vero Boquete

A SD Compostela estreouse na competición ligueira cunha derrota por 0-3 fronte ao Marino...

Roque González regresa ao Compostela para reforzar a defensa en Segunda Federación

A SD Compostela recupera a Roque González Delgado para a temporada 2026-2027. O futbolista...

A USC abre este martes a matrícula da súa oferta deportiva para o novo curso

A Universidade de Santiago de Compostela abrirá este martes, 1 de setembro, o prazo de...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here