InicioCULTURALucía Suárez, directora da Galería Dupla: "A arte é algo moi universal...

Lucía Suárez, directora da Galería Dupla: “A arte é algo moi universal e nós somos unha ponte entre os artistas e o público”

A directora da galería Dupla asume este ano a presidencia de Contemporánea nunha nova etapa da asociación, que celebra esta semana a apertura conxunta da temporada expositiva das galerías galegas

Publicado o

Por David M. Sobrino Platas

A directora da galería Dupla, Lucía Suárez, asumiu este ano a presidencia de Contemporánea, a Asociación de Galerías de Arte Contemporáneo de Galicia. Faino nun momento no que o colectivo volve poñer o foco na cooperación entre os espazos galegos e na necesidade de achegar o seu traballo a públicos máis amplos.

Unha das primeiras citas desta etapa será Aberto26, a celebración coa que as galerías asociadas inauguran de maneira coordinada a nova temporada. Na conversa con Xornal de Compostela, Suárez aborda a situación do galerismo galego, o coleccionismo, a percepción das galerías como espazos inaccesibles, o apoio institucional e o papel que pode xogar Compostela dentro do panorama artístico. Tamén explica a proposta coa que Dupla participa nesta edición, ‘Back to Back’, de Hugo Alonso.

Este ano asume a presidencia de Contemporánea coincidindo cun cambio de directiva. Con que idea chega e que aspectos considera que se poden reforzar nesta nova etapa?

O posto da presidencia está concibido dentro da asociación para que sexa rotativo. Está previsto máis ou menos de dous en dous anos, aínda que se pode prolongar ou acurtar en función das circunstancias particulares de cada persoa. Penso que non hai moito que cambiar, porque todas as decisións que se toman na asociación son decisións que consensuamos.

É verdade que a asociación necesita unha xunta directiva e unha portavoz, pero esa persoa é a voz de todo o conxunto. Non entro con ganas de cambiar nada substancial dentro da asociación. Dupla vai cumprir catro anos e eu fun das últimas galerías en entrar, mentres que Trinta, por exemplo, forma parte dunha xeración que acaba de cumprir 40 anos. Ás veces hai tamén unha cuestión de relevo xeracional e, cando entramos novas galerías, temos a sensación de que temos que ir tomando ese relevo.

Que diagnóstico fai do sector das galerías de arte en Galicia e que cre que lle falta actualmente?

Galicia sempre foi un núcleo duro do galerismo, non estou dicindo ningunha novidade, pero tamén é certo que somos galerías que estamos na periferia. Non somos Madrid nin Barcelona e, dalgún xeito, temos que facer determinados esforzos. Moitas galerías da asociación asisten a feiras e tamén temos que unirnos, como facemos neste caso, para poder facernos máis fortes.

Se me preguntas persoalmente cal é unha das miñas cuestións pendentes, diría que é chegar máis á sociedade, a través da comunicación ou de actividades como os obradoiros. Nós, por exemplo, facemos moitos con nenos e con diferentes tipos de público. Hai unha parte didáctica e comunicativa que para min é importante.

Esa vontade de chegar á sociedade está tamén detrás de Aberto26?

Si, e é algo que me gustaría salientar. Aberto é a celebración da apertura da temporada expositiva en Galicia, como se fai en Madrid, Barcelona ou noutras cidades, pero aquí facémolo a nivel autonómico. Temos representación nas catro provincias e as galerías que formamos parte de Contemporánea estamos en Santiago de Compostela, A Coruña, Ourense, Vigo e Lugo.

Agora celebramos esa apertura, pero a nosa programación é anual. As galerías estamos abertas todo o ano para toda a sociedade. Dáme moita rabia que ás veces se nos vexa como algo que non é para todo o mundo.

Existe aínda esa percepción de que unha galería é un espazo reservado para un determinado tipo de público?

