InicioCULTURACompostela reunirá alumnado de fotografía e audiovisual de toda Galicia na terceira...

Compostela reunirá alumnado de fotografía e audiovisual de toda Galicia na terceira edición de ‘Enfócate’

Os fotoxornalistas Brais Lorenzo e Santi Palacios impartirán clases maxistrais no encontro que se celebrará o 2 de decembro na Cidade da Cultura

Publicado o

Xornal de Compostela

A Cidade da Cultura de Santiago de Compostela acollerá o vindeiro mércores, 2 de decembro, o III Encontro de Ensinanzas do Sector da Imaxe de Galicia, ‘Enfócate 2026’. A iniciativa congregará estudantes e docentes de ensinanzas artísticas e de Formación Profesional de diferentes centros educativos galegos para coñecer de primeira man o traballo de profesionais da fotografía, do fotoxornalismo e da industria audiovisual.

O programa combinará clases maxistrais con sesións de carácter práctico nas que participarán especialistas de diferentes ámbitos da imaxe e representantes de fabricantes e distribuidores de equipamento fotográfico e audiovisual. Na súa anterior edición, o encontro contou coa asistencia de preto de 700 estudantes de toda Galicia.

Entre os protagonistas desta terceira convocatoria estarán os fotoxornalistas Santi Palacios e Brais Lorenzo, ambos galardoados co World Press Photo e co Premio Ortega y Gasset, que compartirán co alumnado as súas experiencias profesionais.

Palacios, fotoxornalista e sociólogo, abordará a cobertura informativa das migracións, os conflitos e a relación entre as sociedades humanas e o medio na súa intervención, titulada ‘Xornalismo visual: migracións, conflitos e ecoloxía humana’. As súas fotografías foron publicadas en medios de comunicación de distintos países e, entre outros recoñecementos, recibiu o Pictures of the Year (POY). En 2016 integrou o equipo de Associated Press que foi nomeado a un premio Pulitzer.

Pola súa banda, o fotógrafo ourensán Brais Lorenzo ofrecerá unha retrospectiva da súa carreira baixo o título ‘Contar desde preto. Das primeiras fotos aos proxectos de hoxe’. A súa produción fotográfica, centrada especialmente en cuestións sociais e ambientais, valeulle tamén distincións nos Sony World Photography Awards e no Premio Luis Ksado.

FORMACIÓN PRÁCTICA E NOVAS TECNOLOXÍAS

O encontro permitirá ao alumnado familiarizarse cos equipamentos e ferramentas que se empregan actualmente no sector. Para iso, a organización contará coa participación de profesionais vinculados a marcas como Canon, Fujifilm ou Sony, así como a empresas especializadas na distribución de material fotográfico e audiovisual.

Nas diferentes sesións intervirán Yolanda e Inma Purriños e Fernando Marmolejo (Canon), Joan Vendrell (Fujifilm), Danny Vela (Fotima Import), Lluis Carro (Dugopa), Aniol Hernández (Sony), Helena Clancy (Digitaccess), Jaime García (Reflecta) e Paco Rocha (Innovafoto).

A programación contará con varias actividades simultáneas, de maneira que cada estudante poderá escoller as clases ás que asistir en función da súa especialidade, dos seus intereses ou do ámbito profesional no que queira traballar.

A actividade no Gaiás comezará ás 10:00 coa apertura institucional. Ás 10:20 terá lugar a intervención de Santi Palacios, á que seguirán os diferentes bloques de formación. Brais Lorenzo impartirá a última clase maxistral ás 17:00, antes do peche da xornada, previsto para as 18:30.

UNHA INICIATIVA CON ORIXE EN COMPOSTELA

O encontro ten a súa orixe en ‘FotoEscola’, un proxecto impulsado por Juan Adrio, actual director da Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo de Santiago, e Pablo González, de González Almacén Fotográfico de Lugo.

A acollida da proposta entre o alumnado propiciou a súa ampliación e, un ano despois, a iniciativa pasou a denominarse ‘Enfócate’.

O proxecto reúne entidades públicas e privadas coa finalidade de complementar a formación que reciben os estudantes nos centros educativos, facilitar o contacto con profesionais en activo e dar a coñecer as diferentes posibilidades laborais que ofrece a industria da imaxe.

ÚLTIMAS

O BNG comparte un café coa militancia en Santiago durante a xornada de reflexión

A Casa do Taberneiro en Compostela foi o lugar escollido polo BNG para reunir...

Sindo Guinarte agarda unha participación histórica nas eleccións tras compartir un almorzo coa militancia socialista de Santiago

A agrupación socialista de Santiago de Compostela iniciou este sábado a xornada de reflexión...

A USC investigará a compatibilidade de novos biomateriais co sangue para o seu uso sanitario

A Universidade de Santiago de Compostela (USC) desenvolverá unha investigación destinada a determinar como...

Santiago esixe a Tralusa restablecer o servizo de autobuses tras detectar seis vehículos retirados pola nova rotulación

O Concello de Santiago iniciou actuacións administrativas contra a actual concesionaria do transporte urbano,...

O Facom Fest premia ‘Uxía’, ‘¡Hasta enterrarlos!’ e ‘Vincent’ na súa quinta edición

O Facom Fest deu por concluída a súa quinta edición coa entrega dos premios...

Diego Lara instala unha escultura flotante na lagoa do Xardín Literario do Gaiás

A lagoa do Xardín Literario da Cidade da Cultura de Galicia incorpora unha nova...

A Gala aRi[t]mar reúne en Santiago a Uxía, Mar, Andrea Nunes Brións, Ana Gago e Xico de Carinho

O Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela, acolleu a undécima edición da Gala...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here