InicioCULTURAO Festival Atlántica medra na súa décimo cuarta edición con 33 localidades...

O Festival Atlántica medra na súa décimo cuarta edición con 33 localidades e 50 artistas

A programación desenvolverase do 26 de xuño ao 10 de xullo e reforzará a presenza da narración oral en espazos patrimoniais, naturais e culturais de toda Galicia

Publicado o

Xornal de Compostela

O Festival Atlántica celebrará a súa décimo cuarta edición entre o 26 de xuño e o 10 de xullo cunha programación máis ampla en duración, territorio e número de participantes. A cita, presentada en Santiago de Compostela, chegará este ano a 33 localidades galegas, oito máis que na edición anterior, e contará con 62 espazos escénicos e 50 artistas procedentes de Galicia, Portugal, Navarra, Zamora, Huelva e Colombia.

A directora do festival, Soledad Felloza, sinalou durante a presentación que o crecemento da programación amosa “que tras trece edicións, o Festival Atlántica revélase como un importante creador de públicos e novos escenarios para a narración oral galega aínda en crecemento”. A edición de 2026 incorpora cinco días máis respecto da anterior e mantén a aposta pola descentralización da actividade cultural, con presenza nas catro provincias galegas.

O anuncio da programación tivo lugar en Santiago, coa participación da concelleira de Capital Cultural, Turismo, Educación e Memoria Histórica, Míriam Louzao; o director xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo M. Lorenzo; o alcalde de Dodro, Francisco X. Castro; a alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez; o alcalde de Pazos de Borbén, Luciano Otero; o alcalde de Outes, Francisco Calo; e a concelleira de Cultura e Turismo de Teo, Mª Margarita Rosende, ademais de representantes da organización.

O festival conta co patrocinio da Xunta de Galicia, da Deputación da Coruña e da Deputación de Lugo, así como co apoio dos concellos participantes, entre eles o Concello de Santiago de Compostela, onde se realizou a presentación desta nova edición.

A directora definiu Atlántica como “un festival maduro, cunha identidade consolidada e cunha rede de colaboración que medrou co tempo”. Nese sentido, lembrou que varias das persoas que hoxe forman parte da escena galega da narración oral iniciaron a súa relación profesional co festival, que nos últimos anos contribuíu á creación de novos públicos e circuítos arredor da palabra escénica.

Segundo explicou Soledad Felloza, a programación mantén como eixo a defensa dos espazos de encontro. “Nun momento marcado pola velocidade e pola desconexión humana, seguimos reivindicando a importancia dos circuítos profesionais e dos espazos de encontro. Traballamos cunha arte milenaria, pero tentando responder a unha necesidade moi contemporánea: volver atoparnos”, afirmou.

A responsable do festival indicou tamén que Atlántica busca contribuír á consolidación dun ecosistema cultural “diverso, descentralizado e conectado co territorio”, no que poidan relacionarse creadoras, institucións e públicos. Para a organización, a narración oral mantén un valor artístico, mais tamén unha función comunitaria, ao favorecer a participación cultural e o diálogo entre xeracións.

Un dos trazos centrais desta edición será a relación entre patrimonio material e patrimonio inmaterial. Durante quince días, o festival levará espectáculos, roteiros, visitas guiadas, conferencias e lecturas a castelos, castros, petróglifos, mámoas, lavadoiros, eiras, airas, pozos do liño, escolas indianas, museos, bibliotecas, xardíns botánicos, sendas ecolóxicas, centros culturais e outros espazos singulares.

A programación chegará a concellos como A Coruña, Santiago, Ferrol, Mugardos, Teo, Ribeira, Vimianzo, Ourense, Castroverde, Quiroga, Taboada, A Fonsagrada ou Xunqueira de Ambía, entre outras localidades. A organización subliña que esta distribución permite conectar ámbitos urbanos e rurais a través da palabra contada e reforzar a presenza da cultura oral en espazos non sempre vinculados aos circuítos escénicos habituais.