O que quero dicir é que a arte é algo moi universal e nós somos unha ponte entre os artistas e o público. No meu día a día na galería teño todo tipo de persoas: dende os nenos da escola que está xusto enfronte e que veñen ver a exposición ata colectivos que veñen todos os meses. Veñen coleccionistas, pero tamén estudantes universitarios de Historia da Arte…

Hai xente que estou segura de que non entra porque pensa “isto non é para min”, cando realmente si pode selo. Unha cousa é que non leves para a casa un cadro de dous por dous metros, porque igual nin tes sitio, pero podes levar unha ilustración, un gravado ou unha fotografía. E, sobre todo, non tes que entrar nunha galería necesariamente para mercar.

En caso de que queiras facelo, penso que moita xente se sorprendería ao comprobar que si pode permitirse determinadas obras. A franxa de prezos que temos nas galerías é moi ampla.

Aberto coordina as aperturas das galerías en cinco cidades. Que achega actuar conxuntamente fronte a facelo cada espazo pola súa conta?

Nós falamos dun percorrido. Traballar xuntas dálle máis forza e máis significado ao noso traballo e, por suposto, ao dos artistas, porque sen eles isto non tería sentido.

Cada galería constrúe unha especie de crebacabezas cos artistas que quere representar e coa súa propia liña. Cada unha ten o seu sitio e o seu espazo, e a nosa labor consiste en ir presentando, mostrando, difundindo e comunicando o traballo dos artistas mediante unha programación anual.

Ata ese punto penso que a nosa labor é principalmente de difusión. A venda vén por engadidura. O importante é que os medios, a xente, os coleccionistas, os visitantes e o público xeral poidan conectar coa obra do artista. E, por suposto, tamén traer propostas e artistas de primeiro nivel.

A programación reúne pintura, fotografía, escultura e outras linguaxes. Cre que aínda existe unha visión demasiado limitada do que pode ser a arte contemporánea?

Creo que iso xa está bastante superado. Está acontecendo, por exemplo, coa cerámica, que agora mesmo está presente en galerías prestixiosas, como debe ser. Agardo que ocorra tamén coa ilustración. Son cuestións nas que imos avanzando pouco a pouco.

No caso concreto da exposición de Dupla, Hugo Alonso fai cinema e videoinstalación, pero o que imos presentar aquí é obra pictórica, acompañada da súa faceta musical coa alterego de Lynda Blair. Ese desdobramento do artista vai estar representado cun vinilo e tamén coa ambientación sonora da exposición.

Que importancia ten o coleccionismo privado para a supervivencia das galerías galegas?

É fundamental. Non creo que o relevo xeracional estea desaparecendo. Todo muda e os hábitos poden cambiar, pero a arte existe dende que existe o ser humano e iso non vai desaparecer. Tampouco van deixar de existir espazos que apoien esa creación.

O que cambian son os hábitos, as formas de mercado ou as maneiras de adquirir as obras. As galerías damos moitas facilidades para que a xente poida comprar, por exemplo mediante cotas. Non somos algo inaccesible. Esa imaxe de inaccesibilidade detéstoa porque non é real. Hai que romper un pouco esa porta fría.

Debería existir máis colaboración entre galerías privadas, administracións, universidades e centros culturais?

Iso é precisamente algo que facemos en Aberto. Temos colaboración de entidades públicas e privadas. Está a Xunta de Galicia, Abanca, a USC, o Consello da Cultura Galega, o Hotel Compostela e o Centro de Arte Fundación María José Jove, ademais das propias galerías.

Tamén existe unha colaboración que comezou o ano pasado e que continúa este ano cunha segunda convocatoria dunha mostra que se celebra na sede da Fundación Abanca na praza de Cervantes. Ao final, aí temos representadas entidades públicas, privadas e as propias galerías, que somos estruturas privadas pero cunha vocación moi social. Iso gustaríame salientalo porque as galerías aportan moitísimo tecido cultural.

Onde debe situarse o equilibrio entre esa función cultural e a necesidade de que unha galería sexa economicamente viable?

Todas as axudas son necesarias. É moi importante que estruturas deste tipo teñamos apoios, porque somos proxectos que dependen moito de factores externos. Non é doado ter unha galería e defender unha programación anual.

Ao final hai exposicións que poden saír mellor e outras peor, e todo o apoio é fundamental para facilitar que estes proxectos poidan saír adiante. Non podemos separar a actividade económica dunha galería de todo o que aporta a nivel social e cultural. As galerías soportamos moitísima incerteza e atravesamos diferentes fases.

