InicioCULTURAO WOS Festival estende a súa novena edición por nove espazos de...

O WOS Festival estende a súa novena edición por nove espazos de Santiago con 26 proxectos artísticos

O encontro comeza este venres e desenvolverase durante tres días cun peso destacado da creación audiovisual e das estreas, mentres que o Concello achega por primeira vez unha subvención nominativa de 45.000 euros financiada coa taxa turística

Publicado o

Xornal de Compostela

O WOS Festival x SON Estrella Galicia inicia este venres, 11 de setembro, a súa novena edición en Santiago de Compostela, cun programa de tres días que reúne 26 proxectos artísticos nacionais e internacionais e que volverá utilizar a propia cidade como parte da estrutura do encontro. Concertos, sesións de DJ, performances, cinema, conversas e propostas centradas na escoita distribuiranse por nove espazos composteláns ata o domingo.

O director do festival, Iván Arias, presentou este xoves a edición acompañado pola responsable de patrocinios musicais de SON Estrella Galicia, Helena Pereiro; a concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao, e o comisario do Xacobeo 2027, Marcos Gómez Román. Na súa intervención, Arias insistiu en que a dimensión do WOS non se limita ao cartel artístico, senón que se constrúe a partir da relación das propostas coa arquitectura, o patrimonio e os diferentes usos dos lugares nos que se desenvolven.

“A cidade en si mesma é o escenario onde transcorre o evento”, resumiu o director, que definiu a experiencia global do público como unha das características que a organización procura manter desde as primeiras edicións. Isto permitirá pasar ao longo da fin de semana de concertos nun teatro ou nunha igrexa a música de club, propostas ambientais, sesións audiovisuais ou actividades ao aire libre.

O percorrido desta edición inclúe o Teatro Principal, a Igrexa da Universidade, a Fundación Eugenio Granell, a Sala Capitol, a Fundación Laboral da Construción, o Parque de Bonaval, o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), a Sede Afundación e NUMAX. Son espazos con condicións e funcións diferentes que a organización emprega para adaptar os formatos das actuacións e modificar tamén a maneira na que o público se relaciona con elas.

“Non somos un festival de escenarios”, apuntou Arias, que explicou que a intención é que desprazarse por Compostela forme parte da propia experiencia do WOS. A programación combina así edificios históricos e culturais do centro da cidade con espazos abertos e instalacións de características máis industriais.

A presenza da creación audiovisual terá especial peso nesta edición. O programa principal abrangue música electrónica, experimentación sonora, directos, DJ sets, performance e proxectos híbridos, cunha parte importante das propostas concibidas como concertos audiovisuais.

A dirección do WOS destacou tamén a cantidade de artistas que chegarán a Compostela para presentar novos traballos ou formatos por primeira vez en España, ademais dunha estrea mundial. Entre eles atópase Blood of Aza, que levará ao festival a primeira presentación mundial do seu novo espectáculo audiovisual.

O cartel inclúe tamén estreas estatais como mātr, de Paul Jebanasam; Friction, de Slikback xunto a maltdisney e Tasya; Foundry, de Yu Su, ou Who Owns the Dark?, de Demdike Stare, ademais das novas propostas audiovisuais de Space Afrika e Visible Cloaks. Artistas como Ana Roxanne, Ben Vince, Israa Shalaby, Juli Deák, Midori Hirano, Shackleton, SKY H1 ou Tujiko Noriko chegan tamén con traballos recentes.

Arias vinculou este número de primeiras presentacións ao posicionamento internacional alcanzado polo festival dentro do circuíto da música experimental. Segundo explicou, artistas que anteriormente reservaban as súas estreas españolas para citas de grandes cidades están optando agora por Compostela pese á diferenza de capacidade económica con outros eventos.

“O contexto global do festival, o posicionamento e a identidade están moi vinculados a unha estética moi concreta e aí é onde realmente somos competitivos”, sinalou. O director incidiu en que a intención da organización non é construír o cartel exclusivamente mediante nomes recoñecibles, senón crear un lugar para descubrir novos artistas e formas contemporáneas de expresión.

A programación musical volverá estar acompañada pola denominada Formación Expandida, coa que o festival pretende incorporar públicos que non necesariamente teñen interese nos concertos de electrónica ou nas sesións nocturnas.

