InicioCULTURASanmartín destaca a proxección internacional do Premio Compostela para Álbums Ilustrados, que...

Sanmartín destaca a proxección internacional do Premio Compostela para Álbums Ilustrados, que recibe 265 obras de diferentes países

O XIX certame recoñece 'El Hombre y la Luna', dos italianos Paolo Domeniconi e Guía Risari, e inclúe tamén unha obra finalista e un accésit

Publicado o

Xornal de Compostela

O XIX Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados xa ten obra gañadora. A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, anunciou este luns o fallo do xurado dun certame ao que concorreron 265 proxectos procedentes de diferentes países europeos e latinoamericanos, unha cifra que, segundo destacou, confirma a continuidade dun premio “absolutamente consolidado” no ámbito do álbum ilustrado.

A obra gañadora é El Hombre y la Luna, asinada polos italianos Paolo Domeniconi e Guia Risari. Sanmartín explicou que se trata dun traballo arredor da lúa, da súa presenza simbólica e da procura da beleza a través do desexo de alcanzala. A alcaldesa definiu a proposta como un álbum que aborda “un tema universal” cunha dimensión visual e literaria que foi salientada polo xurado.

O premio suporá a edición da obra nas cinco linguas peninsulares, dentro da colaboración entre o Concello de Santiago e a editorial Kalandraka, promotora do certame xunto á administración municipal. A presentación pública do libro terá lugar nos próximos meses, cando os autores se despracen a Compostela para dar a coñecer o proxecto premiado.

Ademais da obra gañadora, o xurado recoñeceu como finalista Contar a Tedez, da autora arxentina Ailin Monjeau. Segundo explicou Sanmartín, o álbum propón un percorrido por unha cidade viva a través dunha estrutura numérica, na que van aparecendo diferentes persoas, espazos e relacións ata conformar unha imaxe colectiva da vida urbana. A alcaldesa sinalou que a obra fala de cidades “vivibles” e dos vínculos que se xeran entre quen as habitan.

A calidade deste traballo levou tamén a Kalandraka a asumir a súa publicación, polo que Contar a Tedez chegará igualmente ás librarías. Sanmartín puxo o foco en que tanto esta obra como a recoñecida co accésit son primeiros proxectos das súas autoras, unha circunstancia que, ao seu xuízo, amosa a capacidade do premio para abrir espazo a novas voces no ámbito da ilustración e da literatura infantil.

O accésit foi para Morada, da portuguesa María Luisa Ornelas, un álbum sen palabras que aborda a dificultade de atopar un fogar. A alcaldesa indicou que a obra trata “un tema absolutamente básico, fundamental”, como é a vivenda, a través dunha protagonista e da figura dun gato, empregando exclusivamente as ilustracións para construír o relato.

Sanmartín subliñou que o Premio Compostela cumpre unha dobre función: por unha banda, recoñecer o traballo de creadoras e creadores cunha traxectoria xa consolidada, como acontece nesta edición cos autores italianos distinguidos co primeiro premio; e, por outra, dar visibilidade a novas autoras que presentan as súas primeiras obras. “Conseguimos que haxa novos valores, nova xente a quen se lle está dando unha oportunidade”, afirmou.

A rexedora tamén agradeceu o labor do xurado, integrado por Mercé Gali, José Luis Polanco, Yara Kono, Xosé Cobas e Manuela Rodríguez, de Kalandraka. Sanmartín incidiu na complexidade de avaliar 265 propostas e destacou o traballo realizado para seleccionar as obras recoñecidas nesta edición.

A alcaldesa pechou a presentación avanzando que Compostela acollerá nos vindeiros meses a presentación de El Hombre y la Luna, unha obra que, sinalou, chega nun momento no que a lúa volverá ter presenza no debate público pola proximidade dun eclipse.

O CONCELLO ESTUDARÁ O PROXECTO DO NOVO APARCADOIRO DO CHUS

Preguntada polo proxecto presentado pola Xunta para o novo aparcadoiro do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, con arredor de 1.500 prazas e unha solución provisional doutras 500, Sanmartín indicou que o Concello fará unha valoración detallada cando os servizos municipais poidan analizar a documentación.

A alcaldesa explicou que a administración autonómica se comprometeu a remitir nos próximos días o PIA para o seu estudo. Nunha primeira valoración, sinalou que ao Goberno local “non lle parece mal” a nova localización prevista nin o incremento de prazas, aínda que lamentou que os aparcadoiros provisionais non estivesen xa habilitados tendo en conta os prazos que require a licitación e construción do aparcadoiro definitivo.

Sanmartín lembrou que o Concello xa puxera no seu día unha parcela a disposición das persoas usuarias do CHUS e insistiu na necesidade de axilizar tanto a solución provisional como o proxecto definitivo. Tamén valorou que se vaia executar a obra da glorieta da Volta do Castro, unha actuación que o Concello considera relevante para mellorar a accesibilidade da contorna hospitalaria.

SANMARTÍN EVITA A POLÉMICA POLA REUNIÓN COA XUNTA

Sobre as declaracións da titular autonómica de Vivenda, que cuestionou a ausencia da alcaldesa nunha reunión sobre o aparcadoiro, Sanmartín respondeu que non quere abrir “ningún tipo de controversia” e que o obxectivo municipal é que a infraestrutura se constrúa “canto antes”.

A rexedora indicou que o Concello estivo representado na comisión de seguimento e reiterou a súa disposición a colaborar para que o aparcadoiro definitivo e as solucións provisionais poidan avanzar.

A ALCALDESA ESPERA QUE AS ACAMPADAS NOS SOPORTAIS DE RAXOI SEXAN PUNTUAIS

Sanmartín tamén foi preguntada polos desaloxos de persoas acampadas nos soportais do Pazo de Raxoi, rexistrados en días consecutivos. A alcaldesa confiou en que non se converta nunha conduta habitual e sinalou que a maioría das persoas que visitan Santiago respectan as normas básicas de convivencia.

“Espero que non”, respondeu sobre a posibilidade de que estes episodios se repitan, antes de engadir que confía en que se trate dunha situación puntual.

ÚLTIMAS

Mercedes Rosón: “Aprendemos a ser aínda máis dignas e máis coherentes co que sempre pensamos”

Mercedes Rosón fala hoxe con Xornal de Compostela poucos días despois de anunciar que...

Desaloxan por segundo día consecutivo un peregrino acampado nos soportais do Pazo de Raxoi, no Obradoiro

A Policía Local desaloxou por segundo día consecutivo un peregrino que acampou nos soportais...

O PSOE reclama ao Goberno de Santiago que desbloquee as obras de García Lorca e atenda as demandas de Guadalupe

O Grupo Municipal Socialista de Santiago reclamou ao Goberno local que adopte medidas para...

O Concello de Santiago reforza coa asociación Movemento pola Paz a atención xurídica á poboación migrante

O Concello de Santiago reforzará a atención integral ás persoas migrantes empadroadas ou residentes...

O Luscofusco Fest reunirá na Sala Moon a Silee, Alddara e Noa Vigo o 18 de xullo

A Sala Moon de Santiago de Compostela acollerá o vindeiro 18 de xullo a...

O curso ‘Airas Nunes Aula de Cámara’ celebra en Santiago a súa décima edición con alumnado de 15 países

O curso 'Airas Nunes Aula de Cámara' chegará este mes de xullo á súa...

‘O Fechiño’ reforza a súa aposta polo rural de Compostela cunha programación arredor da Pedra que Fala

O festival 'O Fechiño' chega este mes de xullo á súa quinta edición cunha...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here