Dupla abre a temporada con ‘Back to Back’, de Hugo Alonso. Por que escolliches precisamente este proxecto para Aberto26?
Pintura de Hugo Alonso – Cedida
Pintura de Hugo Alonso – Cedida

Escoller a Hugo Alonso para esta edición de Aberto reforza o propio concepto de Dupla. É un artista que encarna dentro de si mesmo esa idea porque está cheo de dualidades. Emprega o branco e negro, móvese entre o real e o fantástico, entre a natureza e a tecnoloxía e tamén entre a pintura e o cinema.

As súas imaxes tampouco nos deixan ver todo. Ten moitos retratos nos que as persoas aparecen de costas e interpela moito o espectador para que poidamos desenvolver as múltiples interpretacións que poden ter as súas obras. Hugo Alonso representa moi ben o concepto de Dupla porque é un artista que se desdobra a si mesmo.

Un deses desdobramentos é precisamente a relación entre a súa pintura e a súa faceta musical como Lynda Blair.

Si. El ten unha relación moi forte co cinema e recoñece como influencia a tipoloxía feminina das películas de Hitchcock, por exemplo Tippi Hedren. Pero as dúas facetas máis identificativas de Hugo son probablemente a pintura e a música, e non quere renunciar a ningunha. Móvese entre eses dous polos: o plástico e o sonoro.

Penso que o talento dun artista pode canalizarse de formas diferentes. Hai moitos artistas que esculpen e pintan, por exemplo. No seu caso, esa convivencia entre disciplinas reforza moito o concepto de duplicidade da galería.

Esa mestura de linguaxes pode ser tamén unha maneira de explicar como funciona a creación contemporánea actual?

A arte contemporánea son un montón de cousas, é cultura visual: cinema, pintura, son, instalación, performance… Hugo é un dos artistas que, para min, mellor encarna esa plástica contemporánea actual.

Estudou entre Salamanca e Roma e tamén ten influencias de Caravaggio. Cando estaba estudando en Roma podía ver moitas das súas pinturas e iso aparece nunha obra cun contraste moi forte e cunha capacidade moi grande de suxestión. Ten ese pouso do pasado clásico, cun traballo moi elegante, pero ao mesmo tempo é completamente contemporáneo. Esa combinación fai del un artista moi interesante.

Despois de case catro anos de Dupla, percibes máis interese pola arte contemporánea en Santiago?

Se me preguntas concretamente por Santiago, é unha cidade que recibe moitísimas visitas de persoas de fóra, e iso nótase na galería. Hai moitos visitantes estranxeiros, algo que se percibe especialmente se o comparamos co que comentan compañeiros con galerías situadas en cidades que non teñen esa mesma afluencia.

ÚLTIMAS

O Festival Maré reunirá en Santiago artistas de máis de 16 países na súa sétima edición

O Festival Maré celebrará do 23 ao 27 de setembro a súa sétima edición...

Pedro Blanco inicia unha rolda polos barrios de Santiago para elaborar propostas coa veciñanza

O candidato socialista á Alcaldía de Santiago, Pedro Blanco, iniciou este martes '#ConversasDeBarrio', unha...

Verea comprométese a reducir a 30 días o pagamento aos provedores no primeiro ano de mandato

O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, volveu situar os prazos de...

Un estudo sobre o canco colorrectal do CHUS-IDIS recibe un dos Premios DISCOVERGI

A doutora Nieves Martínez Lago, do Servizo de Oncoloxía Médica do Complexo Hospitalario Universitario...

O Festival Maré reunirá en Santiago artistas de máis de 16 países na súa sétima edición

O Festival Maré celebrará do 23 ao 27 de setembro a súa sétima edición...

O XV Encontro Artes pola Integración arranca en Santiago con danza contemporánea no Teatro Principal

O Teatro Principal de Santiago abrirá o vindeiro martes, 15 de setembro, a programación...

‘Artesanamente’ reunirá en Santiago máis de 40 marcas e levará os oficios tradicionais á rúa

Santiago de Compostela volverá converterse durante tres días nun escaparate para os oficios tradicionais,...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here