O Facom Fest deu por concluída a súa quinta edición coa entrega dos premios ás mellores producións audiovisuais presentadas a concurso. O Auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela acolleu a gala de clausura do certame, conducida por Xabi López e Naira González, que contou tamén coas actuacións do grupo de danza AVD 173 e da Facom Band.
O festival, impulsado polo estudantado do grao en Comunicación Audiovisual da USC, ampliou este ano o seu ámbito de competición coa incorporación dunha sección dedicada ás curtametraxes españolas e a recuperación da categoría de videoclips. As producións Uxía, ¡Hasta enterrarlos! e Vincent obtiveron os principais recoñecementos dunha edición na que estiveron representados diferentes centros de formación audiovisual.
Daniela Rey Faraldo e Inés Donoso conseguiron o premio da sección galega con Uxía (2025), unha curtametraxe desenvolvida na Escola Superior de Cinema e Audiovisuais de Cataluña (ESCAC) que aborda os efectos da pílula anticonceptiva a través dunha historia que combina o drama co realismo máxico.
A produción segue os pasos de Xana, unha moza que regresa ao seu fogar e experimenta unha desconexión emocional fronte á alegría das persoas que a rodean. O encontro nocturno cunha vaca no xardín da súa casa convértese no punto de partida dun proceso de reflexión sobre as consecuencias que o tratamento anticonceptivo está a ter na súa vida.
Nesta categoría, o xurado decidiu conceder outros tres recoñecementos atendendo ás particularidades das propostas presentadas. Patacas (2025), de Luis Rivero, recibiu a mención á mellor proposta de animación; O Muíño non é Muíño (2026), de Alberto Abal e Sabela Nóvoa, obtivo a distinción na modalidade documental; e Supercerdos (2026), de Josep Cabo, foi recoñecida como mellor proposta experimental.
A primeira edición da sección española do Facom Fest tivo como vencedora ¡Hasta enterrarlos! (2026), unha comedia coral dirixida por Marco Araujo Dolado e realizada na Escola de Cinematografía e do Audiovisual da Comunidade de Madrid (ECAM).
A especulación inmobiliaria e os desafiuzamentos constitúen o eixo argumental dunha historia na que un grupo de residentes perde as vivendas nas que pasou boa parte da súa vida. Baixo o liderado de Lázaro, o integrante de maior idade da comunidade veciñal, os protagonistas organizan un plan para vingarse do responsable da súa expulsión e denunciar publicamente a situación que atravesan.
O palmarés desta sección completouse coa mención especial á dirección artística para Tina (2025), de Eliana Fernández, e o recoñecemento á narrativa de xénero para Los murciélagos han abandonado el campanario (2026), de Alfonso e Manuel Bernal.
JUAN AMOEDO GAÑA NA RECUPERADA SECCIÓN DE VIDEOCLIPS
O regreso da competición de videoclips ao programa do festival saldouse coa vitoria de Vincent (2026), un álbum visual creado para o artista de hip hop Oitaven baixo a dirección de Juan Amoedo, formado na Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo da Coruña.
A obra explora as consecuencias do illamento, as inseguridades e os traumas a través dun personaxe que oculta o seu rostro e que, tras permanecer durante un longo período afastado dos demais, acaba por perder a súa propia identidade.
Pola súa banda, Romantika (2025), dirixido por Laia Molina Monleón, recibiu a mención especial do xurado á dirección artística.
COMPOSTE, PROTAGONISTA DOS CONCURSOS DE PARTICIPACIÓN ABERTA
Alén das seccións competitivas, o Facom Fest resolveu os dous certames de acceso aberto convocados no marco da súa quinta edición, destinados á creación fotográfica e á produción de pezas audiovisuais de duración reducida.
Nicolás Santiso, coa obra A ollada da cidade, resultou vencedor do concurso de fotografía centrado en Santiago de Compostela, mentres que Sara Trabazo conseguiu o primeiro premio do certame de curtametraxes de sete segundos coa peza O mesmo.
Ambas as persoas recibirán un vale de 30 euros na Escola Unitaria de Compostela.
PREMIOS E PARTIIPACIÓN DE PROFESIONAIS DO SECTOR AUDIOVISUAL
As tres categorías principais do festival contaron con galardóns valorados en 200 euros. No caso da sección galega, o premio consiste nun bono de asociado ao cinema Numax e outro de 90 euros para a súa libraría. As obras vencedoras nas modalidades española e de videoclips recibirán cadanseu vale de 200 euros no establecemento de electrónica Elcom.
Ademais, o festival deseñou para esta edición uns trofeos consistentes en maquetas tridimensionais de Clac e Rec, as dúas mascotas do certame.
A selección das producións premiadas correu a cargo dun xurado profesional integrado por seis persoas vinculadas a diferentes ámbitos da creación audiovisual. Entre elas figuraron Moncho Vidal, director da Mostra de Curtas de Noia; Adela Otero, produtora audiovisual e musical de Lalín; e Miguel Gomar, director de fotografía de traballos como Os espazos en branco (2024), Algo novo que contar (2025) e Poscoito (2024).
Tamén participaron a actriz e podcaster Lidia Veiga, que interveu en filmes como Matria e Romería e forma parte de ‘Exército Mekemeke’; o guionista, director e produtor Javi Ferreiro; e Lara Caeiro, directora de arte que traballou con artistas e formacións musicais como Mondra, Fillas de Cassandra e De Ninghures.
O certame incorporou igualmente un xurado novo composto por estudantes de Comunicación Audiovisual da USC. Alba Gómez García participou na valoración das producións españolas; Valentina Unda Herrera, na categoría de videoclips; e Iris Abril Teijeira, na sección galega.
A organización habilitou, así mesmo, un sistema de votación mediante códigos QR para que as persoas asistentes puidesen escoller a súa produción favorita, destinada a recibir o Premio do Público.