Nesta décimo cuarta edición continuará tamén o Ciclo Novas Voces, con actividade en sedes como Santiago, Mugardos, Ribeira, Pazos de Borbén, Outes ou A Fonsagrada. A iniciativa procura abrir espazos profesionais para creadoras e creadores emerxentes, en diálogo con artistas con traxectoria consolidada. O ciclo conta coa colaboración doutros proxectos e festivais, como AHOZ AHOZ de Guipúscoa, o Festival de Zamora e a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia.

Entre as persoas participantes neste apartado figuran Amaia Elizagoien, Esmeralda Folgado, Fernando Palitos e Santiago Giraldo, coñecido como Profe Kuro. A través deste ciclo, o festival mantén a súa aposta pola renovación da escena da palabra, pola experimentación escénica e pola incorporación de novas linguaxes á tradición oral.

A dimensión internacional e ibérica tamén terá continuidade nesta edición. Xunto á representación galega, o programa incluirá artistas de Portugal, País Vasco, Zamora, Huelva e Colombia, mantendo o intercambio transfronteirizo e ampliando os vínculos con proxectos arredor das artes escénicas da palabra. A programación incluirá propostas para público adulto, familiar e infantil, ademais de estreas, lecturas públicas, conferencias e actividades vinculadas á memoria popular.

A edición de 2026 incorporará ademais propostas relacionadas co legado de Ramón Otero Pedrayo, coincidindo co 50 aniversario do seu falecemento. A organización sinala que esta presenza busca reforzar o diálogo entre tradición e contemporaneidade e manter o vínculo do festival coa memoria cultural de Galicia.

Outro dos momentos destacados será a lectura pública da obra de Begoña Caamaño, realizada coa colaboración de ASPANAES e aberta á participación da sociedade galega. O festival presenta esta actividade como unha mostra da súa dimensión comunitaria e inclusiva, ao incorporar entidades sociais e favorecer a participación colectiva arredor da literatura e da palabra.

No apartado de recoñecementos, a Cornamusa de Honra será entregada á profesora e investigadora Camiño Noia, especialista no estudo e difusión do conto popular e da tradición oral galega. A homenaxe pon o foco no papel das mulleres tanto na transmisión como na investigación da cultura oral.

A accesibilidade volverá formar parte da programación. Varias propostas contarán con interpretación en lingua de signos, dando continuidade a unha liña de traballo que o festival mantén desde hai anos. A diversidade tamén estará presente coa participación do artista non vidente Francisco de Romualdo e en proxectos desenvolvidos coa comunidade, como a lectura pública de textos de Begoña Caamaño.

ÚLTIMAS

Prisión provisional e sen fianza para o detido polo atropelo mortal en Bertamiráns

O detido polo atropelo mortal sucedido este mércores en Bertamiráns, no municipio coruñés de...

Borja Verea promete reducir a menos de 20 días o pagamento aos provedores do Concello de Santiago

O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, comprometeuse a situar o período...

Dous detidos en Santiago mentres roubaban xoias nun domicilio do centro

Dúas persoas foron detidas o pasado domingo tras ser pilladas 'in fraganti' mentres roubaban...

Investigado por asasinato o detido logo dun atropelo intencionado en Ames no que a vítima faleceu

A Garda Civil investiga por un delito de asasinato ao detido este mércores por...

Novo “museo da arte urbana” nunhas galerías comerciais de Santiago

Oito novos murais, creados por artistas referentes de Galicia, transformaron unhas galerías comerciais de...

Música blues, soul, jazz ou rock encherá as rúas de Compostela este agosto no festival ‘Feito a man’

O festival "Feito a man" 2026 encherá de música e actividades gratuítas as rúas...

O destino definitivo das estatuas de Abraham e Isaac será o Museo do Pobo

O Museo do Pobo Galego de Santiago de Compostela foi o lugar elixido para...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here