Nesta parte do programa haberá cinema, conversas, actividades de pensamento e sesións de escoita, varias delas con acceso gratuíto. Arias explicou que estas iniciativas permiten aproximarse á música desde formatos máis inmersivos ou concentrados e ampliar a relación do WOS coa cidadanía.

A Fundación Eugenio Granell recuperará as sesións de Escoitas, iniciadas na pasada edición arredor dun altofalante deseñado polo compostelán Juan Portela Seijo a finais da década de 1970. Nesta ocasión participarán Pablo del Muelle, José Walias LZRCT, Clara Brea e Sara Resines, con propostas que abordarán cuestións como o arquivo, a paisaxe sonora, a selección musical e a cultura material vinculada á música.

A Fundación acollerá ademais este venres unha conversa arredor de Demdike Stare, dúo de Manchester ligado á música experimental, moderada polo xornalista estadounidense Shawn Reynaldo. O encontro buscará achegar ao público a traxectoria e o contexto creativo do proxecto desde un formato diferente ao do concerto.

Outra das actividades estará dedicada á propia organización cultural. A conversa First Floor abordará as condicións nas que se desenvolven os festivais independentes, desde a súa dependencia da financiación pública e dos patrocinios ata os problemas derivados de xestionar programacións repartidas por múltiples localizacións.

Participarán Elisa Luengo, vinculada ao festival Le Guess Who?, dos Países Baixos, e a Electrónica en Abril; Christopher Bryant, de Brighter Sound, en Manchester; Jirka Novak, de Lunchmeat, en Praga, e Joaquim Durães, de Tremor, nas Azores. O encontro estará tamén moderado por Shawn Reynaldo.

NUMAX regresará igualmente á programación coa estrea en España de New York 78, unha produción sobre a contracultura neoiorquina vinculada a figuras como Patti Smith e Laurie Anderson. O programa cinematográfico complétase con Invisible People, que contará coa presenza do seu director, Rodrigo Areias, para participar nun coloquio posterior coa audiencia.

A celebración do festival coincide ademais cunha colaboración con ‘El Muelle 1931 Shop’, na rúa de San Pedro, onde durante tres días pasarán 15 DJs, selectoras e persoas coleccionistas, cinco por xornada.

A iniciativa está centrada na cultura do disco e na escoita compartida, coa intención de poñer o foco non só na sesión musical, senón tamén na selección, o coleccionismo e o intercambio de referencias arredor do formato físico. Arias enmarcou a colaboración na vontade de incorporar á programación outros puntos da cidade e, neste caso, darlle presenza tamén á rúa de San Pedro.

“O que queremos que sexa WOS non é unha sucesión de concertos, senón un espazo para descubrir, escoitar música, encontrarse, percorrer a cidade doutra maneira e gozar dela durante tres días”, resumiu.

Unha das novidades desta edición está tamén no modelo de financiamento municipal. A concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao, anunciou durante a presentación que o festival recibe este ano por primeira vez unha subvención nominativa do Concello de Santiago por importe de 45.000 euros.

Ata agora, explicou, o WOS concorría ás convocatorias municipais de subvencións culturais. O novo mecanismo busca ofrecer maior previsibilidade á organización dun evento que require pechar contratacións, producións e espazos con antelación.

A achega procede da recadación do imposto municipal sobre as estadías turísticas. Louzao defendeu que estes recursos deben regresar a iniciativas que repercutan tanto no sector local como nas persoas que visitan Compostela e na propia veciñanza.

“Con esta axuda directa o que queriamos era dar estabilidade e seguridade aos promotores do festival”, explicou a concelleira, que avanzou a intención municipal de estudar a evolución da contía en próximas edicións, aínda que advertiu das limitacións orzamentarias e do número de festivais que se desenvolven actualmente na cidade.

Segundo sinalou, a incorporación desta partida nominativa permite ao Concello manter os recursos das convocatorias en concorrencia competitiva e, ao mesmo tempo, establecer unha vía específica para o WOS. Louzao vinculou estas políticas tanto á diversificación da oferta cultural como ao sostemento do tecido profesional compostelán.

A concelleira incidiu tamén na relación entre o festival e o patrimonio da cidade, coincidindo estes días con outras iniciativas municipais arredor dos espazos históricos. Na súa opinión, o formato do WOS permite combinar “o patrimonio que recibimos do pasado coas novas linguaxes e coas novas expresións”.

Pola súa banda, Helena Pereiro, responsable de patrocinios musicais de SON Estrella Galicia, explicou a continuidade do apoio da marca pola proximidade entre a proposta do festival e a liña do seu proxecto musical.

Pereiro sinalou conceptos como vangarda, descubrimento, espazos singulares, artistas emerxentes ou convivencia entre diferentes disciplinas como elementos compartidos entre ambas as iniciativas.

Diferenciou esta liña doutros patrocinios musicais máis orientados a propostas maioritarias e explicou que SON Estrella Galicia busca proxectos cunha selección artística específica. “Proxectos como WOS encaixan coa filosofía”, afirmou.

O comisario do Xacobeo 2027, Marcos Gómez Román, explicou pola súa parte o respaldo ao evento a partir de tres elementos: a colaboración institucional e público-privada, a diversidade cultural e a capacidade para atraer público exterior.

Gómez Román destacou que no financiamento e colaboración arredor do festival coinciden diferentes administracións e entidades privadas e vinculou esta fórmula ao modelo que se pretende desenvolver de cara ao próximo Xacobeo.

Tamén incidiu na presenza de propostas afastadas dos formatos musicais máis habituais dentro das programacións patrocinadas. Fronte aos festivais centrados en estilos de maior difusión, sinalou a presenza no WOS de electrónica, música alternativa, vangarda e disciplinas artísticas que superan o formato estritamente musical.

O representante do Xacobeo referiuse ademais ao impacto da chegada de asistentes de fóra de Santiago, tanto pola proxección exterior como pola actividade económica asociada á cultura.

Preguntado pola procedencia do público, Iván Arias explicou que arredor do 52% ao 54% das persoas que adquiren entradas para o WOS proceden de fóra de Galicia, unha porcentaxe que se mantén relativamente estable nas últimas edicións.

Segundo os datos facilitados polo director, Madrid é a cidade desde a que máis entradas se venden, mesmo por diante de Santiago, mentres que o festival recibe tamén asistentes procedentes de lugares como Barcelona, Londres, Berlín ou Colonia.

O público internacional representa habitualmente entre o 6% e o 8% do total. Arias situou estas cifras dentro das dimensións dun festival de nicho, cunha capacidade moito menor que a dos grandes eventos musicais.

O WOS conta cunha limitación aproximada de 1.000 persoas por día na programación de pago, condicionada tamén polos aforos dos edificios nos que se desenvolve. A organización considera que ese formato reducido é parte do seu modelo e sitúa o festival dentro dun circuíto europeo de encontros experimentais que traballan igualmente con capacidades limitadas.

Estas cifras, ademais, non recollen todas as persoas que participan no WOS. Parte da programación é gratuíta e permite incorporarse ao festival sen adquirir abono ou entrada, a través das actividades da Fundación Eugenio Granell, do CGAC, de NUMAX, de ‘El Muelle’ ou do Parque de Bonaval.

Este último espazo incorporouse á estrutura do festival despois da pandemia, cando as restricións nos interiores levaron á organización a buscar formatos ao aire libre. A resposta do público levou ao WOS a manter a proposta como unha das vías para abrir o festival á cidade sen necesidade de entrada.

ÚLTIMAS

Rozas defende que Santiago xestione directamente os fondos estatais de vivenda

A tenenta de alcaldesa de Santiago, María Rozas, defendeu que o Concello poida xestionar...

O Compostela Street regresa ao Campus Sur con tres días de deporte, arte urbana e concertos

O Compostela Street celebrará a súa segunda edición os días 18, 19 e 20...

Os CEIP e escolas unitarias de Santiago abren o curso con 4.299 escolares

O curso escolar comezou este mércores en Santiago con 4.299 nenos e nenas matriculados...

A USC dá por controlada a situación no San Clemente e agarda unha avaliación técnica para decidir as obras

A Universidade de Santiago de Compostela considera controlada a situación no Colexio Maior San Clemente...

O Compostela Street regresa ao Campus Sur con tres días de deporte, arte urbana e concertos

O Compostela Street celebrará a súa segunda edición os días 18, 19 e 20...

‘El Muelle 1931 Shop’ reúne 15 DJs e coleccionistas en tres xornadas arredor da cultura do disco en Santiago

O barrio de San Pedro converterase durante tres días nun dos puntos de encontro...

Intelixencia artificial, robótica e impresión 3D entran na programación dos centros socioculturais de Santiago

A rede municipal de centros socioculturais de Santiago de Compostela porá en marcha no...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here